Moaña
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Moaña | |
---|---|
Situación | |
Xentilicio 1: | Moañes |
Xeografía | |
Provincia: | Provincia de Pontevedra |
Comarca: | Morrazo |
Área: | 35,1 km² |
Entidades de poboación: | 5 parroquias |
Capital do concello: | Moaña |
Latitude e lonxitude: | |
Altitude máxima: | - m. |
Altitude mínima: | m. |
Zona horaria: 2 | UTC + 1 |
Demografía (2006) | |
Poboación: | 18.432 hab. |
Densidade: | 526 hab./km² |
Uso do galego 3 (2001) | |
Galegofalantes sobre o total da poboación: | 97,01 % |
Falantes do galego no tramo 5 a 29 anos | |
Sempre: | 32,88 % |
Ás veces: | 56,47 % |
Nunca: | 10,64 % |
Política (2007) | |
Concelleiros 4: | PPdeG 6 (3.820 votos - 36,36 %) BNG 6 (3.266 votos - 31,08 %) PSdeG-PSOE 3 (1.896 votos - 18,05 %) Outros: INMO/PG - 1 (1.042 votos - 9,92 %) |
Alcalde: | Xosé Manuel Millán Otero (BNG) |
Eleccións municipais en: Moaña {{{eleccións}}} |
|
Censo electoral (2007) | |
Total electores: | 16.523 - 100 % |
Votantes: | 10.330 - 62,52 % |
Abstencións: | 6.193 - 37,48 % |
Votos en branco: | 177 - 1,07 % |
Votos nulos: | 106 - 0,64 % |
Orzamentos (2000) | |
Enderezos | |
Enderezo físico: | rúa As Barxas, 2 |
Teléfono: | 986 31 01 00 |
Fax: | |
Código postal: | 36950 |
Correo electrónico: | |
www.concellodemoana.org | |
|
|
Notas: |
Moaña (xentilicio: Moañés) é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Morrazo, cunha poboación de 18.432 habitantes segundo o censo de 2006[1]. Ten unha extensión de 31,5 km², cunha densidade poboacional de 585,14 hab./km².
É un dos cinco concellos encravados xeograficamente na península do Morrazo, que separa a ría de Vigo da de Pontevedra, xunto con Cangas do Morrazo, Marín, Bueu e Vilaboa. No seu terreno ubícase a maior elevación do Morrazo, o monte Faro de Domaio, de 624 m de altitude. A súa costa acolle praias, como a de Domaio, a Borna, A Xunqueira ou a do Con (bandeira azul), que combinan o uso turístico coa producción de marisco e industrias relacionadas coa mar. As súas augas utilízanse para a cría do mexillón e outras especies de bivalvos. Ten diferentes peiraos, tanto deportivos como pesqueiros, e unha actividade cultural relevante na que destaca o Festival Intercéltico do Morrazo, de carácter anual.
A historia de Moaña está estreitamente relacionada coa mar. Xunto coa pequena explotación agrícola e gandeira (minifundista), a industria principal sempre foi a pesca e os derivados da mesma.
Os movementos sociais foron, e son, significativos nestas terras. Culturalmente hai bastante asociacionismo, destacando o Festival Intercéltico e o coidado da gaita de cana, típica de Moaña. Os movementos obreiros e sociais tiveron na primeira metade do século XX, onde a CNT conseguiu unha presenza moi significativa. Testemuña diso é o edificio, hoxe dedicado a centro de día para a terceira idade, que en tempos da República foi a sede deste sindicato.
A costa de Moaña, desde o estreito de Rande, onde tivo lugar a famosa batalla na que se perdeu o maior transporte de ouro e outras riquezas procedentes de América a mans da Mariña Británica e Holandesa, que venceron á Franco-Española, (aquí é onde se aprovisionaba de ouro o capitán Nemo), ata os confíns con Cangas do Morrazo, ábrense un sinfín de praias, algunhas estreitas e outras moi anchas e pouco profundas. Todas elas gozan de auguas tranquilas, ideais para o cultivo do berberecho "o croque", e outros bivalvos. O mexillón ten un papel importante nos cultivos mariños, que van medrando en diversidade de especies explotadas.
