Referendo escocés de 1979
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O Referendo escocés de 1979 foi a primeira consulta popular para a reinstauración da asemblea lexislativa en Escocia, logo da súa supresión en 1707. Celebrouse o 1 de marzo de 1979 e o seu resultado foi negativo malia venceren as papeletas que desexaban un si. Case vinte anos máis tarde, en 1997, outro referendo emendaba este e recuperaba o Parlamento escocés.
Índice |
[editar] Preguntas
O referendo escocés de 1979 era unha consulta poslexislativa que tivo lugar unicamente en Escocia e onde se valoraban os contidos da Lei de Escocia de 1978. Nesta proposta de lei, recuperábase a existencia dunha cámara lexislativa escocesa, pero negábaselle a capacidade ás autoridades escocesas de xestionar a súa propia economía establecendo distintos sistemas impositivos, que foi un tema que monopolizou a campaña electoral
Ás escocesas e aos escoceses preguntóuselles daquela por unha única cuestión:
- Quere que o estipulado pola Lei de Escocia entre en vigor?
[editar] Posicionamentos
A complexa estrutura do referendo levou a tamén unha complexa campaña, onde os apoios e os rexeitamentos non estaban claros. O Partido Laborista e o Partido Nacional Escocés apoiaban oficialmente a devolución, pero no seu interior estaban divididos. Entre os laboristas, porque non todos crían na devolución e moitos preferían que a capacidade lexislativa estivese toda concentrada en Westminster. E entre os nacionalistas, porque uns entendían que ese era un paso máis cara á independencia e outros pensaban que era unha manobra de distracción.
Ademais, o feito de que o novo parlamento non tivese capacidade para xestionar os seus propios impostos restáballe credibilidade e circulou amplamente a idea de que só suporía un gasto maior de burocracia.
[editar] Resultados
O resultado da pregunta foi afirmativo.
Si | Si (%) | Non | Non (%) | Participación (%) |
1,230,937 | 51.6 | 1,153,500 | 48.4 | 63.8 |
[editar] Resposta do goberno
Aínda que a maioría dos escoceses votou a prol dese proxecto de Lei de Escocia, o goberno rexeitou o referendo porque non se cumpriu unha cláusula sobre a participación: os votos afirmativos debían superar os negativos, e ademais debían ser máis do 40% do electorado. Cunha abstención do 37,2% iso era practicamente imposible: deberían de acharse nunha proporción de 5 a 2. Seguidamente, o Parlamento británico rexeitou a Lei de Escocia por 301 votos contra 206.