See also ebooksgratis.com: no banners, no cookies, totally FREE.

CLASSICISTRANIERI HOME PAGE - YOUTUBE CHANNEL
Privacy Policy Cookie Policy Terms and Conditions
Marlene Dietrich - Wikipedia

Marlene Dietrich

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

Marlene Dietrich (Berlín-Schöneberg, 27 de decembro de 1901 - París, 6 de maio de 1992). O seu verdadeiro nome era Marie Magdalene Dietrich; Sieber era o seu apelido de casada. Foi unha actriz e cantante alemá. Obtivo éxito internacional coma artista nos anos 1930 e foi a primeira alemá en dar o salto a Hollywood. Filla de Louis Erich Otto Dietrich e Wilhelmina Elisabeth Josephine Felsing, era chamada Lena pola súa familia; máis tarde, sendo unha adolescente, había fusionar os seus dous nomes creando o que sería o seu nome artístico, Marlene. Marlene comezou estudando violín, logo traballou nun coro, e máis tarde foi actriz en obras teatrais de Max Reinhardt en Berlín e Viena durante os anos 1920.


Índice

[editar] Biografía

[editar] Xuventude

Placa conmemorativa na súa casa de nacemento na rúa Leberstraße 65, no barrio Rote Insel en Berlin-Schöneberg.
Placa conmemorativa na súa casa de nacemento na rúa Leberstraße 65, no barrio Rote Insel en Berlin-Schöneberg.


Marlene foi a segunda filla do lugartenente da policía real Louis Erich Otto Dietrich e da súa muller Josefine Wilhelmine Elisabeth (nada Felsing) en Schöneberg, na actualidade un barrio de Berlín.

A irmá maior de Marlene chamábase Elisabeth. Supostamente levou xunto co seu home un cinema frecuentado por tropas das SS durante a Segunda Guerra Mundial en Bergen-Belsen, por iso Marlene ignorou a existencia da súa irmá en moitas ocacións.

Despois da morte do pai de Marlene en 1907, a súa nai casou co lugartenente Eduard von Losch.

Os seus primeiros anos pasounos na rúa Leberstraße 65 (Sedanstraße ata 1937), na chamada Illa vermella, cursando estudos na Auguste-Viktoria-Schule na rúa Nürnberger Straße. Recibiu clases de música e en 1918 comezou a súa formación de violinista na escola de música, Musikhochschule, de Weimar. En 1921 proseguiu os seus estudos en Berlín, tendo que abandonalos ao ano seguinte por mor dunha tendidite.

Durante unha audición no Deutscher Theater foi collida polo sonado director de teatro Max Reinhardt para o seu primeiro papel dramático.

Despois disto obtivo pequenos papeis no cine.

En 1923 casou con Rudolf Sieber, un axudante de produción; e no 13 de decembro de 1924 naceu a súa filla Maria Elisabeth Sieber.


[editar] O comezo da súa sona mundial

En 1929, despois de numerosos papeis e actuacións en cine mudo, Marlene foi descoberta polo director Josef von Sternberg , na obra de teatro Zweit Krawatten, quen andaba na procura dunha protagonista feminina para o primeiro filme con son, Der Blaue Engel (O anxo azul); baseado na novela Professor Unrat de Heinrich Mann. Marlene conseguiu o éxito co papel de Lola Lola. A película foi filmada á vez en inglés e alemán. A canción que aparece no filme cantada por Marlene co título de Ich bin von Kopf bis Fuß auf Liebe eingestellt (Falling in love again na versión en inglés) foi un hit a nivel mundial.


[editar] Emigración no 1933

A Dietrich, como é popularmente coñecida en Alemaña, marchou canda o seu director a América e asinou coa Paramount Pictures.

En 1930 foi nominada como mellor actriz principal ao Óscar polo seu papel no filme Marokko (a tradución sería Marrocos). Foi a súa única nominación aos premios Óscar.

Nos anos vindeiros realizou cinco filmes máis baixo a dirección de Sternberg.

Shanghai Express (O Expreso de Shanghai), 1932, foi o filme que obtivo un maior éxito comercial.

No 1935 produciuse o fin da colaboración de Marlene Dietrich con Sternberg.

En 1936 rexeitou a oferta de Goebbels, quen lle prometera altos honorarios e a libre elección de guión e traballadores para que rodase filmes en Alemaña.

Dietrich seguiu actuando en películas filmadas nos EE.UU. ás ordes de directores tales coma; Hitchcock, Lubitsch, Welles e Wilder.

En 1939 adoptou a nacionalidade norteamericana.

A mediados dos anos 1930 os seus filmes non conseguiron o éxito esperado entre os espectadores. O xeito de superar esta rúa sen saída foi un cambio de imaxe que a Dietrich efectuou no filme Der grosse Bluff (algo así como A grande botada por fóra). De deusa inaccesible pasou a camareira de bar, a cal cantaba cancións obscenas cun efecto moi ben logrado grazas á súa voz rouca.

