See also ebooksgratis.com: no banners, no cookies, totally FREE.

CLASSICISTRANIERI HOME PAGE - YOUTUBE CHANNEL
Privacy Policy Cookie Policy Terms and Conditions
Picanzo real setentrional - Wikipedia

Picanzo real setentrional

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

Picanzo real
Estado de conservación
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Paseriformes
Familia: Laniidae
Xénero: Lanius
Nome científico
Lanius excubitor
Coñeza toda a Bioloxía en Wikispecies, o directorio dos seres vivos

O picanzo real setentrional ou picanzo real (Lanius excubitor), é un paxaro do tamaño dun merlo (uns 25 cm. de lonxitude e ó redor de 36 cm. de envergadura de alas) que vive en áreas de clima subártico, boreal e temperado da rexíón holártica. Está presente tamén en zonas de estepa e montañas altas da Asia central. A ave semellante que vive no sur do continente europeo, o picanzo real meridional , que foi considerada ata hai pouco unha subespecie, é hoxe clasificada como especie separada co nome científico de Lanius meridionalis. Ámbalas dúas especies, moi próximas, procuran hábitats diferentes nos lugares onde coinciden e non hibridan, o que, xunto coas diferencias na plumaxe levou á separación en dúas especies.

Índice

[editar] Descrición

É un paxaro de aspecto xeral agrisado coa cola longa, con partes das plumas negras e, dependendo das variedades, brancas. Ë característico o tronco gris, máis escuro sempre pola parte superior có papo e o ventre, que pode ser case branco nalgunhas razas. Unha lista negra estreita vai da base do bico negro e ganchudo, pasando por sobre dos ollos ata a zona dos oídos, onde se fai algo máis ancha. En máis das variedades esta máscara facial ten unha beira branca estreita. As alas, relativamente anchas e arredondadas, son negras. Cando están pousados amosan unha pequena mancha branca nas alas, ou dúas nalgunhas subespecies. A área dos ombreiros ten unha beira clara, as veces branca pura. As remeiras secundarias teñen tamén as beiras brancas. A cola ten unha coloración contrastada negra e branca. O picanzo real do norte ten cando voa un aspecto branco-gris-negro, no que destacan a cola longa e, en xeral, arredondada, branca e negra e a mancha branca das alas.

O dimorfismo sexual e pouco marcado, limitándose a pequenas diferencias de coloración. As femias teñen unha plumaxe menos contrastada, coas partes brancas de alas e cola máis pequenas e menos delimitadas da zona negra. As áreas que no macho son de cor negra pura poden ter un Tono máis acastañado nas femias. As plumas remeiras primarias dos exemplares novos teñen unha orla ancha branca e o seu bico non é negro, senón castaño, con tons ocres na parte inferior.

Voan desde un punto de espreita a outro cun voo en forma de arco, que recorda algo o dun gorrión. Pouco antes de chegar o punto de destino fan unha elevación brusca. Cando se desprazan distancias longas, fano cun voo dereito e moi rápido.. Poden planear ou voar a vela tramos curtos.

[editar] Subespecies

L.e.leucopterus
L.e.leucopterus

Diferéncianse polo tamaño e pola coloración, especialmente pola extensión das áreas brancas nas las e a cola e pola presencia ou non dun debuxo branco no peito e a barriga. As subespecies adoitan separarse en dous grupos: o occidental, que está composto polas razas L.e.excubitor, L.e.galliae, L.e.melanopterus, L.e.homeyeri e L.e.leucopterus, e o oriental, que integran as variedades L.e.borealis, L.e.invictus, L.e.sibiricus, L.e.mollis, L.e.funereus e L.e.bianchii.

Os representantes do grupo occidental son máis claros, coas alas máis curtas e manchas alares meirandes canto máis ó leste viven. Non teñen debuxos en forma de ondas no peito e o ventre, que son, en xeral, de cor branca suxa. A parte superior ten diversos tonos do gris,. A única excepción sería a raza escura do extremo norte L. e. melanopterus, que, coma L. e. homeyeri aparece ocasionalmente no centro do continente. Os membros do grupo oriental son en xeral meirandes e máis escuros, amosando tons castaños na parte superior e cun debuxo no papo e a barriga.

