Hermann Hesse
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Hermann Hesse (Calw, Alemaña; 2 de xullo de 1877 - Montagnola, Suíza; 9 de agosto de 1962) escritor e filósofo suízo, de orixe alemá, gañador do Premio Nobel de Literatura o ano 1946.
Índice |
[editar] Vida
[editar] Infancia e xuventude (1877-1895)
[editar] A casa familiar
Hermann Hesse procedía dunha familia de misioneiros cristiáns. Marie Gundert, a mai de Hesse nacera en 1842 na India. O pai, Johannes Hesse, nacido en 1847, era fillo dun médico alemán do Báltico, nacera en Weißenstein (hoxe Paide) en Estonia. En Calw, na Selva Negra, Johannes Hesse traballaba para unha editora presidida polo seu sogro Hermann Gundert, ó que seguiría no posto el mesmo (1893-1905).
Hermann Hesse tivo cinco irmáns, dos que dous morreron de nenos. Era un pícaro con moita fantasía, moi expresivo e de sentimentos encontrados. O seu talento fíxose notar axiña en forma de poemas e debuxos. Súa mai escribiu del nunha carta en agosto de 1881: "o cativo ten unha vida, unha forza de xigante e unha capacidade de entender sorprendentes para os seus catro anos. ¿Para onde quere ir? Rebéntame esa loita interna contra o seu espírito tiránico, o seu apaixonados impulsos. Deus debe poñer esa orgullosa mente a traballar, e ha saír dela algo nobre e rico, pero faime tremer o pensamento do que pode facer dese neno apaixonado unha educación errada ou demasiado tolerante."
O mundo no que Hesse pasou os seus primeiros anos estaba marcado por un lado polo espírito do pietismo da rexión de Suabia e polo outro pola orixe báltica do pai, que Hesse consideraba “un feito importante e influínte”. O pai sentíase estranxeiro tanto en Suevia coma en Suíza, nunca botou raíces e que daba á xente a impresión “dun hóspede amable, estraño, senlleiro e pouco comprensible”. A isto engadíase que a familia materna pertencía o ambiente internacional da misión de [[Basilea] e que a avoa Gundert, suíza de lingua francesa foi toda a súa vida unha persoa allea no mundo pequenoburgués suevo.
Os contos do pai, centrados no mundo estoniano eran un contrapeso da relixiosidade piétista que envolvía a Hesse: “nada desexabamos con máis ansia que ver esa Estonia [...] onde a vida era tan paradisíaca, multicolor e leda” Todos eses compoñentes “foron a base para o illamento a inmunización fronte a todo nacionalismo, que foron determinantes na miña vida”.
[editar] Educación escolar (1885-1894)
En 1881 a familia partiu para Basilea, onde Hesse estudou interno na escola da misión. En xullo de 1886 a familia regresou a Calw, e Hesse entre na Escola Latina. Despois de estudar na Escola latina de Göppingen, Hesse entrou en 1891 no seminario evanxélico-teolóxico de Maulbronn. Como estudiante dunha institución estatal, Hesse tivo que renunciar á nacionalidade suíza, polo que o pai lle conseguiu a cidadanía do estado de Würtemberg. Hesse amosou o seu caracter rebelde: escapou do seminario en marzo de 1982 e foi capturado un día despois no medio das leiras. Comezou unha odisea por diferentes institucións e escolas, acompañada por fortes conflitos cos seus pais. Hermann Hesse estaba nunha fase depresiva do seu trastorno bipolar e nunha carta do 20 de marzo de 1892 falaba de suicidarse: “Gustaríame desaparecer coma o solpor”. En maio de 1892, mentres estaba na institución Bad Boll dirixida polo teólogo e director espiritual Friedrich Blumhardt tentou matarse. A consecuencia desta tentativa e, como menor de idade (tiña 15 anos) foi ingresado por seus pais na clínica para enfermidades nerviosas de Stetten, en Reinstal preto de Stuttgart, onde debía traballar no xardín e axudar a dar instrución a nenos deficientes mentais. Co sentimento de ser rexeitado pola familia escribiu en setembro de 1892 unha carta a seu pai que comezaba cun:”Respectado señor” que amosaba claramente o distanciamento e o sarcasmo, e na que consideraba a seu pai tan culpable coma a el mesmo dos futuros “danos” que por “odio ó mundo”, causado pola súa reclusión no sanatorio puidera cometer. Firmaba a carta como “H.Hesse, preso no matadoiro de Stetten“, e engadía: “Empezo a pensar que é o que esta mal da cabeza nesta historia”. Sentíase abandonado por Deus, os pais e o mundo, e vía detrás das estritas crenzas relixiosas da súa familia so santidade finxida. Dende finais de 1982 estudou no ximnasio de Cannstatt. En 1893 aprobou o exame anual, pero a continuación deixou a escola.