Nos anos que seguen comezou a facerse máis coñecida a través das súas cancións, a maioría cantábaas falando. Entroutras destacan "Lili Marleen" (coñecida pola versión feita pola cantante Lale Andersen) e "Sag mir, wo die Blumen sind" ("Dime onde están as flores"; unha canción que fala da perda de vidas dos soldados finados en van na Segunda Guerra Mundial).


[editar] Apoio ás tropas na Segunda Guerra Mundial

Marlene Dietrich asina un autógrafo a un soldado ferido dos Estados Unidos (Bélxica, 1944)
Marlene Dietrich asina un autógrafo a un soldado ferido dos Estados Unidos (Bélxica, 1944)


Xa dende que estivera en París, Marlene apoiaba activa e economicamente a aqueles que axudaban a outras persoas a fugarse e tamén a artistas emigrados.

Despois de que o seu querido Jean Gabin se alistase voluntariamente en América nas Forzas de Liberación francesas, Marlene morría igualmente por contribuír coa súa axuda na loita contra o fascismo.

Decidiu que, como non podía loitar por non ser un home, había cantar para os GIs, os soldados americanos, o máis preto posible da fronte. Durante a Ofensiva das Ardenas, librouse por pouco de ser capturada.

Por mor da súa solidaridade incondicional cos boys que estaban a loitar, foi unha das actrices máis queridas e populares das visitas que ían en apoio ás tropas en África e Europa. Máis tarde había expresar que nunca tivera un contacto tan intenso co seu público.

Ao fin da guerra voltou a Alemaña xunto coas tropas americanas. En Stolberg, Aachen, foi recoñecida por unha alemá e, para a súa sorpresa, saudada con ledicia. Esta reacción inesperada non había ser un caso illado, outras mulleres do lugar reuniron ingredientes para faceren un biscoito de benvida, que segundo a súa declaración, foi o manxar máis exquisito que probara en toda a súa vida.

Tamén tivo éxito na busca da súa nai e da súa irmá; puido falar brevemente por radio coa súa nai, e por fin, vela tamén en Berlín. A súa nai, que se xurara a si mesma sobrevivir a Hitler, morreu en novembro de 1945.

O seu compromiso contra o Réxime Nazi obtivo un recoñecemento considerablemente anterior a nivel internacional que na súa patria alemá. En 1947 recibiu a Medal of Freedom, a Medalla da liberdade, a condecoración máis elevada para os civís nos Estados Unidos. En 1951 foille entregado o título de Chevalier de la Legion d'Honneur (Cabaleiro da lexión de honra) polo goberno francés. En anos vindeiros, os presidentes Pompidou e Mitterrand ascendérona a Oficial e, finalmente, a Comandante da lexión de honra.

[editar] A súa volta tras a guerra

A partir de 1953 traballou case exclusivamente como cantante en teatros e colleitou un éxito mundial. Entre 1953 e 1954 actuou en shows en Las Vegas no Sahara Hotel, e máis no Café de Paris en Londres. O seu acompañante musical foi a partir de 1955 e durante case dez anos Burt Bacharach.

En 1960 voltou a Alemaña e a Berlín nunha xira europea. Como Marlene resaltou, o seu público en Alemaña quedou entusiasmado co seu show. Porén non foi o único co que se topou en Alemaña, onde algúns sectores da poboación e da prensa a consideraban unha traidora á patria, chegando a recibir ameazas de bomba.

En 1961 rodou o seu último grande filme Das Urteil von Nürnberg (O xuízo de Nuremberg), que trata as implicacións que houbo de xuristas no sistema de inxustizas nazi.

En 1962 actuou en Düsseldorf na gala de UNICEF.

En 1963 actuou en Baden-Baden no Festival Alemán de Schlager, un tipo de música popular en Alemaña que se caracteriza por un ritmo pegadizo con letras sinxelas e moi repetitivas.


[editar] Regreso a París

Os problemas de alcolismo de Marlene comezaron a ir en aumento, e abandonou a súa carreira dramática tras unha fractura de muslo que sufriu durante unha actuación nun teatro en Australia en 1975. Tres anos máis tarde actuou por última vez fronte á cámara no filme Schöner Gigolo, armer Gigolo, xunto a David Bowie, entroutros. Na devandita película Marlene fixo o seu papel sentada nunha cadeira de rodas. Despois da rodaxe, Marlene deixou por completo a vida pública retirada no seu apartamento da Avenue Montagne en París, cuxo leito non abandonou ata a súa morte. A súa filla Maria ocupouse de coidala.

Anos máis tarde animouse a saír nun documental sobre si mesma. Ao principio, o director Maximilian Schell obtivo o permiso desta para a filmar, pero pasado o tempo había botarse atrás e só autorizou a gravación da súa voz nun magnetófono. Schell decidiu mesturar as gravacións con fragmentos de fotos e filmes nos que actuara Marlene. O filme remata con Ferdinand Freiligrath recitando o poema Der Liebe Dauer, que facía chorar a Marlene. O documental Marlene estivo nominado aos premios Óscar coma mellor documental.