  • Grupo occidental:
  • L.e. excubitor (coas subespecies non universalmente recoñecidas L. e. galliae e L.e. melanopterus, unha forma escura que é probablemente un híbrido entre L. e. excubitor e L. e. sibiricus) espallase polo oeste, centro e norte de Europa ata á parte norte da Siberia occidental .
  • L. e. homeyeri: vive dende o sueste de Europa e Transcaucasia ata o centro de Siberia occidental. Máis claro cá forma típica con manchas brancas grandes nas alas.
  • L. e. leucopterus, do sudoeste de Siberia. Noi claro, coa gorxa de cor branca pura, e grandes campos brancos nas alas.
  • Grupo oriental:
  • L. e. sibiricus: Do leste de Siberia e norte de Mongolia. A parte superior ten tons castaños, a inferior ten listas castañas escuras sobre fondo branco agrisado. Este listado e máis escuro e definido nas dúas seguintes variedades.
  • L. e. mollis: das montañas periféricas dos montes Altai e noroeste de Mongolia.
  • L. e. funereus, a raza meirande, de plumaxe escura pouco contrastada. A parte inferior ten aspecto gris azulado con bandas negras. Vive sobre todo nas montañas altas do Tien Shan.
  • L. e. bianchii, que cría nalgunhas das illas Kuriles meridionais e en Saxalín. Claramente menor cás raxás anteriores, máis claro e cun barrado inferior pouco evidente..
  • L. e. invictus, do oeste de Norteamérica , dende o norte de Alberta ata o norte de Alasca, e posiblemente presente tamén no extremo nordeste de Siberia. Mos semellante a subespecie L. e. borealis, pero meirande e algo máis claro.
  • L. e. borealis, propio do nordeste de Norteamérica, sobre todo o norte do Quebec e norte de Ontario. Moi semellante a forma nominativa, aínda que a parte inferior do corpo e gris clara e non branca, cun lixeiro bandeado ondeante.

[editar] Especies semellantes

A grande área de distribución da especie fai que coincida con outras semellantes da mesma familia, en especial, no sudoeste e sur de Europa, coa raza local do picanzo real meridional (Lanius meridionalis meridionalis), pero tamén co (Lanius minor); e Asia central o seu territorio coincide con outra raza da especie meridional (Lanius meridionalis pallidirostris) e no leste de Asia con outra especie de picanzo o Lanius sphenocercus). Diferéncianse do picanzo real meridional polo bico algo máis curto e menos forte, as alas máis longas e as patas máis curtas. As formas nominativas das dúas especies son boas de diferenciar pola súas cores: a especie meridional e gris chumbo por riba, mentres que L. e. excubitor é gris pizarroso, con so unha marca branca nas alas e a parte inferior do corpo con tons rosados,

[editar] Voz

O canto, emitido polos dous sexos, do picanzo real do norte e moi variado e inclúe a miúdo elementos do canto doutros paxaros. Os seus berros amosan tamén unha grande variedade. Utilizan habitualmete de xeito melódico sons producidos co peteiro. Exemplos de voz poden oírse en: Chamada de contacto, e Chío de alarma.

[editar] Hábitat

Precisan arbustos ou arbores mestos, vexetación baixa e grupos de árbores na área do niño, e puntos cunha voa visibilidade. Este tipo de estructuras atópanas en paisaxes abertas con zonas pechadas de arbustos e árbores, incluíndo hortas con árbores froiteiras, e beiras de bosques e pantanos. As paisaxes dos territorios de cría e de invernada non son iguais: no inverno prefiren paisaxes máis abertas con mato e mesmo áreas cultivadas. O bosque moi pechado e as áreas nas que non haxa arbustos, mato, árbores ou sebes en cantidade dabondo non se axeitan para a especie. O tamaño do seu territorio de caza depende moito da cantidade de alimento da que poidan dispoñer, e poden variar desde territorios individuais de 40 hectáreas a territorios dun km2 compartido por varias parellas.

[editar] Distribución

O seu territorio de cría é moi extenso, centrado na taiga e na zona de transición entre esta e a tundra. En Europa crían no oeste e centro de lFrancia, no Benelux, Dinamarca, Lituania e Letonia, ademais de Alemaña e Austria, nesta en pequenas cantidades. Crían tamén no Norte de Escandinavia, Estonia, Polonia e Bielorrusia, República Checa e Eslovaquia . Polo sur e sueste chegan a Rumania, Bulgaria, Moldavia e Ucraína.

