Lintel
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Un lintel ou padieira é un elemento estrutural horizontal, que salva un espazo libre entre dous apoios. É o elemento superior que permite abrir ocos nos muros para conformar portas e xanelas. Pode ser feito de diversos materiais.
No centro do lintel é onde a peza experimenta as maiores tensións, sendo estas de compresión na cara superior, e de tracción na inferior. Os materiais ríxidos, como as rochas, soportan peor os esforzos a tracción, polo que a patoloxía máis habitual nos linteis pétreos son as fisuras que xorden desde a cara inferior.
Os mellores expoñentes de arquitectura con lintel son os edificios monumentais do antigo Exipto e a Grecia clásica.