Conflito de Darfur
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O conflito de Darfur (ou xenocidio de Darfur) é un conflito armado que ocorre na rexión de Darfur, no oeste do Sudán, que confronta principalmente aos janjawid (milicianos recrutados entre os baggara, tribos nómades africanas de lingua árabe e relixión musulmá) cos pobos non-árabes da área. O goberno sudanés, aínda que negue publicamente que apoia os janjawid, tenlles fornecido armas e asistencia e ten incluso colaborado en ataques conxuntos. Tivo comezo en febreiro de 2003 e segue hoxe en día.
As mortes causadas polo conflito estímanse entre 50.000 (Organización Mundial da Saúde, setembro de 2004) e 450.000 (Dr. Eric Reeves, 28 de abril de 2006). A maioría das ONGs traballa coa estimativa de 400.000 mortes. O número de persoas obrigadas a deixar os seus lares estímase en 2.000.000. Os medios de comunicación veñen describindo o conflito como un caso de "limpeza étnica" e de "xenocidio". O goberno dos EUA tamén o considera xenocidio, aínda que as Nacións Unidas aínda non o teñan feito.
Cando os combates se intensificaron en xullo e agosto de 2006, o Consello de Seguridade das Nacións Unidas aprobou a Resolución 1706, de 31 de agosto de 2006, que prevé o envío dunha nova forza de mantemento da paz da ONU, composta de 20.000 homes, para substituír as tropas da Unión Africana presentes no lugar, que contan con 7.000 soldados. O Sudán oponse á Resolución e, no día seguinte, lanzou unha grande ofensiva na rexión.
A diferenza da Segunda Guerra Civil Sudanesa, que opuxo o norte musulmán ao sur cristián e animista, en Darfur non se trata dun conflito entre musulmáns e non musulmáns pois a maioría da poboación é musulmá, inclusive os janjawid.
Índice |
[editar] Antecedentes
Darfur ten cerca de 5 a 6 millóns de habitantes, nunha rexión con baixo nivel de desenvolvemento: só 44,5% dos nenos do sexo masculino - e un tercio do feminino - frecuentan a escola.
Tres tribos son predominantes na rexión: os fur (que emprestan o nome á rexión), os masalit e os zaghawa, en xeral negros musulmáns.
O Sudán ten unha historia de conflitos entre o sur e o norte do país, que resultaron na primeira (1955-1972) e na segunda (1983-2005) guerras civís sudanesas. A segunda confrontación causou cerca de dous millóns de mortos e máis de catro millóns de refuxiados, en ambos os casos principalmente no sur.
[editar] O conflito
En 2003, dous grupos armados da rexión de Darfur rebeláronse contra o goberno central sudanés, proárabe. O Movemento de Xustiza e Igualdade e o Exército de Liberación Sudanesa acusaron o goberno de oprimir os non-árabes en favor dos árabes do país e de neglixencia na rexión de Darfur.
En reacción, o goberno lanzou unha campaña de bombardeos aéreos contra localidades darfurenses en apoio a ataques por terra efectuados por unha milicia árabe, os janjawid. Estes últimos son acusados de cometer grandes violacións dos dereitos humanos, inclusive asasinatos en masa, saqueos e o estupro sistemático da poboación non-árabe de Darfur. Os janjawid tamén practican o incendio de aldeas enteiras, forzando os sobreviventes a fuxir para campos de refuxiados localizados en Darfur e no Chad; moitos dos campos darfurenses atópanse cercados por forzas janjawid. Ata o verán de 2004, morreran entre 50.000 e 80.000 persoas e polo menos un millón fuxiran, provocando unha gran crise humanitaria na rexión.
En setembro de 2004, o Consello de Seguridade da ONU aprobou a Resolución no. 1564, que estabeleceu unha comisión de investigación en Darfur para avaliar o conflito. En xaneiro de 2005, a ONU divulgou un relatorio afirmando que aínda que teña habido asasinatos en masa e estupros, aquela organización internacional non estaba en condicións de clasificalos como xenocidio, Debido a "unha aparente falta de intención xenocida" (tradución libre do inglés).
En maio de 2006, o Exército de Liberación Sudanesa, principal grupo rebelde, concordou cunha proposta de acordo de paz co goberno. O acordo, preparado en Abuja, Nixeria, asinouse coa facción do Movemento liderada por Minni Minnawi. No entanto, o acordo rexeitouse tanto polo Movemento Xustiza e Igualdade como por unha facción rival do propio Exército de Liberación Sudanesa, dirixida por Abdul Wahid Mohamed el Nur.
Os principais puntos do acordo eran o desarme das milicias janjawid e a incorporación dos efectivos dos grupos rebeldes ao exército sudanés. A pesar do acordo, os combates continuaron.
[editar] Fotos
[editar] Ligazóns externas