O seu primeiro libro apareceu en 1963 co título ABC meines Lebens (O ABC da miña vida). En 1979 saíu do prelo a súa primeira autobiografía; Nehmt nur mein Leben (Tomade só a miña vida). En 1987 publicouse unha modificación da anterior co título de; Ich bin Gott sei Dank Berlinerin (Eu son, grazas a Deus, berlinesa).


[editar] Morte e recoñecemento na súa cidade natal

Lápida da nai de Marlene Dietrich, Josefine von Losch
Lápida da nai de Marlene Dietrich, Josefine von Losch
Tumba no cemiterio Berlin-Friedenau coa inscrición:Hier steh ich an den Marken meiner Tage ("Aquí estou eu na marca dos meus días") do escritor Theodor Körner
Tumba no cemiterio Berlin-Friedenau coa inscrición:
Hier steh ich an den Marken meiner Tage ("Aquí estou eu na marca dos meus días") do escritor Theodor Körner


Marlene Dietrich finou en 1992 en París, oficialmente, por problemas de corazón e nervios.

Norma Bosquet, a súa secretaria e amiga, que a visitaba case a diario no seu piso de París, aclarou que Marlene probablemente se suicidara cunha inxesta de somníferos; Marlene sufrira dous días antes o seu segundo ataque de apoplexía.

Foi enterrada no cemiterio municipal de Schöneberg III, na rúa Stubenrauchstraße 43-45 (o cemiterio tiña antigamente o nome de Friedenauer Friedhof), nunha modesta tomba preto da da súa nai.

Nos días que seguiron á súa morte voltou ser chamada "traidora á patria". Foi criticada en cartas de lectores publicadas en xornais, e tamén pola actriz Evelyn Künneke. Tíñase previsto realizar un acto conmemorativo na súa memoria, mais oficialmente por razóns organizativas, foi anulado. Aínda no 1996 había controversas en Berlín coa intención de que unha rúa levase o seu nome.

No berlinés barrio de Tiergarten, dende 1997, a praza central entre o novo centro comercial Potsdamer-Platz-Arkaden, o Hotel Grand Hyatt e o Musicaltheater/Casino, chámase Marlene-Dietrich-Platz (Praza Marlene Dietrich). Na dedicatoria está escrito: Estrela mundial berlinesa do cinema e da canción. Unha aposta pola liberdade e a democracia, para Berlín e a Alemaña.

No aniversario do seu centenario, en 2001, o land de Berlín desculpouse polos tratos hostís que se lle deran. O 16 de maio de 2002 foille outorgada póstuma a Cidadanía de honra de Berlín.

[editar] O mito da Dietrich

Marlene Dietrich convenceu ao público a través do seu carisma andróxino, do cal se sentían atraídos na mesma medida tanto homes coma mulleres. A miúdo vestía prendas de home, o que na súa época era algo revolucionario. Isto foi unha das razóns que repercutiron para que fose ensalzada coma ídolo do Movemento Feminista entre as dúas guerras mundiais, ademais de como icona do Movemento Gai.


aa - ab - af - ak - als - am - an - ang - ar - arc - as - ast - av - ay - az - ba - bar - bat_smg - bcl - be - be_x_old - bg - bh - bi - bm - bn - bo - bpy - br - bs - bug - bxr - ca - cbk_zam - cdo - ce - ceb - ch - cho - chr - chy - co - cr - crh - cs - csb - cu - cv - cy - da - de - diq - dsb - dv - dz - ee - el - eml - en - eo - es - et - eu - ext - fa - ff - fi - fiu_vro - fj - fo - fr - frp - fur - fy - ga - gan - gd - gl - glk - gn - got - gu - gv - ha - hak - haw - he - hi - hif - ho - hr - hsb - ht - hu - hy - hz - ia - id - ie - ig - ii - ik - ilo - io - is - it - iu - ja - jbo - jv - ka - kaa - kab - kg - ki - kj - kk - kl - km - kn - ko - kr - ks - ksh - ku - kv - kw - ky - la - lad - lb - lbe - lg - li - lij - lmo - ln - lo - lt - lv - map_bms - mdf - mg - mh - mi - mk - ml - mn - mo - mr - mt - mus - my - myv - mzn - na - nah - nap - nds - nds_nl - ne - new - ng - nl - nn - no - nov - nrm - nv - ny - oc - om - or - os - pa - pag - pam - pap - pdc - pi - pih - pl - pms - ps - pt - qu - quality - rm - rmy - rn - ro - roa_rup - roa_tara - ru - rw - sa - sah - sc - scn - sco - sd - se - sg - sh - si - simple - sk - sl - sm - sn - so - sr - srn - ss - st - stq - su - sv - sw - szl - ta - te - tet - tg - th - ti - tk - tl - tlh - tn - to - tpi - tr - ts - tt - tum - tw - ty - udm - ug - uk - ur - uz - ve - vec - vi - vls - vo - wa - war - wo - wuu - xal - xh - yi - yo - za - zea - zh - zh_classical - zh_min_nan - zh_yue - zu -