Aecio
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Flavio Aecio, Xeneral romano, morto no 454. Orixinario da provincia de Moesia, era filla do magister equitum Gaudencio e da dama Aurelia. Os primeiros anos de aprendizaxe pasounos como refén de Alarico I, o que lle permitiu coñecer o modo de pensar e loitar dos godos. Serve á súa vez como magister equitum nas Galias durante a xefatura militar de Félix, ata que no 433 alcanza el mesmo a dita maxistratura de magister militum.
Precedido por mediocres e efémeros predecesores, Aecio destaca no seu cargo por ser quen de poñer orde nun caótico Imperio de Occidente que está en proceso de derrube. Protexe Italia e detén a expansión dos bárbaros: frea aos visigodos na Galia e reduce aos burgundios en Savoia. Outras decisións son mal recibidas, pero inevitábeis, como o recoñecemento do asentamento vándalo no norte de África.
Pero a súa campaña máis notábel, a que lle ha valer para a historia o sobrenome de "o derradeiro romano", será a que dirixirá contra os hunos. Sentíndose insultado o seu caudillo Atila polo emperador Valentiniano III ante o rexeitamento da petición de man da súa irmá Honoria, lánzase a destruír Roma. Para isto convoca unha gran confederación de tribos escitas, sármatas, xépidas, ostrogodas, alanas, que se unen aos hunos na súa marcha. Pero Aecio dirixindo maxistralmente, a francos, vándalos, visigodos e as tropas romanas que quedan acada unha gran vitoria nos Campos Cataláunicos no ano 451: é a última gran batalla do Imperio de Occidente.
Para a súa desgraza, esta gran vitoria halle valer a envexa do emperador, que, abrigando sospeitas dunha hipotética pretensión ao trono, ordena matalo no 454. Posteriormente a intriga vólvese contra o propio Valentiniano, que é asasinado un ano despois por seguidores de Aecio.