Serafín Avendaño Martínez
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Serafín Avendaño Martínez é un pintor galego que naceu en Vigo en 1838. A moi temperá idade, co seu irmán Teodomiro, trasládase a Madrid. É discípulo de Esquível e de Villaamil. Vivamente apaixonado pola luz, o vigués sitúase no campo co caballete, para captar directamente a realidade non desde as formas estritas, senón desde o cromatismo.
Foi un exemplo do preimpresionismo da pintura galega. De lento pero firme recoñecemento internacional na actualidade, aínda que en vida gozou de considerable prestixio, especialmente en Italia, onde residiu longos anos.
Comeza moi novo a conseguir galardóns, xa que en 1858 alcanza medalla de prata na Exposición de Galiza, cunha acuarela aínda anecdótica, titulada «A miña tristura». A súa pintura parte da escola paisaxística creada polo belga Carlos de Haes, aínda que pronto se afasta dos seus modos un tanto preciosistas e fríos.
A posición económica familiar de Avendaño permítelle viaxar polo mundo. Na década dos sesenta coñece Estados Unidos, onde se fan famosos os seus cadros coa impresión dos torrentes fluviais das cataratas do Niágara. Viaxa tamén a Inglaterra, Francia e Suíza. Competindo con Martín Rico, alcanza pensión para Roma. En 1864 consegue a terceira medalla na Exposición Nacional de Belas Artes, galardón que repite en 1892, e a segunda en 1899, compartíndoa con outro galego prematuramente falecido, Jenaro Carrero Fernández.
As súas correrías por Europa lévanlle a establecerse en Italia a partir de 1876. Alí reside ata finais da centuria, integrándose na escola paisaxística de Rivara, na que exerce notable influencia.
A súa fama lévalle a conseguir distincións da Coroa belga e a amizade íntima do gran compositor Giuseppe Verdi, en cuxa finca «La Traviatta» pasa tempadas de traballo e relacións cordiais.
De cando en cando, regresa a España, para participar en certames e mostrar a súa obra. En Vigo traballa na finca familiar de Bellavista, no arranque da barriada de Teis. Os últimos anos da súa vida pásaos en Valladolid, onde lle chega a morte en plena guerra Europea. O seu prestixio levoulle a formar parte do xurado de exposicións nacionais, e a colaborar na revista «Blanco y Negro», a partir do ano 1893 e ata 1911.
En Italia organízanse numerosas exposicións póstumas das súas obras, desde 1930 a 1990, en Roma, Turín, Xénova e Milán. En Espña dedícaselle atención a partir de 1940, cando o Museo de Pontevedra, por iniciativa do mestre Xosé Filgueira Valverde, organiza a mostra titulada Enrique Campo e os seus precedentes.
Falece en Valladolid en 1916.
[editar] Bibliografía
- Manuel Murguía: Os precursores. A Coruña, 1886.
- Pantorba, Bernardino de: Historia y crítica de las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes. Madrid, 1980.
- Lafuente Ferrari, Enrique: Breve historia de la pintura española. Madrid, Edit. Tecnos. 1953.
- Chamoso Lamas, Manuel: «Arte», en Galicia. Barcelona, Edit. Noguer. 1976.
- Álvarez Blázquez, Xosé María: A cidade e os días. Edic. Monterrey. Vigo, 1960.
- Pablos, Francisco: Pintores galegos do Novecentos. A Coruña, Fundación Barrié de la maza, 1981.
- Pablos, Francisco: Plástica galega. Vigo, Caixavigo, 1981.
- Caamaño Fdez. Rosa E.: Serafín Avendaño. Tese doutoral e textos no catálogo da exposición antolóxica. Vigo, Caixavigo, 1991.
- VV. AA.: Vigo na súa historia. Vigo, Caixavigo, 1979.
- Arias Anglés, Enrique: La pintura de paisaje en España en el siglo XIX.
- Consuelo Bouzas: A pintura galega. A Coruña, Porto, 1950.