Bieito de Nursia
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Nursia, 480- Monte Cassino,547. Patrón de Europa, monxe fundador do monacato occidental.
[editar] Vida
Dunha familia patricia e acomodada, estudou retórica e filosofía en Roma. Insatisfeito dunha vida de luxo e pracer, trasladouse a Affile para vivir unha experiencia de estudo e desprendimento. Non atopando acomodo, e seguindo a máxima evanxélica de desprenderse de tódolos bens e dalo todo aos pobres, decidiu habitar nunha cova de difícil acceso nos montes de Subiaco. Nun medio agreste, vestido de pel e con longos cabelos, os pastores tíñano por un salvaxe. Foron eles os primeiros en achegarse, ata que a súa sona de sabio divulgouse de tal maneira que viñan xentes de toda clase e condición na busca de instrucción e consello.
Un grupo de monxes de Vivovaro pedíulle que aceptase a dirección da súa comunidade. Con reticencias, aceptou a encomenda ata que algúns dos que non se encontraron dispostos a aturar o seu réxime conspiraron contra a súa vida. Bieito ofreceulles o seu perdón e abandonou a comunidade.
Volto a Subiaco, empezou a reunir comunidades en sinxelas edificacións de madeira a moitos dos que, atraídos pola súa fama venerable, se acolleron ás súas directrices, mediante a imitación do seu xeito de vivir. Bieito non facía distinción entre ricos e marxinados e inculcaba a todos o espírito de traballo manual,(a imitación do carpinteiro Xesús de Nazareth), de fraternidade e de hospitalidade.
Hostigado pola murmuración do sacerdote da bisbarra de quen se conta que, por envexa, tentou tamén envenenalo, encamiñouse para Monte Cassino, onde fundou unha comunidade cun grupo de xente nova, entre os que salientaban os fieis San Plácido e San Mauro. Dende ese enclave, adicouse a predicar ás xentes do lugar co fin de extirpar os costumes e os cultos propios do paganismo. Alí cóntase que empezou a edificar unha capela cristiá no lugar do templo pagano dedicado a Apolo. Sendo Monte Cassino un lugar máis accesible, habilitou cuartos para hóspedes, debido á numerosa multitude que acudía a entrevistarse con él ou a compartir a súa vida.
A súa humildade trocábase en valor destemido fronte aos poderosos. As crónicas contan unha entrevista no ano 542 co caudillo godoTotila, que asolaba Italia, a quen non dubidou en recriminar as súas violencias e atropelos. A lenda di que Totila, impresionado, caeu postrado e implorou as súas oracións.
Foi soterrado onda Santa Escolástica, a súa irmá, a quen lle unía un gran afecto e un proxecto paralelo que aínda hoxe perdura.
[editar] Milagres
Algúns dos milagres lexendarios que del se contan teñen como ensinanza a dignificación do traballo manual, considerado naquel tempo como degradante e servil (a fouce reaparecida no fondo do lago). Outros insisten na necesidade de compartir ata o necesario cos menesterosos (os sacos de fariña anonimamente regalados, tras o reparto da propia manutención entre os esfameados) e outros sobre a entrega da propia vida por salvar a do próximo (a salvación por parte de San Mauro dun afogado sen saber nadar).
[editar] Regra
As normas de vida que prescribiu, resumidas na célebre máxima ora et labora, ordenan a oración litúrxica (consonte as horas establecidas pola Igrexa), o estudo, a lectura e o traballo manual.
A vida na comunidade fundaméntase no espírito de fraternidade, na hospitalidade, a pobreza e a obediencia ao Abade. Este ha de saber equilibrar a disciplina e a indulxencia, o rigor e a benignidade: Saiba que debe máis servir que mandar...sempre prefira a misericordia á xustiza...odie os vicios pero ame aos irmáns. Aínda ao corrixir, obre con prudencia...trate de ser máis amado que temido. (capítulo 64).
O monxe ha de ser non soberbio, non violento, non comellón, non dormilón, non lacazán, non murmurador, non denigrador e debe ser manso, casto, bondadoso e obediente, sendo a súa primeira virtude a humildade. Estará presto a socorrer ao pobre e ao peregrino, a consolar a mágoa ao aflixido,e a atender aos enfermos.
A regra da directrices equilibradas de resolución de conflitos, entende que non existe mando sen autoridade moral e exemplaridade, impón a atención personalizada consonte a debilidade de cada un e permite unha acción democrática cando o ben da comunidade o require. Prohibe a propiedade privada e impón a comunidade de bens consonte o modelo dos primeiros cristiáns
Aínda que se contan de Bieito alardes ascéticos como o de enguedellarse nunha silveira para vencer a concupiscencia, ou un réxime alimenticio de xexún e dieta vexetariana, a súa regra foxe das excentricidades e os excesos propios do anacoretismo, buscando o rigor dende un espírito de moderación, sinxeleza e modestia.
Será esta regra a que terá unha difusión sen parangón en Occidente, mutando o mundo antigo en crise trala desintegración do Imperio Romano a través de comunidades perfectamente organizadas ao redor do traballo, o estudo e a oración. San Gregorio I Magno en Roma, Rosendo de Celanova en Galicia, a gran Orde de Cluny e a posterior Orde do Císter deixarían unha fonda pegada durante máis dun milenio de historia europea