Domiciano
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Titus Flavius Domitianus (24 de outubro de 51 - 18 de setembro de 96) foi un emperador romano.
A desaparición prematura de Tito deu o poder ao seu irmán menor Domiciano, quen non tardou en rebelarse contra aquel. Como gobernante e administrador mostrouse moi capaz, pero no persoal caracterizouse pola súa desmesurada ambición e por un autoritarismo extremo.
Sucumbiu á tentación de instaurar unha monarquía absoluta, relegando o Senado, utilizando a súa condición de censor perpetuo para mantelo afastado e controlado estreitamente, en beneficio dun consello imperial que manexaba ao seu antollo. Esixiu a súa proclamación divina e que se lle rendesen os honores correspondentes.
Estes e outros aspectos negativos da excesiva concentración do poder, como as confiscacións arbitrarias e a lixeireza como se ditaban as condenas a morte, tiveron a súa contrapartida na mellora da xestión gobernamental.
Domiciano foi un déspota, pero non se deu os excesos de Calígula ou Nerón, senón que gastou as súas enerxías na acción política. Gañou en eficacia administrativa e medrou a presenza dos ecuestres no aparello burocrático, promoveu o retorno ás tradicións romanas, opoñéndose aos cultos de orixe oriental que estaban a invadir Roma. Puxo especial empeño no reforzamento das fronteiras. A xustiza fíxose máis efectiva e a fiscalización dos gobernadores provinciais fíxose cun maior rigor. Avanzou na romanización e ampliouse o dereito de cidadanía.
Cos problemas fronteirizos, en xeral, prevaleceron as armas romanas. Afianzouse o poder en Britania, levándose a cabo unha notable penetración en Escocia. Castigouse duramente aos catos, pobo xermánico, empurrándoos mais aló do Rin. Reorganizouse a Xermania, dividíndoa en Superior e Inferior a efectos administrativos e militares. Afianzou a presenza romana nos Campos Decumates, mellorando as comunicacións e fortificacións. Derrotou aos dacios, un pobo danubiano, que baixo o seu xefe Decébalo, previamente desfixera un exército romano, e logo concluíu con eles unha paz de circunstancias, debido á presión que exercían os marcomanos.
Pese ao rigor co que gobernou, Domiciano non tivo que facer fronte a rebelións, exceptuada a do gobernador da Xermania Superior, Lucio Antonio Saturnino, rapidamente sufocada. En troques, foi vítima das endémicas conxuras familiares, e na que lle custou a vida interviu a súa propia esposa.
Con el extínguese a dinastía Flavia, cuxos emperadores aportaron prosperidade, eficacia administrativa e fortaleza militar, pero cuxa actuación foi creando as condicións para transformar o principado nunha monarquía absoluta. Sexa como for, a obra dos Flavios supuxo un sólido cimento para a fecunda Pax Romana, que se había prolongar cos seguintes emperadores durante case un século.
Imperio Romano | ||
---|---|---|
Segue a: Tito |
Domiciano | Precede a: Nerva |
Dinastía Flavia |