Pazo de Raxoi
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O Pazo de Raxoi é un edificio civil de Santiago de Compostela de estilo neoclásico, sede da corporación municipal da cidade, aínda que ao longo da historia ten acollido outros organismos. O seu nome honra ao arcebispo Bartolomé de Rajoy y Losada, que foi impulsor principal da edificación, aínda que non único.
Índice |
[editar] Situación
Está ubicado na parte occidental da praza do Obradoiro, que pecha por esa banda, fronte á fachada principal da catedral de Santiago. Á súa dereita sitúase o Colexio de San Xerome, que hoxe serve de sede do Reitorado da Universidade de Santiago; á esquerda do pazo érguese o Hospital Real dos Reis Católicos, na actualidade Hostal.
[editar] Historia
O soar sobre o cal se levanta o Pazo de Raxoi, estaba ocupado anteriormente polos cárcere, o civil e o eclesiástico, da cidade, e máis un tramo da muralla, que defendía a urbe pola parte do poñente. A dobre propiedade sobre o predio orixinou discordancias entre o Bispado e o Concello. Este apresentou un proxecto en 1764, da autoría de Lucas Ferro Caaveiro, con a idea de ubicar a Casa do Concello entre ambos cárceres. Polo súa banda, o arcebispo, Bartolomé de Rajoy, tiña en mente colocar aí o Seminario denominado de Confesores e máis a residencia para os nenos do coro catedralicio, para o que apresentaba un proxecto diferente, encaragado a Andrés García de Quiñones. Porén, ademais da controversia entre os copropietarios, surxíu unha terceira parte interesada, o Hospital Real, alegando que se atentaba contra a súa propiedade. O litixio conseguinte levou á intervención da Capitanía Xeneral de Galiza e máis da Real Cámara, resolvéndose, finalmente, de xeito salomónico, no 13 de maio de 1767, que o e futuro edificio albergase o Consistorio compostelano, o Seminario de Confesores e máis os cárceres, consonte ao proxecto do enxeñeiro Carlos Lemaur, segundo se propoñera pola devandita Capitanía Xeneral.
De acordo con a anterior resolución, o edificio foi construído segundo as trazas de Lemaur, sendo dirixidas os obras por frei Manuel de los Mártires, e como executores reais polos mestres Juan López Freire e Alberte Ricoy, e, segundo a inscrición que figura no friso do mesmo pazo, as obras extendéronse entre 1766 e 1772.
O pazo contribuíu a realzar a praza do Obradoiro, que carecía dun edificio digno nese lado, máxime cando facía poucos anos que se rematara a imponente nova fachada occidental da sé compostelana.
[editar] Descrición
O edificio correspóndese a un tipo palacial francés desenvolvido por François Mansart, en último extremo asentado sobre modelos italianos: longa loggia porticada, con perpiaños almofadillados, sobre o que se alzan os corpos correspondentes, e abrazados por unha orde colosal. A este patrón axustouse a fábrica compostelana. Sobre un plano rectangular, predomina a horizontalidade, cos case 90 m de lonxitude da fachada, apenas rota polas acróteras e frontóns do coroamento, que contrasta con a verticalidade da fachada catedralicia. No corpo inferior destaca o asoportalamento con vinte arquerías de medio punto nos lados e cinco alinteladas no centro. Sobre desta loggia desenvólvense dous corpos superiores, ambos abranxidos por columnas adosadas de orde xigante xónica, que arrancan, sobre pedestal apoiado no remate do pórtico. Entre esas columnas colosais ábrense cincuenta ocos, de tipo porta en ambos casos, pois por elas accédese ao balcón corrido que percorre toda a fachada no primeiro andar, e á unha varanda no segundo. Estes vans aseguran a luminosidade das estancias internas.
Coroa a construcción un ático adornado de balaustrada poderosa. Nos laterais colocou o arquitecto senllos frontóns curvos, e no medio un frontón triangular, sostido por columnata pareada. Deste xeito reálzase esa parte central, que ademais avanza lixeiramente para a praza, e cara a que se reclama a atención, pois nela se sitúa a entrada principal. Mentres nos frontóns laterais se colocaran senllos escudos de Rajoy, no central sitúase un tímpano que desenvolve, en relevo, a batalla de Clavijo, na que segundo a lenda interveu o mesmo Santiago apóstolo, epónimo da cidade, en auxilio dos cristiáns. Foi deseñado polo pintor galego Gregorio Ferro, e executado, en mármore, polos escultores Xosé Gambino e Xosé Ferreiro, ambos tamén galegos. Este último foi ademais o autor do Santiago ecuestre que remata a cimeira do frontón.
A parte posterior da edificación é diferente, pois un abrupto corte de terreo e a proximidade da igrexa de San Frutuoso, impuña solucións diferentes. O corpo inferior, até a altura da praza do Obradoiro, destinouse a albergar os cárceres. Colocouse un amplo patio central, e proxectáronse dous corpos laterais prismáticos, seguindos as pautas da fachada, mais con total ausencia de elementos que rompesen a estereotomía da obra, a non ser os ocos e balaustrada superior.
A sinxeleza dos elementos arquitectónicos e a pureza de liñas, fan deste edificio un dos máis importantes de España, en estilo neoclásico.
[editar] Influencias
O francés J. Sermet, foi o primeiro en sinalar, en 1950, que o pazo de Raxoi, podía estar inspirado no Capitole de Toulouse (1750-1760), obra de Cammás, e, máis tarde, o historidor da arte, o ferrolán Alfredo Vigo Trasancos, sinalou outras edificacións similares levantadas na Franza por esa mesma época, como a Mairie (Casa municipal) de Nancy, da autoría de M. Heré.
[editar] Usos
Desde a súa fundación foi casa consistorial e albergue dos confesores (linguaxeiros) que administraban penitencia ao peregrinos, e cárcere municipal (nos baixos da parte posterior). Até ben entrado o século XX seguíu a servir como residencia de cóengos. Desde a transición democrática alberga a Presidencia da Xunta de Galiza provisoriamente.
[editar] Outros
O escritor Manuel Rivas en O lápis do carpinteiro evoca a estadía dos represaliados, durante a sublevación militar de 1936, no cárcere do Pazo de Raxoi.
[editar] Bibliografía
- Chamoso Lamas, Manuel, Santiago de Compostela. A Coruña. 1980 - ISBN 84 85319 20 6
- Otero Túñez, Ramón, Rajoy, constructor, in "Cátedra. Revista Eumesa de Estudios" (Pontedeume. 2001), nº 8, páx. 57 ss.
- Vigo Trasancos, Alfredo, A arte galega: estado da cuestión. A Coruña. 1990 - ISBN 84 87172 57 1