Hao
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Hao é un atol das Tuamotu, na Polinesia Francesa. Está situado no centro e ao leste do arquipélago, a 920 km ao leste de Tahití. As súas coordenadas son: 18º 3' 38" S 140º 59' 15" O.
[editar] Xeografía
É un atol de forma alargada, de 50 km de longo e 14 km de ancho. A superficie total é de 50 km², e a altitude máxima é de 3 m. A lagoa é unha das máis grandes da Polinesia Francesa, con 720 km², que só se abre ao océano por un único paso onde se producen fortes correntes.
O clima é marítimo, onde unha temperatura que oscila entre 23 e 32ºC ao longo do ano. A ausencia de relevo fai que os ventos alisios afasten as nubes e, polo tanto, as precipitacións son relativamente moderadas.
A vila principal é Otepa, e a poboación era de 1.582 habitantes no censo do 1996, cun forte incremento demográfico desde que se estableceu a base do Centro de Experimentación do Pacífico (CEP) para as probas nucleares. As infraestruturas construídas nos últimos anos son importantes: un aeroporto cunha pista de 3.380 m, un porto de carga, unha estrada de 15 km, desalinizadoras, xeradores eléctricos e un hospital militar.
Como curiosidade, dispón dun campo de golf cun dos percorridos máis duros do mundo. A saída atópase nun illote e a chegada noutro. Unha barca co fondo de cristal axuda aos xogadores a atopar as pelotas perdidas. O par do percorrido de 18 buracos, é de 312.
[editar] Historia
Hao foi descuberto no 1606 por Pedro Fernández de Quirós, que o chamou A Conversión de San Pablo. Pola súa forma alargada Louis Antoine de Bougainville chamouna o Arpa (A Harpe) e James Cook, o Arco (Bow Island).
En Hao estableceuse a base avanzada do Centro de Experimentación do Pacífico (CEP) para os ensaios nucleares. Entre 1963 e 1965 construíronse grandes infraestruturas que servían de ponte aérea e marítimo para desembarcar material nos atois de Mururoa e Fangataufa. En xuño de 2000 retiráronse as forzas armadas do atol. As infraestruturas pasaron ao goberno territorial que pretende aproveitalas para desenvolver o turismo ante a incerteza do futuro económico do atol.
[editar] Comuna de Hao
Hao é a capital dunha comuna que inclúe as comunas asociadas de Amanu e Hereheretue. Ademais, inclúe diversos atois dispersos deshabitados ou sen unha poboación estable.
Illas | Habitantes (censo 1996) | Superficie (km2) |
---|---|---|
Hao | 1582 | 50 |
Amanu | 209 | 28 |
Hereheretue | 45 | 1 |
Tauere | 0 | 2 |
Nengonengo | 0 | 9 |
Manuhangi | 0 | 1 |
Anuanuraro (Illas do Duque de Gloucester) | 0 | 18 |
Anuanurunga (Illas do Duque de Gloucester) | 0 | 7 |
Hukutepipi (Illas do Duque de Gloucester) | 0 | 1 |
Ahunui | 0 | 3 |
Rekareka | 0 | 2 |
Paraoa | 0 | 4 |
TOTAL | 1836 | 126 |