Índice |
[editar] Situación
O concello de Moaña sitúase na parte meridional da península do Morrazo, ó sudeste da provincia de Pontevedra. O seu litoral é a ribeira dereita da ría de Vigo, quedando a cidade de Vigo xusto enfronte. No seu terreno atópase o punto máis estreito da ría, o estreito de Rande, por onde a autoestrada AP-9 a cruza mediante a ponte de Rande.
A poboación de Moaña exténdese polas ladeiras meridionais do macizo do Xaxán, sendo a súa maior altura o monte Faro de Domaio. Como no resto de Galicia, a poboación está moi diseminada, ocupando casas unifamiliares rodeadas de terreno que se adoita dedicar a horta ou xardín. Aínda así hai catro núcleos poboacionales (as parroquias de Domaio, Meira, Moaña e Tirán) que contan cunha moi forte personalidade e vida propias.
Os núcleos poboacionales atópanse ó pé das principais rutas de comunicación durante o século XX: a estrada PO-551, que percorre toda a parte sur do Morrazo, e a PO-313 que une Moaña con Marín e Pontevedra.
Moaña limita ó norte cos concellos de Marín e Bueu; ó sur coa ría de Vigo; ó leste con Cangas do Morrazo, e ó oeste con Vilaboa.
[editar] Comunicacións
As comunicacións por estrada están baseadas en tres vías:
- A Vía Rápida do Morrazo (VR-4.1) que desde a saída de Domaio da AP-9 percorre toda a península pola súa parte central con varias ligazóns a diferentes estradas locais;
- A estrada provincial PO-551 que une Moaña con Cangas
- A PO-313, que une a vila con Marín, e desde alí, por autovía, coa cercana Pontevedra, capital da provincia. Mediante a ponte de Rande, que salva os 1.500 m do estreito homónimo, comunica Moaña con Vigo (a maior cidade de Galicia), todo o sur de Galicia, a meseta e Portugal. Hai un servizo de autobuses interurbanos que unen Moaña coas poboacións veciñas.
Por vía marítima Moaña está ligada a Vigo por unha liña de barcos de pasaxeiros que saen do peirao do concello á estación marítima de Vigo.
Desde Vigo enlázase con calquera outro medio de transporte, tanto por ferrocarril, avión ou barco, tendo esta cidade unha estación ferroviaria importante, con futuro acceso ás liñas de Alta Velocidade que enlazarán con Madrid e o resto do estado e Oporto e Lisboa (Portugal). O porto de Vigo é de primeira orde, partindo del diferentes liñas regulares a varios destinos, e sendo unha escala relevante para moitos transatlánticos. O aeroporto de Peinador dá o servizo aéreo a toda a provincia de Pontevedra.
Moaña está a 26 km. de Pontevedra, a 16 de Vigo, e a 82 de Santiago de Compostela.
[editar] Composición
Moaña está composta por cinco parroquias: Domaio, Meira, San Martiño de Moaña, Moaña e Tirán. En ocasións a parroquia de "Moaña" recibe o nome de "San Martiño", o seu patrón. Cada unha delas consta das súas diferentes aldeas, núcleos de poboación secundarios, e mantén a súa propia identidade. Son socialmente diferentes entre si e teñen diferentes niveis de integración no concello. Hai diferentes peiraos (Domaio, Meira, Moaña e O Con) e diferentes entidades e asociacións socio-económicas (mancomunidades de montes de Domaio, Meira e Moaña, asociacións de mariscadores ou mexilloneiros...), o que establece relacións de identidade que fixan a parroquia como referencia territorial. Isto fai que a organización dos diferentes servizos estea establecida tendo en conta esta realidade.
Como no resto de Galicia, a poboación distribúese de forma moi dispersa, en casas unifamiliares rodeadas dun pequeno terreno destinado a horta ou xardín. En Moaña o 55% da poboación reside deste xeito, aínda que nos últimos tempos a construción de edificios de pisos foi mudando esta realidade.
A parroquia civil de Moaña divídese nas relixiosas de San Martiño e O Carme.
[editar] Clima
O clima de Moaña é oceánico, moi húmido, con precipitacións entre os 1.300 e os 1.500 mm. As temperaturas son suaves, veráns e invernos mornos, cunha media anual de 15ºC.
As condicións climatolóxicas están influenciadas polos ventos do sudeste e o resguardo dos ventos fríos do norte que a súa ubicación permite.