[editar] Ensino profesional (1894-1895)
Hesse iniciou a formación profesional de mecánica nunha fábrica en Calw a principios de verán do ano 1894. O traballo monótono da fábrica decidiuno a dedicarse a unha materia menos manual e, en outubro de 1895, empezou a formación como libreiro en Tübingen. Esas experiencias foron reelaboradas anos despois na súa novela Unterm Rad (Debaixo da roda).
[editar] O camiño do escritor (1895-1904)
[editar] Tübingen (1895-1899)
O lugar de traballo de Hesse, entre 1895 e 1899, primeiro como aprendiz e máis tarde como axudante foi a libraría Heckenhauer en Tübingen. O esencial do negocio da libraría eran libros de teoloxía, filosofía e dereito. As tarefas de Hesse como aprendiz consistían en revisar, empaquetar, clasificar e arquivar os libros. Acabadas as xornadas laborais de doce horas, Hesse estudiaba pola súa conta, compensando cos libros a súa falta de contacto social. Ademais de escritos teolóxicos Hesse lía especialmente a Goethe, e máis tarde a Lessing, Schiller e textos sobre mitoloxía grega. En 1896 foi publicado nunha revista de Viena o seu poema Madonna, ó que seguiron outros en números sucesivos da revista.
O ano 1898 os ingresos de Hesse eran dabondo como para permitirlle a independencia económica. Nese tempo as súas lecturas centrábanse en literatos da época romántica alemá, como Clemens Brentano, Joseph Freiherr von Eichendorff e Novalis. En cartas dirixidas a seus pais amosaba a súa opinión de que “a moral é substituída nos artistas pola estética”. Sendo aínda axudante de libreiro publicou en outono de 1898 o seu primeiro libriño de poemas Romantische Lieder e, no verán de 1899 a colección de escritos en prosa Eine Stunde hinter Mitternacht. Os dous libros foron un fracaso de vendas, porén, o editor de Leipzig Eugen Diederichs apreciaba a calidade literaria das obras e vía a edición máis coma intento de dar a coñecer ó público un autor novo que do punto de vista do negocio.
[editar] Basilea (1899-1904)
En outono de 1899 Hesse empezou a traballar nunha reputada librería de libros antigos en Basilea. As boas relacións de seus pais con familias ilustradas da cidade abríronlle as portas dun mundo intelectual e artístico rico en inspiracións. Basilea deulle ademais a posibilidade de emprender viaxes e excursións que lle facilitaron a formación artística e durante os que probou a súa capacidade para transformar en escritura as súas experiencias. En 1900 foi liberado do servizo militar polos seus problemas de visión que, xunta coas dores de cabeza e nerviosos, o ían acompañar ata á morte.
