Rocha metamórfica
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
As rochas metamórficas son rochas que foron alteradas por procesos de presión ou temperatura, capaces de cambiar as súas propiedades físicas ou químicas. Calquera rocha, independentemente da súa orixe ígnea, sedimentaria e ata metamórfica, pode volver a metamorfizarse.
O estudo das rochas metamórficas proporciona información moi interesante sobre as temperaturas e presións no interior da codia terrestre, así como permite a identificación de grandes eventos xeotectónicos ocorridos no pasado, fundamentais para o entendemento da actual configuración dos continentes.
Existen tres categorías de rochas: ígneas, sedimentarias e metamórficas. As rochas ígneas fórmanse mediante a solidificación dun fundido silicatado denominado magma; as rochas sedimentarias fórmanse por unha variedade de procesos a baixas temperaturas próximas ou na superficie. A terceira categoría, as rochas metamórficas, foron orixinalmente ígneas, sedimentarias ou ata metamórficas, pero o seu carácter foi cambiado por procesos operantes por baixo da superficie da Terra.
Un dos factores que controlan o proceso metamórfico é a temperatura. Debe terse presente que a fonte de calor para estas transformacións provén da desintegración radioactiva de isótopos que ocorre no interior do noso planeta. Xa que a superficie do mesmo está sometida a un continuo arrefriamento, existe un aumento gradual da temperatura coa profundidade, ao que usualmente se chama gradiente xeotérmico. Este aumento varía dunha zona a outra da codia terrestre sendo o seu valor medio de 1ºC cada 33,00 metros. Diso xorde que unha rocha a medida que se ve sometida a condicións mais profundas vese inmersa nun medio de maior temperatura e de maior presión.
As elevadas presións e temperaturas existentes no interior das cadeas de montañas son o principal mecanismo formador de rochas metamórficas.
Índice |
[editar] Tipos de metamorfismo
Por regra xeral fálase de dous tipos de metamorfismo, rexional e de contacto.
- Metamorfismo rexional: prodúcese como consecuencia de procesos oroxénicos e é a forma de metamorfismo máis común. Neste metamorfismo increméntase a temperatura e a presión á que se ven sometidas as rochas. Posto que os minerais se desenrolan baixo presións dirixidas en condicións oroxénicas, están obrigados a medrar paralelamente entre si e perpendiculares a estas presións. Orixínase así unha foliación intensa na rocha (xistosidade) simultánea co metamorfismo, polo que estas rochas denomínaselles polo xeral xistos.
- Metamorfismo de contacto: prodúcese a causa de intrusións ígneas que alcanzan zonas relativamente frías e superficiais da codia, as que se quentan conforme o magma arrefece. É polo tanto un metamorfismo de alta temperatura e baixa presión que orixina aureolas concéntricas en torno á rocha ígnea, cuxa extensión depende do volume de magma incluído. Son rochas típicas de este metamorfismo as corneanas, que se caracterizan por posuír minerais que crecen ao chou ao non estar sometidos a presión dirixidas.
Outra forma de clasificar os tipos de metamorfismo, seguindo outros autores sería:
- De contacto.
- Dinamometamorfismo.
- Metamorfismo rexional.
- Ultrametamorfismo.
[editar] Axentes do metamorfismo
- Presión.
- Temperatura.
- Fluídos quimicamente activos.
[editar] Efectos do metamorfismo
- Cambio de estrutura das rochas.
- Recristalización dos minerais existentes.
- Orixínase xistosidade.
- Os minerais de estrutura folluda (mica, talco, clorita) dispóñense cos seus eixes maiores perpendiculares á dirección da forza (das presións litostáticas, das capas de rochas superiores).
- Os fósiles que puidera conter a rocha antes do metamorfismo son destruídos.
- A composición primaria (química) dos minerais permanece invariábel.
[editar] Clasificación das rochas metamórficas
Temos moitas solucións á hora que clasificar ás rochas metamórficas, aínda que dun xeito moi simplificativo podemos baseala na presencia ou ausencia de foliación.
- Rochas foliadas, a súa vez podíamos subdividir estas en función do tipo de foliación, do tamaño de gran e dos minerais índice.
- O xisto.
- O gneis.
- Rochas non foliadas.
- O mármore.
- A cuarcita.
- As corneanas.
[editar] A textura das rochas metamórficas
[editar] Grao de cristalinidade (tamaño do gran)
No caso das rochas metamórficas considérase importante o tamaño medio dos cristais, porque é unha calidade indicativa do grao metamórfico acadado, un maior grao de cristalinidade quere dicir que as rochas tiveron un maior grao metamórfico.
- Baixo: son rochas nas cales os cristais son identificábeis a simple vista, como algúns xistos.
- Medio: rochas nas cales os cristais son identificábeis a simple vista ou cunha lupa.
- Alto: son rochas nas cales os cristais teñen un tamaño notable.
[editar] Forma e distribución de tamaños dos cristais
Son as diferentes texturas das rochas metamórficas, que xeralmente estabelécense coa axuda dun microscopio:
- Granoblástica: o tamaño de todos os cristais é parecido e forman un mosaico de grans con tendencia ao empaquetado hexagonal, soen ser característica das rochas metamórficas monominerais (cuarcitas, mármores) e das corneanas.
- Lepidoblastica: consta dun amoreamento de minerais planares (micas), os cales están orientados de forme que as súas caras planares son paralelas entre si. Soen ser características rochas metamórficas micáceas (como algúns gneis).
- Nematoblástica: é similar á lepidoblástica, só que neste caso o amoreamento non é de minerais con hábito planar, senón acicular. Soe ser características das anfibolitas
- Porfidoblástica: cando se observa unha serie de cristais de gran tamaño (porfidoblastos) englobados nunha matriz composta por grans dun tamaño sensiblemente menor, é dicir, existen dous amoreamentos de distintos cristais. Xeralmente, os porfidoblastos son os minerais que indican as condicións que existiron durante o metamorfismo.
[editar] Minerais metamórficos
Entre os minerais que se forman por este proceso atopamos cianita ( ou distena), estaurolita, sillimanita, andalucita e tamén granates.
Outros minerais, como olivina, piroxeno, anfíbolo, cuarzo, feldespato e mica, poden ser identificados como rochas metamórficas, pero que non son necesariamente resultado do metamorfismo. Estos minerais fórmanse durate a cristalización das rochas ígneas. Estes minerais teñen un punto de fusión moi elevado, por tanto son estables a altas temperaturas e presións. Durante estes procesos metamórficos, estas rochas poden ver alterada a súa composición química. Non obstante, todos os minerais son estábeis a altas temperaturas até certos límites. A presenza de segundo que tipo de minerais nas rochas indica a temperatura e presión a que foi formada. Os minerais de metamorfismo de baixo grao (presión e temperatura baixas) son: serpentina, talco, clorita e epidota; os de metamorfismo grao medio (presión e temperatura moderadas): kyanita, andalucita, estaurolita, biotita e horneblenda; e os de alto grao (presión e temperaturas elevadas) son: sillimanita, forsterita...