[editar] Hidrografía e orografía
A península do Morrazo ten unha orografía complicada. Os montes do Morrazo percorren a península en dirección leste-oeste extendéndose desde a Costa da vela ata Pontevedra. Esta distribución montañosa crea dúas concas diferentes, unha ó norte que revirte na ría de Pontevedra, e a outra ó sur que manda as súas augas á ría de Vigo. Todo o territorio de Moaña sitúase nesta última. Os desniveis son moi altos, desde o nivel do mar ata os 624 metros do monte Faro de Domaio. Isto fai que os ríos sexan curtos e de caudal moi irregular e estacionario.
O terreno é granítico e está cuberto por vexetación autóctona e plantacións forestais. A costa alterna acantilados con praias e zonas de dunas. En Moaña as praias son baixas e amplas na parte central do concello, e estreitas e abertas baixo os acantilados nos extremos.
[editar] Hidrografía
Hai un gran número de ríos e arroios que, nacendo nos montes, axiña chegan ó mar. Entre eles destacan os seguintes:
- Río da Fraga ou dos Ladróns: nace en Gorgollóns, no Xaxán, e desemboca na praia da Xunqueira. É o máis longo e caudaloso do concello. Ten varias pozas e un salto de auga. Hai 31 muíños restaurados e integrados nun paseo, a ruta dos muíños, que percorre durante 6 km, parte das súas ribeiras cubertas por unha frondosa fraga atlántica moi ben conservada. Todavía 3 deses muíños están en activo.
- Río do Inferno, nace preto da Paralaia, no lugar coñecido como Cruz de Foxo Noval. Non é moi caudaloso pero ten bastantes muíños, seguindo activos 3 dos 25 que chegou a haber. Tiveron que construírse con présas para poder ter suficiente auga para moer.
- Río Miñouba, nace no monte Faro de Domaio e desemboca cerca da igrexa desta parroquia. É famoso polo atractivo paraxe de a poza da moura que atre moitas visitas, ó igual que a súa catarata. Ten 11 muíños, dos que aínda moe un.
- Río da Freixa, nace ós pés do barrio de San Lorenzo. É un río curto que ten pouco caudal. O paraxe de San Benito destaca pola súa tranquilidade. No seu percorrido hai 10 muíños, dos que ningún está en activo.
- Río do Barraco ou do Atraco, nace no lugar de Río da Mó, nutríndose de moitos arroios ata que desemboca en Meira, na Porta do sol. Pasa por A Carballeira de Bronlle, e no seu percorrido hai cinco muíños, dos que dous están en activo.
- Arroio da Xeira ou da Devesa da Seara: é un pequeno arroio cuyo caudal da para mover siete molinos, aunque ya ninguno de ellos muele. Nace en los alrededores de Xalde desembocando en Seara en el río Do Inferno cerca de la desembocadura de este.
- Arroio da Meixoada, nace en Figueirido, ente San Martiño e a Meixoada. O seu caudal é escaso e só ten nas súas ribeiras un único muíño, que xa non traballa. Desemboca en Cangas.
Todo o límite sur do concello é costa. Desde o estreito de Rande ata o límite con Cangas hai unha sucesión de acantilados rocosos e praias. Os acantilados son baixos e ós seus pés ábrese unha pequena rasa mareal e algunha praia, como a de A Borna ou O Niño do Corvo. Nas enseadas fórmanse praias máis amplas, moi areosas e baixas que se cubren coa subida da marea e recrecen cando a agua se retira, deixando ver unha moi ampla extensión de area. Son singulares deste tipo de praias a da Xunqueira e a de Meira. Estas praias son moi propicias para a cría de berberecho, ameixa e navalla. Algunhas das praias contan con servizos para os usuarios, a do Con é bandeira azul e a da Xunqueira está amplamente urbanizada. Outras manteñen unhas condicións dignas cunha dotación mínima para o seu uso, mentras que outras son totalmente libres, ás que hai que chegar a pé. As máis relevantes son:
- Praia da Xunqueira: encóntrase no núcleo urbán de Moaña, aínda que pertence a terrenos da parroquia de Meira. Amplamente equipada con aparcamentos e preto da estrada. Está rodeada por unha alameda e instalacións deportivas. É un gran areal que queda ó descuberto con marea baixa e se cubre con marea alta sen que as augas collan profundidade.
