See also ebooksgratis.com: no banners, no cookies, totally FREE.

CLASSICISTRANIERI HOME PAGE - YOUTUBE CHANNEL
Privacy Policy Cookie Policy Terms and Conditions
Megalitismo en Galicia - Wikipedia

Megalitismo en Galicia

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

Para comprender mellor os caracteres xerais deste fenómeno tan estendido, consulte o artigo megalitismo.

Historia de Galiza
Prehistoria
O Megalitismo
Idade de Bronce
Idade Antiga
Cultura Castrexa
Gallaecia
Reino Suevo
Idade Media
Reino da Galiza
A Época altomedieval
A Galicia feudal
Idade Moderna
Idade Contemporánea
O Século XIX
A Restauración
Século XX
A Segunda República
A época franquista
Presente

Dolmen de Axeitos
Dolmen de Axeitos

Galiza, o norte de Portugal até o Douro, Asturias e o occidente de León e Zamora formaban parte dunha mesma zona megalítica, con arquitecturas, enxovais, unha organización social e un sistema de crenzas que hoxe estimamos relativamente homoxéneos. O megalitismo atlántico peninsular caracterízase pola abundancia de xacementos, máis de cinco mil só en Galiza, e revela a existencia dunha poboación numerosa e moi dispersa. O fenómeno tumular galego dátase entre o VI milenio antes de Cristo e o 2000 a.C.

O megalitismo corresponde ás primeiras sociedades campesinas, que habitaban un territorio dominado polo bosque caducifolio (carballo, piñeiro e bidueira). O período climático é o que se coñece como período atlántico e parte do subboreal, isto é, un clima cálido cunha temperatura media superior á actual, mais bastante chuivoso. Abundaban tamén os prados. Detéctase unha menor porcentaxe de arboredo no contorno dos xacementos, probabelmente debido a deforestación co obxecto de aproveitar a leña.

Suponse que os lugares habitados non estarían lonxe de onde se atopan os túmulos, mais son poucos os que se teñen atopado. Daí a famosa frase de Alonso del Real: "Os habitantes do mundo megalítico morrían, pero non vivían".

Índice

[editar] Estruturas arquitectónicas

A construción característica do megalitismo son os grandes monumentos construídos con grandes pedras. Os máis abundantes e típicos son as antas ou dolmens, que son estruturas funerarias sobre as que se constrúe un túmulo. Contan cunha cámara principal e ás veces un corredor, construídas con varias laxes fincadas e cobertas por outra ou outras. No interior da cámara acostuman aparecer gravuras ou pinturas de función simbólica.

[editar] Túmulos

As antas estaban parcial ou totalmente cobertas de terra, formando unha mámoa. Coñécense tamén como medorras ou medoñas. As mámoas teñen planta circular ou ovalada, vense na paisaxes como montes de terra suaves parecidos a mamas (de onde collen o nome) e son, polo xeral, visíbeis a longa distancia. A función destes túmulos é a de enterramento colectivo, xa que os mortos ian acompañados dun enxoval consistente en alimentos, armas, útiles, adornos e ídolos. Non se ten conservado nengún esqueleto debido á acidez do solo.

Estes túmulos distribúense uniformemente por todo o territorio e aparecen tanto a escasos metros da costa como nas altas montañas orientais. Son máis frecuentes na metade occidental e especialmente nos cumios das serras de superficies chas (como na Serra do Barbanza) e en chairas situadas a media altura, nunca en pendentes escarpadas. As mámoas adoitan aparecer en conxuntos, formando necrópoles tumulares.

O diámetro oscila entre os 8 m e os 40 m. O máis grande son o da Mouta Grande (Verea) e o da Madorra da Granxa (Castro de Rei), que chega aos 70 m. A altura oscila entre os 50 cm. e os 4m., se ben a maioría non sobrepasa os 2m. Habitualmente existe un anel periférico de pedra e unha coiraza. Dado que os túmulos foron usados durante longos períodos de tempo, as estruturas varían, dándose casos de túmulos que incorporan túmulos pre-existentes.

[editar] Dolmens

As estruturas interiores das mámoas constitúen a cámara fumeraria, que adoita ser de planta poligonal. Están construídos con pedras de gran tamaño (aínda que, en poucas ocasións, sexa simplemente cachotería). Os ortóstratos están fincados verticalmente e inclinados cara o interior. Féchanse por riba con pedras de trande tamaño. Paviméntanse con terra batida ou mesmo lousas. En Galiza son de tamaño pequeno.

Os dolmens simples son os máis antigos. Durante o período de maior desenvolvemento da cultura megalítica apareceron os dolmens de corredor, nos que estes corredores, de tamaño pequeno, se unen á cámara e se van ampliando cara o exterior. Parece que os corredores tiveron importancia ritual, xa que neles teñen aparecido elementos simbólicos, como estelas.

Os enxovais son pouco abondosos hoxe en día, en parte debido ao espolio secular ao que foron submetidas as mámoas.

[editar] Cistas

"Casota de Freán", en Berdoias, Vimianzo - posíbel cista
"Casota de Freán", en Berdoias, Vimianzo - posíbel cista

No último período do megalitismo os enterramentos fanse máis pequenos e consisten en túmulos secundarios en masas tumulares, túmulos sen cámara diferenciada e cistas sen túmulo.

[editar] Menhires e círculos de pedras

Estas construcións parece que non están relacionadas cos ritos funerarios. Existen poucos se se compara con outras áreas como Gran Bretaña ou Bretaña. O máis coñecido é a Lapa de Gargantáns (Moaña), que mide 2,35 m de altura. Presenta unha escotadura, como a dos ídolos dos dolmens con corredor, algunhas gravuras e decoración de cazoletas en todas as súas caras. O menhir de Cristal (Ribeira) mide 2,50 m, ten nove cazoletas nunha das caras e unha noutra. Coñécense outros menhires, como o de Pedra Chantada (Vilalba), o da Pedra Alta de Cortegada e outros dous en Guntín.

