Peseta
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A peseta foi unha moeda española de curso legal en España e Andorra (nesta última, xunto ao franco francés) dende o 19 de outubro de 1868 até o 31 de decembro de 2001, cando foi substituída polo euro. Dividíase en cen céntimos.
Antes, a peseta era a forma popular coa que se denominaba os catro reais de bellón ou os dous reais de prata. É moi posíbel que a termo peseta proveña da palabra catalá peçeta (peciña), diminutivo de peça, nome co que se coñecían dende o século XV a algunhas moedas de prata.
O 19 de outubro de 1868, o ministro de Facenda do Goberno provisional do Xeneral Serrano, Laureano Figuerola, asinou o decreto polo cal se implantaba a peseta como unidade monetaria de España, ao mesmo tempo que entraba en vigor oficialmente o Sistema Métrico. A primeira peseta foi cuñada en 1869.
A peseta abréviase pta, sendo incorrecta a abreviación pts para o plural.
A peseta foi substituida polo euro no ano 1999 nos mercados de divisas. O 1 de xaneiro de 2002 o euro (€) entrou en circulación xunto coa peseta. O 1 de marzo de 2002 a peseta deixou de ser unha moeda de curso legal en España e Andorra, aínda que existe o compromiso oficial do Banco de España de cambiar o seu importe en euros en non importa cal data, ó cambio oficial único establecido, 1 euro = 166,386 pta, co redondeo correspondente ó terceiro decimal.