Distribución do picanzo real do norte (Lanius excubitor)   verde: Principalmente sedentario, sobre todo os machos  laranxa: Migrador: de distancias longas no norte, de distancias curtas no sur  azul: Zona de invernada
Distribución do picanzo real do norte (Lanius excubitor)
verde: Principalmente sedentario, sobre todo os machos
laranxa: Migrador: de distancias longas no norte, de distancias curtas no sur
azul: Zona de invernada

Aparece tamén no leste de Turquía e na Transcaucasia . A área de extensión meirande está nas partes europea e asiática de Rusia, onde se espalla nunha faixa relativamente ampla cara ó leste ata a rexión de Anadyr na ribeira do océano Pacífico]. A fronteira norte da súa distribución está entre os 65 e 70° de lonxitude norte. Polo sur o límite e pouco uniforme. Se exceptuamos as illas de distribución no sur de Europa, a fronteira sur pasaría por Kazakhstán, o noroeste de China, norte de Mongolia, Saxalín e as Kuriles do sur. En Norteamérica crían dende a península do Labrador pasado polo centro de Canadá ata Alasca. A fronteira sur da área de cría está no Quebec.

A zona de invernada solápase en parte coa de cría, aínda que en xeral se atopa máis ó sur e, en Europa, cara o noroeste, o que fai que no inverno aparezan nas illas Británicas. Se atopa hábitats axeitados pode criar ata alturas de máis de 2000 m. sobre o nivel do mar.

[editar] Alimentación e técnicas de caza

Son case exclusivamente zoófagos. Unicamente no outono poden complementa-la súa dieta con algunhas froitas. Os roedores pequenos, coma os do xénero Microtus, e insectívoros do xénero [[Sorex ]] son as presas máis importantes, e poden constituír ata o 90% da masa total da súa alimentación. Cabo deles os paxaros pequenos, que en épocas de grandes nevadas poden converterse na súa presa principal, cobren unha parte importante das súas necesidades nutricionais. Durante a cría dos polos os insectos de diversos tipos teñen tamén importancia alimenticia. Mais raramente capturan morcegos, anfibios, réptiles ou peixes. Moi ocasionalmente comen calaza. Poden matar presas da talla dun tordo ou dun lemming.

Picanzo real coa presa
Picanzo real coa presa

Cazan ó axexo, espreitando desde puntos situados case sempre a entre 3 e 8 metros do chan. Cando localiza unha posible presa, déixase caer verticalmente e tenta golpeala despois dun voo curto preto do chan. Cambian frecuentemente de lugar de espreita. Poden tamén, máis raramente, buscar alimento desde o aire, cun voo lento. As presas son atacadas sobre todo no chan, aínda que se ten constancia de capturas en voo de insectos e paxariños. As veces cazan paxaros pousados nas polas, cunha técnica semellante á do gabián. En condicións de moi mala visibilidade, procuran víctimas camiñando ou choutando `polo chan. Mata as presas con fortes golpes do bico, e adoita espetalas despois en espiñas ou suxeitalas nunha galla das polas, o que lle facilita o despece do cadáver e o almacenamento e vixilancia das presas. Unha despensa chea xoga tamén un papel importante na escolla dunha parella.. O papel das imitacións do canto doutros paxaros na caza non está ben estudiado, aínda que é posible que as imitacións lles sirvan para atraer a posibles víctimas.

[editar] Comportamento

Son paxaros diúrnos, con períodos de actividade ocasionais durante o crepúsculo, sobre todo coincidindo coa presencia de enxames de insectos. Pasan máis do día no lugar de espreita. Descansa entre o mato mesto ou entre as agullas de coníferas novas. Gustan de durmir, se os atopan, en agrupacións mestas de Juniperus communis. Báñanse moi frecuentemente, mergullando o corpo enteiro na auga. Despois de comeren, limpan o bico fregándoo contra unha pola.

[editar] Relacións sociais

Son aves territoriais. Fora da época de cría defenden territorios de caza individuais; durante a reproducción a parella comparte territorio. Os territorios invernais adoitan ser meirandes. En ocasións, algunhas parellas forman unha sorte de agrupación de territorios, relativamente separados dos territorios veciños, e mesmo no inverno dáse unha certa relación entre territorios individuais. As fronteiras do territorio son regularmente inspeccionadas o que pode levar a encontros con membros das mesma agrupación territorial, contra os que a conducta agresiva é menor que no caso de outros conxéneres completamente alleos.

