See also ebooksgratis.com: no banners, no cookies, totally FREE.

CLASSICISTRANIERI HOME PAGE - YOUTUBE CHANNEL
Privacy Policy Cookie Policy Terms and Conditions
Calvin e Hobbes - Wikipedia

Calvin e Hobbes

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

A banda deseñada editada orixinalmente en inglés co nome de Calvin and Hobbes (e en castelán co de Calvin y Hobbes: en galego non existe tradución) é unha obra da autoría de Bill Watterson. Nela nárranse as andainas dun rapaciño de seis anos cunha imaxinación rebordante, en realidade unha caricatura a xulgar polo enorme desaxeitamento entre o tamaño da cabeza e o do corpo (ou precisamente por iso se reflicta ben que é un neno, pola diferenza morfolóxica respecto á proporción das oito cabezas dun adulto).


Índice

[editar] Personaxes principais

Fillo único, Calvin amósanos moitos aspectos da vida cotiá dende unha óptica infantil, aínda que en realidade se trate dunha banda deseñada destinada máis ben aos adultos. Unha boa parte das situacións tratadas teñen unha relación moi directa coas actividades ou pensamentos infantís: xogando coa zorra en inverno nunha corga próxima á casa ou con globos de auga en verán, os monstros debaixo da cama, a hora do baño, os acenos cando lle están tirando unha fotografía, o colexio, xogando coa comida, a canguro coidadora, os deberes, o almorzo no comedor escolar, a hora de irse deitar, ou outros tipos de diversións fronte á enchenta habitual de televisión ("Ou, grande altar de distracción pasiva; derrama sobre min as túas discordantes imaxes a tanta velocidade como cho permita o refresco das túas 625 ringleiras"). Moitas veces formúlanse dinámicas adultas habituais analizadas dende as inferencias dun neno, co cal se chega a moitas situacións cómicas. Outras fontes do seu humor son as trasnadas, a súa linguaxe mesturada de palabras habituais con outras de rexistros elevados ou o recurso á misoxinia ou ó escatolóxico.


Conviven con el na súa casa o seu pai (xornalista) e a súa nai, que deixou de traballar para responsabilizarse del (en palabras do seu pai, "porque o traballo dela antes de nacer [Calvin] era o máis estresante dos dous, e como estaba afeita a iso pensouse que era a máis axeitada"), de educación e cultura máis ben moderna e dialogante (e tamén paciente).


Pero o tebeo ten dous nomes, xa que hai outro personaxe que comparte o protagonismo co pequeno humano: trátase dun tigre de veludo chamado Hobbes, que para o resto da xente é simplemente un boneco mentres que para Calvin ten vida propia. Coma se fosen Don Quixote e Sancho Panza, ás veces Hobbes preséntase coma o contrapunto de Calvin, sobre todo cando se avista que se van enlear polas consecuencias dos seus actos (trasnadas, para un maior). A imaxinación rebordante non pode chegar a explicar todos os actos de Hobbes (dende que se abalanza contra Calvin para atacalo cando entra pola porta vindo do colexio, ata as pelexas ou razoamentos exteriores, pero iso asúmese dentro do pacto de verosimilitude sobre a fición entre o autor e o lector), pero o trasfondo real é o grande cariño que Calvin sente por Hobbes, o que leva ás veces a fermosas escenas de exaltación da amizade. Unha mostra deste afecto é a enorme intranquilidade vital que se produce en dous episodios nos que Hobbes deixa de estar con Calvin porque desaparece por certo tempo: cando rouban na casa tras unha viaxe que fai a familia para asistir a unha voda, e onde Hobbes non dá aparecido (e o agobio de Calvin por atopar a Hobbes en contraste coa preocupación pola inseguridade no fogar por parte dos pais) ou cando a rapaza veciña secuestra a Hobbes para recuperar unha boneca que Calvin lle secuestrara antes. Tanto o nome de Calvin coma o de Hobbes proceden de dous filósofos: o primeiro é Calvino, tamén reformador protestante do século XVI, e o segundo é Thomas Hobbes, do século XVII e quen segundo o creador da banda deseñada tiña unha visión escura e pesimista da natureza humana.