- Praia O Con: situada entre o porto de Moaña e a punta de Cortés. Con boa calidade de area de cor tostada e totalmente equipada. Adoita ser bandeira azul.
- Praia do Canabal ou dos Alemáns: sitúase en Tirán e é moi tranquila. Cóntase que durante a Segunda Guerra Mundial se refuxiaron alí uns soldados alemáns, procedendo daí o seu segundo nome.
- Praia de Domaio: a carón do porto desta parroquia. Destaca pola súa tranquilidade.
- Praia Río de Meira: na enseada que se forma entre a antiga illa de San Bartolomé e a costa de Meira.
- Praia do Niño Do Corvo: pequena praia situada ó pé de acantilado en Tirán. Accédese a pé.
- Praia da Borna: situada en Meira a carón do barrio do Latón. É unha praia de area torrada e rocha na súa parte leste, que se abre baixo acantilado. O acceso realízase pola estrada que leva ó polígono industrial e ó barrio do Latón. Exténdese desde o pequeno porto pesqueiro, xusto ó lado duns astilleiros, ata Punta da Moura. Na súa parte final é frecuente o nudismo.
- Praia Videira: de acceso peonil, sitúase en Tirán, cerca xa do límite con Cangas. Con area fina e torrada, é moi tranquila.
[editar] Orografía
A orografía de toda a península do Morrazo é complicada. Unha pequena cadea montañosa fai de eixo da mesma, perecorréndoa de leste a oeste e conformando as concas hidrográficas. Moaña ubícase na parte máis agreste desa cadea montañosa, coñecida como Serra de Domaio ou Serra do Morrazo.
A Serra de Domaio nace ó comezo da península e vai perdendo altura segundo se acerca ó final da mesma. Na parroquia moañesa de Domaio ten a súa maior altura, no monte coñecido como Monte Faro de Domaio, onde acada 624 metros sobre o nivel do mar. Convertiuse nun centro de telecomunicacións, ó estar xusto fronte a Vigo e verse desde alí boa parte de Galicia. Xunto ó Monte Faro están o Paralaia e o Xaxán.
Entre as elevacións ábrense pequenos vales que son surcados por correntes moi irregulares e rápidas. Estes vales esconden rincóns e ecosistemas relevantes. A súa vexetación está formada pola fraga cadufifolia atlántica, que foi cedendo paso ás especies destinadas á explotación forestal, entre as que predomina o eucalipto.
O terreno é granítico, e deixa ver frecuentemente a pedra, que chega ata as costas, onde chega a formar pequenas rasas mareais.
[editar] Historia
Moaña nace en 1874 como división administrativa. Ata este intre a súa historia estaba enmarcada na súa comarca, a Comarca do Morrazo. Moaña foi testemuña e protragonista de acontecementos históricos de grande importancia como foi a Batalla de Rande en Outubro de 1702 no que os ingleses saquearon Domaio, Meira e Tirán. Cen anos despois, no 1809, os moañeses loitaron contra os franceses na Guerra da Independencia.
- A prehistoria en Moaña tamén deixou pegada, atopándose restos de presenza humana dende hai uns 5000 anos, xa que construíron monumentos funerarios como mámoas en pequenas chairas no alto das montañas, nos que soterraban os seus mortos con todo o preciso para unha mellor vida no máis alá. Atopáronse asentamentos deste período na Comarca do Morrazo, entre os que se atopan os de Regueiriño e Fontenla (os dous en Domaio) que supuxeron un fito moi importante no estudo da prehistoria galega; xa que, por primeira vez, localizábanse poboados que permitían aproximarnos ao estilo de vida dos autores dos petróglifos. Adicábanse a unha agricultura primitiva de roza e quima do monte, á gandeiría e á recoleción de froitos silvestres. Destaca o uso de útiles de tradición neolítica en conxunto con cerámicas tecnicamente desenvolvidas como a campaniforme e a denominada Penha, de influencia portuguesa.
No Regueiriño (Domaio) achouse un importante xacemento correspondente ó neolítico final, e na Fontenla (Domaio) documentouse por primeira vez en Galicia a presenza de elementos da cultura do vaso campaniforme fóra de ambientes funerarios. En Meira, Domaio e Tirán hai petróglifos (gravados rupestres) relevantes, como os de Montealegre, a Borna, As Cidades, Pozo Garrido, A Escada, ou Os Remedios. Tamén acháronse ferramentas e armas de cobre e bronce.