Tanto os territorios coma as agrupacións destes son enerxicamente defendidos fronte a outros membros da especie, aínda que case nunca se chega a agresión física, limitándose a demostracións de ameaza abrindo a cola e as alase amosando o bico en posición horizontal. En casos de moita excitación ourizan as plumas da caluga e a cabeza. As posturas son acompañadas de chíos. Perante as aves de rapina relaciona de xeitos distintos: a presencia de aves cazadoras de paxaros coma o azor, o gabián, ou os falcóns provoca que avisen con forza da presencia do inimigo e se agachen entre a maleza mesta, Outros tipos de aves coma buxatos, miñatos, peneireiros ou córvidos son, na época de cría, atacados e mesmo perseguidos. Fora do tempo da reproducción, só atacan cando i inimigo se achega moito. En moi raras ocasións pode atacar a seres humanos que estean moi preto do niño. Toleran ben a presencia doutras especies de picanzos, e algúns paxaros amosan tendencia a facer o seu niño no territorio dun paxaroe que espreita tan continuamente o seu territorio, o que lles ofrece certa protección.

[editar] Migracións

Segundo as poblacións compórtanse coma aves sedentarias ou coma migradores de longa ou curta distancia. Os exemplares que crían máis ó norte pasan o inverno na súa maior parte nos territorios dos que crían máis ó sur, mentres que estes vagabundean nunha área máis ampla ou se trasladan a lugares máis acolledores climática ou nutricionalmente. As ruras migratorias non son uniformes.

Os movementos migratorios adoitan ser postos en marcha pola escaseza de alimentos, sendo en xeral as femias as primeiras en marcharen cara a zonas máis cálidas.

[editar] Reproducción

Acadan a madureza reproductora contra o final do primeiro ano de vida, aínda que moitos non se reproducen ata o segundo. Forman parellas monógamas estacionais, aínda que se dan copulas ocasionais entre femias xa emparelladas e machos membros das unións territoriais antes citadas. A formación das parellas dura case un mes, e nas aves sedentarias empeza xa a finais de febreiro. Ven marcada por unha reducción paulatina do comportamento agresivo intraespecífico. Nese tempo as femias vólvense cada vez menos independentes ata que no momento da posta son dependen completamente dos machos para alimentarse. Mesmo á hora de escoller os lugares para pousarse as femias emparelladas fano en puntos máis baixos e recollidos cós machos. No tempo culmínate do cortexo, cando empeza a construcción do niño, os machos fan voos altos para deslizarse despois sen presa cara á área do niño.

[editar] O niño

Son os machos quen escollen a situación do niño: en xeral nunha árbore ou nun arbusto alto, sobre todo os que teñen espiñas. Poden face-los niños relativamente preto do chan (uns 2 metros) ou a alturas de 20 metros ou máis. Ós niños arbóreos adoitan estar ben agachados nas zonas máis mestas da copa, invisibles dende abaixo e dende arriba. O niño sitúase a miúdo rodeado de árbores altas, que permiten ó macho bos puntos de observación. Os traballos de construcción son levados a cabo polos dous membros da parella, aínda que o macho é quen fornece máis do material. O niño é voluminoso dabondo, de aspecto irregular e algo chafalleiro, pero moi estable. Fano con, coteliños, pallas e outros materiais. A parte exterior está formada moitas veces por plantas espiñentas. O forro interno e en xeral de plumas, pelos de animal ou anacos brandos de plantas,. Algúns son reparados e utilizados máis dun ano.

[editar] Posta e cría

Poñen normalmente entre catro e sete ovos de cor variable, en xeral brancos con tons azulados ou verdosos con algunhas manchas castañas ou purpúreas, que miden de media 26,5 × 19,5 mm. fan unha posta ó ano, que pode ser repetida se se malogra. Algúns dos exemplares sedentarios da Europa occidental comezan a posta xa a finais de marzo, as aves migradoras ben máis tarde, ás veces mesmo en xuño. A posta faise cunha separación de 14 horas entre cada ovo, e a incubación empeza coa posta do penúltimo. Incuban, só as femias, entre 15 e 17 días. Os primeiros días o macho fornece o alimento para a femia e os polos; a femia colabora m,ais tarde, aínda que está máis do tempo no niño. Os picanzos novos están en condicións de voar os 19 días de vida, pero son coidados polos pais catro semanas máis antes dispersárense. Hai constancia de machos e femias sen parella que axudan á criar polos doutros picanzos reais. Os niños desta especie son parasitados polo cuco e dese tamén un certo grado de parasitismo intraespecífico.