Os menhires galegos rematan en punta, teñen os lados asimétricos e están decorados con cazoletas.

A maioría dos supostos círculos de pedras teñen desaparecido. Coñécense os da Eira das Meigas no monte Neme, na illa da Estrela (Corme), no monte Corzán (Negreira) e na chaira da Mourela (As Pontes).

[editar] Evolución

As antas máis antigas eran poligonais simples e as cámaras eran de pequeno tamaño (12 m de diámetro por 1 m de altura). Os enxovais típicos consisten en cerámica lisa ou con decoración impresa e instrumental lítico como micrólitos, lamelas, doas de variscita e machadas pulidas.

Durante a fase de apoxeo, desde comezos do IV milenio, apareceu o corredor de entrada, as cámaras fixéronse algo maiores e comezaron a gravarse ou pintarse as lousas. Os enxovais inclúen os materiais da fase anterior, mais aumentan os instrumentos pulidos, predominando a punta de frecha de base triangular. Éntrase no Neolítico final e o calcolítico inicial.

As mámoas do último período (2200-2000 a.C.) son de tamaño reducido (entre 6 a 12 m de diámetro e menos de 1 m de altura). Son sartegos de forma cadrada ou rectangular e cunha única tampa como cuberta que salientan menos na paisaxe. Parece como se se abandonasen os enterramentos colectivos e se xeralizasen os individuais. Os enxovais son distintos dos anteriores: dobres machadas, dobres aixolas, mazas, ciceis e aixadas grandes. A presenza de obxectos perforados tense interpretado como proba da existencia de contactos coas rexións atlánticas de Francia e da Bretaña e o sul da Península Ibérica. Este período antecede a aparición da cultura do vaso campaniforme.

[editar] Teorías

Durante a década de 1920 apareceu a teoría "orientalista", segundo a cal os construtores de megálitos proviñan do leste mediterráneo. Posteriormente, Bosch Gimpera postulou a teoría "occidentalista", segundo a cal os primeiros construtores serían pastores descendentes dos grupos mesolíticos asentados no noroeste da Península Ibérica, de onde se difundiría cara o sul. Actualmente pénsase que esta cultura puido ter a súa orixe no Alto Alentexo, onde se teñen atopado sepulcros sen corredor, coñecidos como "protodolmens". Destes xurdirían os dolmens de corredor con enterramentos colectivos que se expandirían cara o norte. A teoría dos contactos e relacións marítimas con Bretaña e Irlanda están practicamente desbotadas para as etapas iniciais deste período.

[editar] Historia posterior

Algúns destes túmulos foron reutilizados máis tarde, en época romana, como postos de vixilancia. Exemplos disto son o campamento da Cidadela (Sobrado). Bastantes deles foron destruídos en época recente co obxecto de atopar supostos tesouros de ouro ou como consecuencia das actividades agrícolas (labradíos, repoboacións forestais), apertura de estradas, establecemento de industrias, etc. De moitos fica xa só a lembranza na toponimia.

[editar] Véxase tamén

[editar] Bibliografía

  • Rodríguez Casal, Antón A. (edición) (1997), O neolítico atlántico e as orixes do megalitismo. Actas do Coloquio Internacional, Santiago de Compostela. Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 84-8121-649-6.

[editar] Outros artigos

[editar] Ligazóns externas


aa - ab - af - ak - als - am - an - ang - ar - arc - as - ast - av - ay - az - ba - bar - bat_smg - bcl - be - be_x_old - bg - bh - bi - bm - bn - bo - bpy - br - bs - bug - bxr - ca - cbk_zam - cdo - ce - ceb - ch - cho - chr - chy - co - cr - crh - cs - csb - cu - cv - cy - da - de - diq - dsb - dv - dz - ee - el - eml - en - eo - es - et - eu - ext - fa - ff - fi - fiu_vro - fj - fo - fr - frp - fur - fy - ga - gan - gd - gl - glk - gn - got - gu - gv - ha - hak - haw - he - hi - hif - ho - hr - hsb - ht - hu - hy - hz - ia - id - ie - ig - ii - ik - ilo - io - is - it - iu - ja - jbo - jv - ka - kaa - kab - kg - ki - kj - kk - kl - km - kn - ko - kr - ks - ksh - ku - kv - kw - ky - la - lad - lb - lbe - lg - li - lij - lmo - ln - lo - lt - lv - map_bms - mdf - mg - mh - mi - mk - ml - mn - mo - mr - mt - mus - my - myv - mzn - na - nah - nap - nds - nds_nl - ne - new - ng - nl - nn - no - nov - nrm - nv - ny - oc - om - or - os - pa - pag - pam - pap - pdc - pi - pih - pl - pms - ps - pt - qu - quality - rm - rmy - rn - ro - roa_rup - roa_tara - ru - rw - sa - sah - sc - scn - sco - sd - se - sg - sh - si - simple - sk - sl - sm - sn - so - sr - srn - ss - st - stq - su - sv - sw - szl - ta - te - tet - tg - th - ti - tk - tl - tlh - tn - to - tpi - tr - ts - tt - tum - tw - ty - udm - ug - uk - ur - uz - ve - vec - vi - vls - vo - wa - war - wo - wuu - xal - xh - yi - yo - za - zea - zh - zh_classical - zh_min_nan - zh_yue - zu -