En 1901 puido cumprir o gran soño de viaxar a Italia, onde visitou Florencia, Ravena e Venecia. Ese mesmo ano cambiou de patrón e comezou a traballar para o anticuario Wattenwyl. Presentáronselle novas oportunidades de publicar poemas e textos curtos en revistas, esta vez recibindo unha compensación económica. En 1903 viaxou (acompañado por Mía Bernoulli, que sería a súa primeira muller) por segunda vez a Italia. O editor Samuel Fischer interesouse por Hesse e a publicación da novela Peter Camenzind en 1903 foi a entrada definitiva de escritor no mundo editorial e permitiulle dedicarse profesionalmente á escritura.
[editar] Entre o lago Constanza e Asia
A sona literaria permitiua Hesse casar con María Bernoulli, nove anos máis vella ca el, e asentarse en Gaienhofen, á beira do lago Constanza. Do matrimonio naceron tres fillos: Bruno, Heiner e Martin. En Gaienhofen escribiu a súa segunda novela Unterm Rad, publicado en 1906. En 1907 seguiu o poeta errante e filósofo da natureza Gusto Gräser á súa gruta preto de Ascona, que se converteu na súa “terra santa”. Alí teñen a súa orixe as Legenden aus der Thebais. A experiencia cabo dun habitante das terras salvaxes foron un motivo recorrente nos seus poemas dende entón. Gräser amosoulle o camiño ó mundo espiritual oriental. Despois da volta á vida “civilizada” escribiu sobre todo contos e poemas. A súa seguinte novela Gertrud de 1910 amosa a crise creativa que o apreixaba. Foi unha obra que lle custou moito traballo e que anos máis tarde consideraría un fracaso. A vida de parella tampouco ía ben e para tomar distancia da situación, comezou unha longa viaxe a Ceilán e Indonesia en 1911. Fracasou no intento de achar a inspiración espiritual que procuraba, pero a viaxe ía marcar de xeito decisivo a súa traxectoria literaria. Despois do regreso a familia mudouse en 1912 a Berna o que non reduciu os problemas matrimoniais, como reflectiu Hesse en 1914 na novela Roßhalde.
[editar] A Primeira Guerra Mundial
Ó empezar a I Guerra Mundial Hesse presentouse como voluntario na embaixada alemá, porque non podía resisti-la idea de non comparti-lo destino doutros escritores que morrían na fronte. Foi rexeitado por problemas de saúde e enviado o servizo de axuda os prisioneiros de guerra en Berna. Hesse ocupouse de recoller libros para ser enviados os presos. Foi un dos editores da publicación Deutschen Interniertenzeitung (1916/17), editor do Sonntagsboten für die deutschen Kriegsgefangenen (1916-1919) e responsable da Biblioteca para prisioneiros de guerra alemáns.
En 1913 publicou Aus Indien, un ano despois Roßhalde. O 3 de novembro de 1914 apareceu no Neuen Züricher Zeitung a recensión Amigos, non ese ton na que chamaba ós intelectuais alemáns a non entrar en polémicas nacionalistas. As consecuencias cambiaron a vida de Hesse: atopouse no medio de intensas disputas políticas, foi atacado pola prensa alemá, recibiu cartas cheas de odio e vellos amigos romperon con el. Atopou o apoio de seu amigo Theodor Heuss e do escritor francés Romain Rolland, ó que Hesse visitou en 1915.
A estes conflitos engadíronse unha serie de desgrazas familiares: a morte de seu pai en marzo de 1916, a grave doenza do seu fillo Martin e a declaración da esquizofrenia da súa muller. Tivo que deixar o seu servizo na institución de axuda ós prisioneiros de guerra e buscar axuda psicoterapéutica para supera-la crise.