- Os castros son outras das cousas que non faltan en Moaña, nos que destaca Montealegre en Domaio, pero tamen existen outros como o Castro das Cidades en Meira, O Castro en San Martiño e Os Remedios en Tirán. En todos eles aprécianse fortes indicios de romanización. Coas últimas obras do Corredor do Morrazo atopáronse outros achados que están pendentes de catalogar.
- O Imperio Romano tamén deixou a súa pegada, como así o demostran diversos achados. Así como tamén deixaron pegada Os Suevos manifestándose co crecemento de vilas, nas que unha vez convertidas ao catolicismo, van consolidando unha estrutura relixiosa que se plasma en parroquias, sés episcopais e dioceses.
- A Idade Media vén marcada por unha crise comercial e o perigo creado a partir do século X polas incursións normandas, que produciron un despoboamento da costa. Este descenso demográfico produciuse ata o século XII, cando o sistema defensivo organizado polo arcebispo Xelmírez garante a tranquilidade necesaria para a recuperación económica e estabilidade política, no que queda manifesto na igrexa de San Martiño e a igrexa de San Xoán de Tirán. Familias como os Meira, os Valadares ou os Soutomaior, a partir do século XIV controlan o concello. Destaca o episodio da destrucción da torre de Meira dentro de segunda guerra Irmandiña (1467-69).
- A principios do século XVII prodúcese un crecemento económico, que trae consigo un aumento de poboación e económico polo cal aparecen os primeiros pazos como o Pazo do Rosal en 1640. Tamén se constrúe a igrexa de Santa Eulalia de Meira e se produce a remodelación e ampliación cun estilo barroco da igrexa de San Martiño. No século XVII a introdución do millo muda a economía de tal xeito que o 90% da superficie cultivada era para este vexetal, o que fixo xurdir un sinfín de muíños polos ríos e regatos da comarca. En todo ese tempo a pesca foi unha actividade fundamental na economía do concello, pero no século XVII a chegada dos conserveiros cataláns buscando sardiña xerou un crecemento demográfico e económico moi destacable. Estes invirten moitas das ganancias en edificacións, tanto civís (pazos) como relixiosas (igrexas).
En 1702 tivo lugar a batalla de Rande, e as forzas inglesas e neerlandesas tomaron e saquearon Domaio, Meira e Tirán. Cen anos despois (1809) libráronse batallas nestas terras contra o invasor francés, dentro da guerra da independencia.
- A configuración territorial administrativa actual do Concello de Moaña arrinca en 1813, pero este proceso queda abolido coa chegada do absolutismo de Fernando VII. O 30 de novembro de 1836 Moaña queda definitivamente establecido o novo Concello, que terá a sua sede en Meira, e que integraba a catro parroquias: Santa Baia de Meira, San Pedro de Domaio, San Martiño de Moaña e San Xoán de Tirán. En 1874 cambiouse o nome do concello polo de Moaña, trasladándose a capitalidade do mesmo. Posteriormente creouse a parroquia da Virxe do Carme en 1955.
- Durante o século XX, Moaña vaise asentando cada vez máis xunto ao mar, que vai ser a súa principal fonte de ingresos. Pouco a pouco vai sufrindo unha transformación coa construción dun peirao, mellora das comunicacións, etc... Tamen se ve marcada por varios acontecementos, entre eles: o sindicalismo da Segunda República española, época de maior dinamismo social, a postguerra, a emigración a América e a Europa, crise do petróleo do 73 que supuxo unha forte reconversión da economía da comarca.
