Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CIRP) é un organismo investigador dependente da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria que se denominou desde a súa fundación en 1993 Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro. Neste centro, que comparte edificio coa Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, desenvólvense proxectos a prol da lingua e cultura galegas. Entre eles cómpre destacar:
- Proxecto Termigal: centro terminolóxico do galego onde se investiga a terminoloxía de certos campos e os galegos poden tamén facer consultas (teléfono: 981542653);
- Proxecto de Fraseoloxía: o equipo dirixido por Xesús Ferro Ruibal pon en marcha os monográficos e a revista Cadernos de Fraseoloxía Galega, xa polo número 8 (2006);
- Proxecto Corga (Corpus de Referencia do Galego Actual);
- Proxecto Dicionario de literatura;
- Proxecto Dicionario de termos literarios;
- Proxecto de Recuperación de textos poéticos e xornalísticos galegos;
- Proxecto de Dimensións da identidade colectiva en Galicia;
- Proxecto de Informes anuais de literatura;
- Proxecto de Cantigas de Santa María;
- Proxecto de Investigación e estudo do galego exterior;
O centro está ubicado na estrada de Santiago de Compostela a Noia, km. 3, A Barcia - Lamas de Laraño. No mesmo recinto tamén está a Escola Superior de Hostalería de Galicia.