Instituto da Lingua Galega
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O Instituto da Lingua Galega (ILG) é un instituto universitario pertencente á Universidade de Santiago de Compostela creado en 1971 para promover o uso e normalización da lingua galega e estudala sincrónica e diacronicamente. Ten xunto coa Real Academia Galega, as competencias oficiais para elaborar as normas da lingua galega.
Dirixido dende finais do 2005 por Rosario Álvarez (anteriormente por Manuel González González e Constantino García González) e na sección de lexicografía por Antón Santamarina Fernández o seu labor non se queda niso: o traballo coas novas tecnoloxías da información é meritorio (Tesouro medieval informatizado da lingua galega en colaboración co CIRP, e Tesouro informatizado da lingua galega). Acolle no seu seo conferencias, congresos, simposios, xuntanzas e encontros sobre diferentes temas relacionados coa lingua e literatura galegas (normalización, historia da lingua, ensino, sociolingüística, etc.)