[editar] Personaxes secundarios

Outros personaxes que aparecen con certa profusión son:

  • Susie Derkins, esta rapazola veciña antes mencionada, que tamén está na mesma clase. Susie Derkins é unha nena aplicada a quen Calvin lle ten manía (non se pode dicir que a odie) e motivo polo cal Calvin creou o clube "A.S.C.O" (Asociación sen chicas obtusas). Ás veces preséntanse situacións nas que comen xuntos no comedor e Calvin aproveita para falar de cousas nauseabundas e escatolóxicas que incomoden á neniña. A pesares de que a actitude de Calvin é misóxina, case sempre dá a impresión de que a Hobbes lle gusta;
  • o típico abusón do colexio, que nos seus globos de diálogo aparece cun tipo de letra específico en contraste con tódolos demais personaxes. Este cambio de letra aparece tamén aplicado aos monstros debaixo da cama, o cal leva a pensar que amosa os elementos aos que Calvin lle ten pánico (non medo exactamente, porque non se dá nos moitos casos nos que Calvin escapa da súa nai enfadada);
  • a señorita Caruncho (carcoma en castelán e Wormwood en inglés), profesora de matemáticas, e o director do colexio, a quen Calvin visita moitas veces castigado. A señorita Carcoma é unha fumadora e está a piques de xubilarse.;
  • Rosalyn, a canguro adolescente coidadora con quen Calvin sempre ten problemas;

Ademais deles, debido a que os temas máis recorrentes na imaxinación de Calvin son os dinosaurios, as aventuras espaciais e certos obxectos que cobran vida propia (a bicicleta, os bonecos de neve, as mesas, moi habitualmente a comida e sempre Hobbes), moitas veces aparece el mesmo representado nas súas historias imaxinarias coma dous posibles alter ego:

  • Estupendo-man, un superheroe no que se converte cando se pon a capa e a carapucha que lle fixo a súa nai;
  • O capitán Spiff, un intrépido piloto dunha nave espacial que habitualmente acaba aterrizando nalgún inhóspito planeta, xeralmente habitado por horrendos e malignos seres chamados Zork;
  • Un detective privado propio de novela negra (La Bala en castelán, Tracer Bullet no orixinal inglés);
  • Un home adulto deseñado ao estilo do cómic clásico americano (cando xoga con Susie Derkins), así como moi ocasionalmente o capitán Napalm ou Safari Al;

Por outra parte, algunhas das súas aventuras parten tamén de certas alteracións das leis e principios da física do mundo coñecido: un duplicador de persoas, unha alteración gravitacional ou da perspectiva, o crecemento progresivo de Calvin ata o tamaño da Galaxia, viaxes no tempo (ao pasado), a ausencia ou inversión das cores, etc.

[editar] Formato

As bandas deseñadas teñen un formato ambiguo: constan de tres ringleiras de catro cadros ou viñetas cada unha (salvo ás veces a primeira) que a maioría das veces son tres escenas diferentes. Aínda que cun fío condutor común, en moitos casos estas ringleiras son interpretables tamén se se presentan e son comprensibles independentemente (ás veces grazas á recontextualización ou á anáfora). Así, pódese compoñer certa continuidade en historias longas ou presentar as ringleiras por separado para cando o espazo de edición é reducido. A pesares das dificultades de manter esta ambivalencia, o recurso está suficientemente ben elaborado como para aproveitarse comercialmente para estes dous tipos diferentes de formatos. Como xa se dixo, as fontes son sempre iguais agás as do matón e dos monstros de debaixo da cama pero, en todo caso, sempre en versais (salvo tamén a do abusón, polo menos na edición en castelán). Normalmente son en branco e negro (polo menos nos volumes que se citan a continuación) aínda que aparecen alternadamente páxinas enteiras a cor (polo menos no número 5). O estilo da ilustración depende do narrado, probablemente para que o lector se decate máis facilmente do contexto da narración: varía en función de se está no mundo real, na imaxinación de Calvin só con Hobbes, nalgunha aventura dos seus alter ego ou, sobre todo, se está na imaxinación conxunta de Calvin e Susie nas moi contadas ocasións nas que acepta a xogar con ela. Nos primeiros casos, ten unha tendencia de certo parecido coas ilustracións de Snoopy.

