El Agricultor
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
El Agricultor foi unha publicación periódica de ideoloxía agrarista editada pola "Sociedad de Labradores y Agricultores de Riotorto" e a "Unión Agrícola y Pecuaria de Villaodrid y Villameá". Coñeceu dúas épocas. A primeira, como "revista mensual de agricultura", cun total de 113 entregas, estendeuse de xullo de 1907 a decembro de 1916. A segunda, como periódico quincenal agrario, con novo director e novo formato, reapareceu e desapareceu en 1919. A revista en cuarto de 16 páxinas cada número converteuse na segunda época nun periódico de formato berlinés de só 4 páxinas.
Entre os fundadores iniciais estaban Elías Santomé Santamarina, Saturnino Santomé Santamarina, Manuel María García Castro, Venancio Gavín Gallo e Adolfo Rivas Bermúdez. O director da publicación da primeira época foi Elías Santomé. Na segunda época o director foi Francisco García Martínez.
A publicación imprimíase en Mondoñedo nos talleres de César González Seco, editor e político que andado o tempo sería sogro do escritor e xornalista Álvaro Cunqueiro. Aínda que o berce da revista é Riotorto, a súa área de influencia abrangueu nos anos seguintes os concellos limítrofes de Vilameá e Vilaodriz (que forman o actual concello da Pontenova), Lourenzá, Meira, A Pastoriza, e Mondoñedo.
O activismo agrario da zona aparece vencellado ó movemento reformista da Solidaridad Gallega da Coruña. Os líderes do agrarismo local, e en particular Venancio Gavín, participan na organización da Federación Agropecuaria del Norte Galaico e nas varias Asembleas agrarias celebradas en Monforte e Ribadavia. Politicamente, a Sociedade agraria de Riotorto e o seu órgano de expresión nacen co obxectivo de loitar contra o caciquismo e desprazar o alcalde José García Éstoa, que levaba máis de 20 anos rexendo o concello, e o seu sucesor, José María Bermúdez Leibas. Durante o mandato deste último, a publicación da sociedade competirá con El Eco de Riotorto, quincenario fundado por José María Sampedro para contrarrestar a súa propaganda. Estratexicamente, os activistas locais da denominada "Candidatura Social" posicionáronse nun primeiro momento como opositores ó liberalismo monterista de Avelino Montero Villegas dominante no distrito mindoniense, aínda que a partir de 1913 tanto a sociedade coma a publicación cambiaron de orientación ata se colocaren practicamente á súa sombra.
A revista foi apoiada pola colonia de Riotorto na Habana e México nos momentos críticos pero sostíñase sobre todo das suscricións e da publicidade, que sempre foi bastante limitada. A Lista de Subscritores que se conservou contén máis de 600 nomes cos seus correspondentes enderezos. Na segunda época, o número de subscritores foi menor pero o propio periódico falaba nun dos primeiros números de que se agardaban 100 subscricións en Lourenzá.
A lingua da información tanto na revista mensual coma no periódico quincenal foi o castelán, pero a poesía e os textos prosísticos de caracter dialogal e popular aparecen escritos na maior parte en galego, cos trazos dialectais característicos da zona. O poeta oficial da revista foi Manuel María García Castro, natural da Órrea e ex-seminarista en Mondoñedo. Ademais de varios poetas do norte da provincia de Lugo, a revista incluía ás veces poemas de autores clásicos como Curros Enríquez, Alfredo Brañas, Aureliano Pereira e Noriega Varela.
Unha edición facsimilar da cabeceira riotortense cos números que se conservaron (da primeira época todos menos seis, e da segunda dous dos oito) foi publicada pola Sociedade Anónima da Xestión do Plan Xacobeo a iniciativa da Asociación A Arrincadeira en maio do 2007, en catro volumes, co gallo do centenario da súa aparición. O xornal El Progreso tamén se sumou á celebración coa publicación dunha escolma de artigos representativos da revista e do periódico que se repartiu coa edición local da Mariña o Día das Letras Galegas.
[editar] Ligazóns externas
- Web non oficial de Riotorto de Eloi Treitas
- Web da Asociación A Arrincadeira con Noticias da Presentación do Facsímile de El Agricultor
[editar] Referencias bibliográficas
- Cabo Villaverde, Miguel (2003) “El Agricultor”, Prensa agraria en Galicia. Ourense: Duende Bux.
- Conde Muruais, Perfecto (2003) “El Agricultor”, Gran Enciclopedia Galega, tomo 1, pp. 237-238. Lugo: El Progreso - Diario de Pontevedra.
- Fernández Salgado, Benigno (2007) “El Agricultor: agrarismo solidario e rexionalismo lingüístico”, El Agricultor. Edición Facsimilar, pp. 7-166. Santiago de Compostela: Sociedade Anónima Xestión do Plan Xacobeo.