L.e.melanopterus
L.e.melanopterus

[editar] Situación e ameazas

A situación da especie e irregular e máis complexa cá doutros pícanzos. Os seus números retroceden no oeste e centro de Europa, pero amósanse estables no norte e nordeste do continente. O uso de pesticidas, a falta de alimento, a perda de hábitats e series de invernos anormalmete fríos e longos son os principais responsables da reducción de exemplares. En Suíza desapareceu en 1987. En América a situación das poboación parece nmáis estable no oeste, aínda que faltan, coma no caso de Asia datos precisos.

[editar] Onomástica

O nome do xénero Lanius significa en latín carniceiro; o tamén latín excubitor significa ist garda ou vixilante, en referencia ó seu costume de vixiar o seu entorno..

[editar] Nomes vulgares noutras linguas

  • Alemán: Nördlicher raubwürger
  • Español: Alcaudón real
  • Francés: Pie-grièche grise
  • Inglés: Great Grey Shrike
  • Neerlandés: Klapekster
  • Polaco: Srokosz
  • Sueco: Varfågel

[editar] Literatura

  • Tom J. Cade, Eric C. Atkinson: Northern Shrike (Lanius excubitor). In: The Birds of North America. Bd. 17. Hrsg. v. A. Poole u. F. Gill. The Birds of North America, Philadelphia PA 17.2002,671.
  • Tony Harris, Kim Franklin: Shrikes & Bush-Shrikes. Including wood-shrikes, helmet-shrikes, flycatcher-shrikes, philentomas, batises and wattle-eyes. Christopher Helm, London 2000, S.58-61, 150-155. ISBN 0-7136-3861-3
  • Evgenij N. Panov: Die Würger der Paläarktis. Westarp-Wissenschaften, Magdeburg 1996, S.187-198. ISBN 3-89432-495-3
  • Jürgen Haffer: Passeriformes. Sittidae, Laniidae. Handbuch der Vögel Mitteleuropas. Bd 13,2. Hrsg. von Kurt M. Bauer und Urs N. Glutz von Blotzheim. Aula, Wiesbaden 1993 (2.Aufl.), S.1262-1328. ISBN 3-89104-535-2
  • Jochen Hölzinger (Hrsg.): Die Vögel Baden-Württembergs. Band 3.2 Singvögel 2. Eugen Ulmer, Stuttgart 1997, S.289-321. ISBN 3-8001-3483-7
  • Viktor Wember: Die Namen der Vögel Europas. Bedeutung der deutschen und wissenschaftlichen Namen. AULA, Wiebelsheim 2005, S.145. ISBN 3-89104-678-2

[editar] Ligazóns externas

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre:


aa - ab - af - ak - als - am - an - ang - ar - arc - as - ast - av - ay - az - ba - bar - bat_smg - bcl - be - be_x_old - bg - bh - bi - bm - bn - bo - bpy - br - bs - bug - bxr - ca - cbk_zam - cdo - ce - ceb - ch - cho - chr - chy - co - cr - crh - cs - csb - cu - cv - cy - da - de - diq - dsb - dv - dz - ee - el - eml - en - eo - es - et - eu - ext - fa - ff - fi - fiu_vro - fj - fo - fr - frp - fur - fy - ga - gan - gd - gl - glk - gn - got - gu - gv - ha - hak - haw - he - hi - hif - ho - hr - hsb - ht - hu - hy - hz - ia - id - ie - ig - ii - ik - ilo - io - is - it - iu - ja - jbo - jv - ka - kaa - kab - kg - ki - kj - kk - kl - km - kn - ko - kr - ks - ksh - ku - kv - kw - ky - la - lad - lb - lbe - lg - li - lij - lmo - ln - lo - lt - lv - map_bms - mdf - mg - mh - mi - mk - ml - mn - mo - mr - mt - mus - my - myv - mzn - na - nah - nap - nds - nds_nl - ne - new - ng - nl - nn - no - nov - nrm - nv - ny - oc - om - or - os - pa - pag - pam - pap - pdc - pi - pih - pl - pms - ps - pt - qu - quality - rm - rmy - rn - ro - roa_rup - roa_tara - ru - rw - sa - sah - sc - scn - sco - sd - se - sg - sh - si - simple - sk - sl - sm - sn - so - sr - srn - ss - st - stq - su - sv - sw - szl - ta - te - tet - tg - th - ti - tk - tl - tlh - tn - to - tpi - tr - ts - tt - tum - tw - ty - udm - ug - uk - ur - uz - ve - vec - vi - vls - vo - wa - war - wo - wuu - xal - xh - yi - yo - za - zea - zh - zh_classical - zh_min_nan - zh_yue - zu -