Donramiro, Lalín
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Santa María de Donramiro é unha parroquia que se localiza no concello de Lalín. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 960 habitantes (483 mulleres e 477 homes), distribuídos en 5 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 912 habitantes.
Unha antiga lenda local atribúe a fundación da parroquia a un rei godo chamado Ramiro. Contando cos lugares de Agruchave, Donramiro, Filgueiroa, Penela, Regueiriño e Trascastro.
Está a unha altura de seiscentos metros por encima do nivel do mar.
A antiga igrexa románica do século XII foi reformada no ano 1654 en estilo barroco, só a fachada e o primeiro tramo da nave son románicos. Nunha sepultura desa igrexa repousan os restos de Ramón María Aller Ulloa que naceu no Pazo de Filgueiroa, localizado nesta parroquia ao igual que o Palacete dos Crespo.
O segundo domingo de setembro celébrase unha famosa romaría no Montserrat.
Nos montes do Monserrat áchase un castro explorado por Florentino López Cuevillas.
Os seus monumentos máis importantes son: o castro, o Palacete dos Crespo (coñecido como "a casa da Crespa" por ser a súa última moradora Anuncia Crespo Barros, filla do que foi alcalde de Lalín de 1903 a 1923, Antonio Crespo Pampín e neta do tamén alcalde do s. XIX José Crespo Villar) e a carballeira da Crespa (que pertenceu a esta señora).
Lugares da parroquia de Donramiro no concello de Lalín (Pontevedra) | |
---|---|
Agruchave | Donramiro | Filgueiroa | Penela | Regueiriño |Trascastro |