Moaña vaise asentando cada vez máis xunto ao mar, coa creación do porto e a estrada comarcal, o que abriu definitivamente a súa economía ó mar. Na primeira metade do século XX hai un forte desenvolvemento do asociacionismo civil. Co nacemento das primeiras sociedades agrarias e organizacións sindicais, como a dos canteiros ou a dos mariñeiros, coa súa Alianza Mariñeira. Xa coa II República produciuse un incremento da organización obreira, o que conlevou a creación de novos sindicatos de pescadores como Solidariedade Mariñeira, relacionada coa CNT. Florece en Meira a industria de fiandeiras que realiza diferentes labores de cordelería que ocuparía tódolos anos centrais do século XX, centrando a súa maior puxanza nas décadas dos anos 30 e 40, onde chegou a haber máis de 700 traballadores. A crise chegou nos anos 60, coa entrada dos produtos sintéticos. Esta industria, que ocupaba moita man de obra feminina, deu lugar a un movemento sindical que tiña á asociación Sociedad de Hiladoras y Oficios Varios, La Defensora como máxima expresión. Tras varias movilizacións, que acabaron cunha folga, conseguiron a xornada de oito horas. Os seus líderes, Enelina Esterón Gonzalez e Juan Ugenio Gallo San José, foron represaliados despois da Guerra Civil, guerra que provocou unha forte emigración a América e a Europa.
Na segunda metade do século XX produciuse un desenvolvemento da economía cun crecemento da actividade pesqueira, a construción naval e a industria de transformación de produtos do mar, á vez que se comeza o cultivo do mexillón e do berberecho, todo elo pese á crise do petróleo do 73 que supuxo unha forte reconversión da economía da comarca. Aproveitando o tirón turístico de Cangas, Moaña comeza a explotar os seus recursos neste campo, creando complexos turísticos como o da Fraga ou o campo de golf de Domaio, á vez que logra acondicionar praias con bandeira azul.
O século XXI trae a Moaña unha mellora sustancial das comunicacións, tan importante como foi a autoestrada e a ponte de Rande na década de 1970 (libre de peaxe para o tráfico Moaña-Vigo desde o 1 de xuño de 2006), coa vía rápida do Morrazo e o desenvolvemento de peiraos deportivos, en Domaio e Moaña centro.
[editar] Lugares de Moaña
Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Moaña vexa: Lugares de Moaña.
[editar] Economía
A economía de Moaña sempre estivo ligada ó mar. Esta relación abarcou, e abarca, a tódolos sectores económicos. As actividades propias do sector primario complétanse co industrial e servizos, que teñen a súa base nas actividades marítimas, ben na propia poboación ou nas veciñas, destacando a cidade de Vigo, a máis importante de Galicia, e o cercano complexo urbano que forman Marín e Pontevedra.
O sector primario ocupa a un 24,4% da poboación activa (datos de 2006). A actividade principal do sector primario é a pesca e o marisqueo. A agricultura e a gandeiría son residuais e dedicadas ó autoconsumo, sendo os excedentes das produccións comercializados nos mercados da comarca, pero sen maior relevancia que contribuír á economía familiar como fonte secundaria. Das 3.327 hectáreas cultivables do concello, están cultivadas 3.067, nas que se producen, principalmente, patacas, hortalizas e forraxe para o gando.
A explotación forestal tamén ten algunha relevancia. Hai tres comunidades de montes no concello, coincidindo coas tres parroquias máis extensas en masa forestal:
- Comunidade de Montes de San Martiño.
- Comunidade de Montes de Meira.
- Comunidade de Montes de Domaio.
As especies explotadas son o eucalipto e o piñeiro pinaster, ambas froito da reforestación comercial. As autóctonas, que case non son explotadas, son o carballo e o castiñeiro.
A pesca e o marisqueo son as actividades máis importantes dentro deste sector económico, ocupando un 23% do total da poboación activa. Danse tódolos tipos de pesca: altura, baixura, marisqueo a pé, marisqueo a flote e cultivo en batea ou en viveiro flotante.
A pesca de altura non ten a súa sede nos portos do concello, senón que radica en Vigo, aínda que neles traballan moitos moañeses e mesmo pertenzan ós mesmos.
A pesca de baixura realízase con pequenas embarcacións dentro da ría, habendo capturas de nécora, polbo ou camarón dentro do marisco, e de pescada, faneca, congrio ou barbada dentro do peixe, utilizándose masas e trasmallos. Comercialízase nas lonxas de Vigo e Moaña.
O marisqueo a pé, nas praias de Meira e Moaña, é unha actividade realizada maioritariamente por mulleres. Recóllese berberecho, ameixa fina, ameixa babosa, navalla, bigaro e reló. É un sector moi pouco profesionalizado que vén sendo utilizado como fonte suplementaria de ingresos nos fogares. O marisqueo a flote céntrase nas especies de ameixa babosa, ameixa loira e o burro.