[editar] Edición

A licenza para o inglés é de Andrews McMeel Publishing para Universal Press Syndicate, que para o castelán o deixou en mans de Ediciones B (do Grupo Z), dando ao prelo de momento os seguintes números:

  • 1: En todas partes hay tesoros (En todas partes hai tesouros);
  • 2: Cada cosa a su tiempo (Cada cousa ao seu tempo);
  • 3: Felino maníaco homicida (Felino máxico homicida);
  • 4: Un mundo mágico (Un mundo máxico);
  • 5: El gran Calvin y Hobbes ilustrado (O grande Calvin & Hobbes ilustrado);
  • 6: El nuevo Calvin y Hobbes clásico (O novo Calvin & Hobbes clásico);
  • 7: Calvin y Hobbes para principiantes (calvin & Hobbes para principiantes);
  • 8: El ataque de los monstruosos monstruos de nieve mutantes (O ataque dos monstruosos monstros de neve mutantes);

Este último volume foi publicado en castelán en 2001 baixo a tradución de Francisco Pérez Navarro (Attack of the Deranged Mutant Killer Monster Snow Goons en 1992 en inglés) e reeditado en 2004. Tamén en castelán, publícase ademais actualmente unha ringleira de catro cadros a cor en cada suplemento dominical do xornal El País, sorpendentemente na sección infantil. En inglés, a súa derradeira publicación saíu do prelo o 31 de decembro de 1995. Os seus nomes nas traducións a outras linguas non sempre se conservan, como se pode ver para a maioría das linguas nórdicas nos interwikis (o islandés, o danés, o noruegués, o finlandés ou o sueco) e outras coma o chinés, o coreano, o xaponés (só en certa medida e debido principalmente á transliteración e adaptación ó seu sistema fonolóxico), o polaco, o brasileiro, o ruso, o belarruso, o húngaro e o neerlandés.



aa - ab - af - ak - als - am - an - ang - ar - arc - as - ast - av - ay - az - ba - bar - bat_smg - bcl - be - be_x_old - bg - bh - bi - bm - bn - bo - bpy - br - bs - bug - bxr - ca - cbk_zam - cdo - ce - ceb - ch - cho - chr - chy - co - cr - crh - cs - csb - cu - cv - cy - da - de - diq - dsb - dv - dz - ee - el - eml - en - eo - es - et - eu - ext - fa - ff - fi - fiu_vro - fj - fo - fr - frp - fur - fy - ga - gan - gd - gl - glk - gn - got - gu - gv - ha - hak - haw - he - hi - hif - ho - hr - hsb - ht - hu - hy - hz - ia - id - ie - ig - ii - ik - ilo - io - is - it - iu - ja - jbo - jv - ka - kaa - kab - kg - ki - kj - kk - kl - km - kn - ko - kr - ks - ksh - ku - kv - kw - ky - la - lad - lb - lbe - lg - li - lij - lmo - ln - lo - lt - lv - map_bms - mdf - mg - mh - mi - mk - ml - mn - mo - mr - mt - mus - my - myv - mzn - na - nah - nap - nds - nds_nl - ne - new - ng - nl - nn - no - nov - nrm - nv - ny - oc - om - or - os - pa - pag - pam - pap - pdc - pi - pih - pl - pms - ps - pt - qu - quality - rm - rmy - rn - ro - roa_rup - roa_tara - ru - rw - sa - sah - sc - scn - sco - sd - se - sg - sh - si - simple - sk - sl - sm - sn - so - sr - srn - ss - st - stq - su - sv - sw - szl - ta - te - tet - tg - th - ti - tk - tl - tlh - tn - to - tpi - tr - ts - tt - tum - tw - ty - udm - ug - uk - ur - uz - ve - vec - vi - vls - vo - wa - war - wo - wuu - xal - xh - yi - yo - za - zea - zh - zh_classical - zh_min_nan - zh_yue - zu -