Illado social e espiritualmente reencontrouse co seu vello mestre Gusto Gräser, que se negara a servir no exército e escapara por pouco de ser fusilado. Nel e na súa compañeira Frau Elisabeth encontrou a forza e o cambio de orientación que buscaba. Hesse experimentou o gran cambio da súa vida. Converteuse nun pacifista e defensor dos obxectores de conciencia. En compaña dos Gräser sentíase dentro do mundo dos “escollidos”. O aspecto profético de Gusto Gräser foi reflectido nas súas análises e na súa poesía: entre setembro e outubro de 1917 escribiu a novela Demian, que foi publicada en 1919 baixo o pseudónimo Emil Sinclair “para non poñer medo os rapaces co coñecido nome dun vello tío”. Hoxe existe a suposición de que o pseudónimo e unha indicación de que Hesse non quería ser relacionado cos contidos homosexuais e os problemas sobre a propia orientación sexual latentes no libro.
[editar] Un novo fogar en Tessino (1919-1962)
[editar] Casa Camuzzi
Cando Hesse retomou a vida normal en 1919 o seu matrimonio estaba destruído. A muller recuperárase dunha grave crise psicótica, mais o escrito non cría na posibilidade de continuar a vida en común. Despois da venda da vivenda de Berna, Hesse asentouse só en abril de 1919 en Tessino, primeiro nunha casa labrega en Minusio preto de Locarno, despois en Sorengo e o 11 de maio en Montagnola, unha aldea de montaña non moi lonxe de Lugano, en catro habitacións dunha casa de construción semellante a un castelo e portada barroca coñecida como Casa Camuzzi. Desde o seu balcón podía ver o lago Lugano e a paisaxe de montañas do lado italiano da fronteira. A nova situación e a paisaxe inspiraron a Hesse non só novas creacións literarias, senón tamén debuxos e acuarelas como conta no seu relato Klingsors letzter Sommer de 1920.
O ano 1922 saíu do prelo a súa novela india Siddhartha. Nela expresaba o seu amor pola cultura india e a sabedoría oriental que coñecera xa cando vivía con seus pais. En 1923 recuperou a nacionalidade suíza e renunciou a alemá. En 1924 casou con súa amante Ruth Wenger, filla da escritora suíza Lisa Wenger, tía de Meret Oppenheim e máis tarde mai do actor Ezard Haußmann . A parella funcionou mal desde o primeiro momento.
O seguintes traballo importantes Kurgast de 1925 e Die Nürnberger Reise de 1927, son relatos autobiográficos de ton irónico. Neles anunciase a novela de máis éxito de Hesse: Der Steppenwolf (O lobo estepario) de 1927, que se presentaba coma un berro de aviso diante da guerra que estaba por vir, e que foi considerado entre o público de lingua alemá coma unha obra mestra ou coma obxecto de burla. Ese ano, cando o escritor cumplía 50 anos, publicouse a súa primeira biografía escrita polo seu amigo Hugo Ball. Pouco despois da aparición da súa famosa novela, a vida de Hesse sufriu un novo cambio, causado pola relación con Ninon Dolbin, nacida en Czernowitz na Bukovina, que se ía converter na súa terceira muller. O resultado dese cambio foi a novela Narziß und Goldmund de 1930.
[editar] Casa Hesse= Casa Rossa (1931-1962)
En 1931 Hesse deixou o alugueiro na Casa Camuzzi e marchou coa súa nova compañeira a unha casa meirande, a Casa Hesse, chamada tamén pola súa pintura vermellosa Casa Rossa. A casa foi deseñada e posta á súa disposición polo seu amigo Hans C. Bodmer seguindo os desexos do escritor, e volveu á Bodmer cando Hesse morreu.