O cultivo en viveiros flotantes céntrase na cría de mexillón en batea. Hai tres asociacións de bateeiros, que agrupan a unhas 100 empresas. Téñense feito ensaios de engorde de polbo en bateas. En Domaio creouse en 2004 a empresa Loitamar, Sociedad Cooperativa Galega, que está dedicada á producción de rodaballo de alta calidade mediante a utilización de nutrintes contidos nas propias augas da ría na que se ubican os viveiros.
O sector secundario é o que máis man de obra ocupa, preto do 39% da poboación activa. Nel o subsector industrial dá ocupación a un 26%, e o restante 12% adícase á construción. As empresas máis importantes están relacionadas co mar: por un lado as dedicadas á construción e reparación naval, desde pequenos estaleiros de ribeira ata importantes empresas de construción naval como Rodman Polyships. Por outro lado están as dedicadas á manipulación do pescado e marisco, depuradoras e conserveiras, das que existen catro no concello.
Unha boa parte da poboación activa presta os seus servizos en empresas navais e de construción de automóbiles de Vigo. Hai algunhas empresas de alimentación, confección textil e madereira.
Cómpre recordar a histórica empresa de manufactura de cordas e cabos destinados á mar que existiu en Meira na década de 1960.
No referente á construción hai pequenas empresas dedicadas á realización de obras na comarca.
O sector terciario ocupa un 37% da poboación activa. Está conformado por dous subsectores principais, o comercio e a hostelería. A proximidade de Vigo, Pontevedra e Cangas fai que os servizos máis especializados se cubran desde esas cidades, deixando a Moaña os máis básicos, como en sanidade, educación e mesmo no comercio.
A hostelería ten como apoio principal ó turismo, que vai aumentando gradualmente ó potenciarse o concello e creado certa infraestructura, como un campo de golf e 3 portos deportivos (en Domaio, Meira e Moaña), á vez que se impulsou o turismo rural completado cunha interesante rede de paseos e camiños que dan a coñecer o entorno, tanto mariñeiro, como do interior.
[editar] Monumentos
Entre os diversos monumentos de Moaña destacan:
- Dolmen de Chan da Arquiña: Preto do cumio do Monte do Faro de Domaio hai un espazo de esparcimento no que se encontra este importante monumento megalítico de máis de 5.000 anos de antigüidade. Consta dunha cámara poligonal de 11 pedras verticais e dun corredor, composto doutras 5 pedras verticais. Ten orientación leste. Nas escavacións encontráronse os restos dun cortexo fúnebre completo, composto de diferentes útiles e ferramentas de pedra e fragmentos de cerámica.
- Petroglifos de Moaña (en Montealegre, a Borna, As Cidades, Pozo Garrido, A Escada e Os Remedios): gravados prehistóricos na rocha.
- Igrexa parroquial de San Martiño: do século XII, un bo exemplo do románico galego. Ten unha planta en cruz latina rematada por unha torre cadrada situada á esquerda da entrada do templo. No século XVIII sufriu unhas reformas que a ampliaron e lle deron o toque barroco que hoxe ten. Cómpre destacar o pórtico co seu tímpano e os canzorros que rodean o templo.
- Igrexa parroquial de San Xoán de Tirán: pequena igrexa románica tardía de transición ó gótico, do século XIII. Ten o camposanto adosado á mesma, e no seu adro está enterrado José María Castroviejo.
- Igrexa parroquial Santa Eulalia de Meira: barroca.
- Pazo O Rosal: interesante exemplar de arquitectura civil que data da segunda metade do século XVIII, con engadidos na primeira parte do século XIX. O pazo está constituído polo edificio principal, de planta rectangular, con planta baixa e un piso. Ten un pombal circular, un hórreo de sete vanos e unha capela cos restos mortais do contralmirante Casto Méndez Núñez.
Hai ademais unha serie de itinerarios naturais que permiten visitar interesantes conxuntos paisaxístico-naturais, como o que se forma no río dos Ladróns ou da Fraga, onde hai un conxunto importante de muíños hidráulicos, algún deles todavía exercendo na actualidade.
[editar] Política e goberno
- Ver artigo principal: Eleccións municipais en Moaña.