[editar] Nazismo e Guerra Mundial
En 1931 comezou a desenvolver o seu derradeiro gran traballo, que debía levar o título de Das Glasperlenspiel. En 1932 publicou un avance, co conto Die Morgenlandfahrt. Hesse contemplou con gran preocupación a toma do poder polos nacionalsocialistas en Alemaña. Bertolt Brecht e Thomas Mann pararon na casa de Hesse en 1933 camiño do exilio. Mann e Hesse estaban unidos polo seu rexeite do nacionalsocialismo e mantiveron a amizade, malia as diferencias das súas personalidades, ata a fin. A relación con Brecht non foi tan cordial. Hesse tentou, á súa maneira, modifica-lo curso dos acontecementos en Alemaña. Publicaba dende había décadas artigos na prensa alemá, e entón falaba a favor dos xudeus e dos autores perseguidos polos nazis. A mediados dos anos 30 os xornais alemáns non ousaban xa publicar os seus artigos. O traballo en Das Glasperlenspiel foi o seu refuxio espiritual durante os anos seguintes. A novela foi impresa en Suíza en 1943 e foi un dos motivos fundamentais polo que lle concederon o Premio Nobel de literatura en 1946
Despois da guerra a creatividade de Hesse foi limitada: escribiu só contos e poemas. A súa intensa correspondencia (recibía unha avalancha de cartas que testemuñaban a recuperación da súa fama entre as novas fornadas de lectores) dirixidas por persoas que confiaban na orientación e na axuda do “vello sabio” roubáballe moito tempo. Hermann Hesse morreu o 9 de agosto de 1962 e esta enterrado do cemiterio de Sant´Abbondio en Montagnola, no que está tamén enterrado Hugo Ball, un dous poucos amigos polos que Hesse se sentía comprendido nos sentimentos máis íntimos, nas empresas literarias e no seu papel como escritor e artista.
[editar] Obra literaria
[editar] Características
Os primeiros traballos de Hesse mantéñense na tradición literaria do século XIX. A lírica e herdeira directa da dos románticos, o mesmo que a lingua e o estilo de Peter Camenzind, novela pensada polo autor como un Bildungsroman no estilo de Grünen Heinrich de Gottfried Keller. O autor revolvíase contra a industrialización e a urbanización, tamén de acordo co movemento romántico. O neorromanticismo formal e de contido foi abandonado máis tarde. A estrutura antitética de Peter Camenzind, que se amosa na oposición campo - cidade e home – muller, percíbese tamén en obras posteriores como Demian e O lobo estepario.
A familiarización cos arquetipos do psicólogo Carl Gustav Jung tivo unha influencia decisiva na obra de Hesse, que se ve por primeira vez en Demian: o camiño dun home novo para se buscar a si mesmo é o tema principal. Esta é a causa de que moitos rapaces escollan a Hesse como o seu autor preferido. A tradición do Bildungsroman esta presente tamén en Demian, mais non o nivel do real, senón nunha “paisaxe anímica” interna.
Outro aspecto significativo da súa obra é a espiritualidade, especialmente visible na novela Siddhartha. A sabedoría hindú, o taoísmo e a mística cristiá están na orixe da súa filosofía. A tendencia principal do camiño da sabedoría seguindo a traveso do individuo é unha postura tipicamente occidental, que non se atopa nas filosofías asiáticas. Moita parte da crítica atacan a Hesse acusándoo de utilizar as forma literarias só como vehículo para expresar a súa visión espiritual do mundo. Tódalas obras de Hesse teñen unha parte autobiográfica, máis evidente no “Lobo estepario”. En obras de madureza como Die Morgenlandfahrt e O xogo das perlas de vidro Hesse retoma unte má que xa aparecera en Peter Camenzind: a oposición entre a vida activa e a vida contemplativa. Perante o panorama dos anos vinte, cando a obra e de novo un Bildungsroman de ton clásico. Estes dous elementos equilíbranse nunha interacción dialéctica.
Outro aspecto importante da obra de Hesse son as recensións bibliográficas, das que publicou unhas 3000 ó longo da súa vida, e que cubriron dende contos de autores descoñecidos ás obras fundamentais da cultura asiática, que nos anos 70 do século XX entraron nas correntes literarias e filosóficas do mundo occidental, pero que eran unha novidade na súa época.
[editar] Recepción da obra de Hesse
As súas primeira obras foron en xeral recibidas positivamente pola crítica. Durante as dúas guerras mundiais a obra de Hesse sufriu campañas de prensa en contra en Alemaña, causadas pola súas posturas contrarias á guerra e o nacionalismo. A partir de 1937 os seus libros estiveron prohibidos en Alemaña. As novas xeracións alemás descubrírono só despois de 1945.
En 1957, dez anos despois de que Hesse recibira o Nobel, Karlheinz Deschner 1957 escribiu: “Que Hesse teña publicado unha chea de versos de pouco nivel é unha lamentable mostra de falta de disciplina, unha barbarie literaria”. A súa opinión sobre a prosa do escritor tampouco era mellor. Nas seguintes décadas parte dos críticos alemáns sumáronse a esa opinión. Hesse foi considerado por moitos coma escritor de literatura kitsch. Por contra, mentres nos anos 1960 a valoración da súa obra en Alemaña estaba no seu nivel máis baixo, Hesse foi descuberto polos rapaces nos Estados Unidos , onde se converteu nunha moda que acabou chegando a Alemaña. O lobo estepario foi éxito de vendas internacional e Hesse pasou a ser un dos autores en lingua alemá máis lidos. Vendéronse máis de 100 millóns de libros das súas obras, Nos anos 70 a editora Suhrkamp-Verlag publicou cintas con recitados feitos por Hesse nos seus últimos anos. Dous premios literarios foron creados en memoria de Hesse: O Calwer Hermann-Hesse-Preis e o Hermann-Hesse-Literaturpreis da cidade de Karlsruhe
[editar] Bibliografía
- 1898 - Romantische Lieder (Cancións románticas)
- 1899 - Eine Stunde hinter Mitternacht (Unha hora despois da medianoite)
- 1904 - Peter Camenzind
- 1906 - Unterm Rad (Baixo a roda)
- 1908 - Freunde (Amigos)
- 1910 - Gertrud (Xertrude)
- 1910 - A cidade
- 1914 - Rosshalde
- 1915 - Knulp (Knulp. Tres momentos dunha vida)
- 1917 - Der Europäer (O europeo)
- 1918 - O conto do sillón de vimbio
- 1919 - Demian (Demian: historia da xuventude de Emil Sinclair)
- 1919 - Klein und Wagner (Klein e Wagner)
- 1919 - Märchen (Contos)
- 1920 - Kinderseele
- 1920 - Blick ins Chaos (Ollada no caos)
- 1920 - Klingsors letzter Sommer (O último verán de Klingsor)
- 1920 - Wanderung: Aufzeichnungen
- 1922 - Siddhartha
- 1922 - Tráxico
- 1923 - Infancia dun mago
- 1924 - Compendio biográfico
- 1926 - Traumfährte (Rastro dun soño)
- 1927 - Die Nürnberger Reise (A viaze de Nürnberg"
- 1927 - Der Steppenwolf (O lobo estepario)
- 1928 - Parodia suabia
- 1929 - O rei Yu
- 1930 - Narziss und Goldmund (Narciso e Goldmundo; primeira tradución española de Lois Tobío)
- 1930 - Edmundo
- 1932 - Die Morgenlandfahrt (Viaxe ao Oriente)
- 1932 - O paxaro
- 1937 - Gedenkblätter (Escritos autobiográficos)
- 1942 - Stufen (Estadios)
- 1942 - Die Gedichte (Poemas)
- 1943 - Das Glasperlenspiel [Magister ludi] (O xogo das perolas de vidro)
- 1946 - Krieg und Frieden (Sobre a Guerra e a Paz)
- 1953 - Eine Bibliothek der Weltliteratur (Un libreiro da literatura mundial)
[editar] Véxase tamén
[editar] Ligazóns externas
- Páxina de Hermann Hesse - en alemán e inglés, mantida polo profesor Gunther Gottschalk
- Portal Hermann Hesse (en varias linguas)