Actualmente, o alcalde do concello de Moaña é Xosé Manuel Millán Otero, do Bloque Nacionalista Galego, quen ocupa o cargo dendo o ano 2003. Os partidos políticos máis relevantes no ámbito local, ademais do BNG, son o Partido Popular, cuxo actual presidente é José Fervenza Costas, e o Partido Socialista (PSOE), cuxo presidente é Victor Manuel Pastoriza Lino. Moaña caracterizouse tradicionalmente por posuír unha poboación maioritariamente mariñeira; así mesmo, ao longo da súa historia, os partidos políticos máis influíntes foron os da esquerda.
Nas eleccións municipais do 2007, este partido obtivo seis concelleiros (31,08% dos votos); en tanto que o PP, seis (36,36 %); e PSOE, tres (18,05 %). Outras agrupacións políticas non acadaron adhesión suficiente para acceder á representación. As eleccións municipais de Moaña celébranse cada catro anos, xunto coas eleccións autonómicas. As vindeiras eleccións ao goberno local realizaranse no ano 2011.
A xunta de goberno está composta por seis concelleiros: catro deles, do BNG; e dous, do PSOE. A Corporación Municipal está formada por dezasete membros, seis do BNG, sete do PP, tres do PSOE e un de INMO. A xunta está presidida polo alcalde. O Concello de Moaña estrutúrase en diferentes delegacións: de facenda e patrimonio; de urbanismo, vivenda e infraestruturas; de servizos e obras e promoción económica; de mobilidade, de transporte e seguridade cidadá; de deportes e mocidade; de igualdade e servizos sociais; de participación veciñal, normalización lingüística, persoal e rexime interior; de cultura e ensino e do medio ambiente. O concello celebra plenos ordinarios cada mes, aínda que a miúdo adóitanse celebrar plenos extraordinarios, co fin de debater temas e problemas que afectan ao concello.
|
|
[editar] Festas
Nas festas hai que distinguir entre as oficiais do municipio e as das parroquias. Tamén hai diferentes actos festivos relevantes.
- Oficiais locais.
As festas oficiais do concello celébranse o 16 de xullo en honra á Virxe do Carme, patrona dos mariñeiros.
Moaña naceu ó redor da parroquia de San Martiño por iso o santo patrón é San Martiño e na súa honra celébrase festa o 11 de novembro.
- Festas das parroquias.
- Domaio:
- San Pedro, día 29 de xuño.
- Romería a Chan de Arquiña, o primeiro domingo de xullo.
- San Benito, día 11 de julio.
- Festa do cazador, día 1 de agosto.
- San Lorenzo, día 10 de agosto.
- Meira:
- Santa Euralia, o 10 de decembro.
- Romería de Bronlle, finais de xullo principios de agosto.
- Virxe da Peregrina, o segundo domingo de agosto en O Latón.
- San Bartolomeu, día 24 de agosto.
- Tirán:
- San Xoán, día 24 de xuño.
- Virxe dos Remedios, o luns e martes de Pascua.
Procesión do Día do Carme
Hai diferntes celebracións gastronómicas e culturais coma o naseiro en Meira por San Bartolomeu, o día do mexilón en agosto. Mais a máis arraigada de todas é o entroido, coa característica de que se realizan unha semana despois da data oficial.
[editar] Deporte
O deporte por excelencia de Moaña so as regatas de traíñas, conta con 2 equipos na categoría máis alta, S.D. Sanmertolameu e S.D. Tirán.
[editar] Persoeiros Ilustres
- Casto Méndez Núñez, militar da armada co grao de contralmirante.
- Xil Ríos,cantante e compositor musical
- José Costa Alonso, fundador da Confradía de Pescadores.
- Xosé Manuel Budiño,gaiteiro
[editar] Galería de imaxes
- Vexa o artigo principal en: Galería de imaxes de Moaña
[editar] Parroquias
Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Moaña | |
---|---|
Domaio (San Pedro) | Meira (Santa Eulalia) | Moaña (San Martiño) | Moaña (Virxe do Carme) | Tirán (San Xoán) |
[editar] Véxase tamén
[editar] Referencias
- ↑ Cifras de población referidas al 01/01/2006. Real Decreto 1627/2006, de 29 de diciembre. http://www.ine.es/inebase/cgi/axi
- ↑ Eleccións municipais de 2003
- ↑ Eleccións municipais de 2007
[editar] Ligazóns externas
Referencias relacionadas con Galicia |
||