A Bela Otero
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Agustina Otero Iglesias, máis coñecida como A Bela Otero ou Carolina Otero, nada en Valga o 4 de novembro de 1868 e falecida o 12 de abril de 1965, foi unha célebre actriz e bailarina de orixe galega.
Nacida en Valga, Pontevedra, os seus apelidos son os da súa nai, xa que nunca foi recoñecida polo seu pai. Dada a súa difícil situación, xa de nena foi traballar de criada a Santiago de Compostela. Aos dez anos sofreu unha violación que a deixaría estéril, e aos catorce, namorada do seu compañeiro de baile Paco, foxen a Lisboa, onde traballaron de bailaríns até que este a abandonou. Seguíndoo, chegou a Barcelona onde en 1888 un banqueiro se empeñou en facela triunfar como bailarina na Francia. Foi con el ata Marsella, onde axiña o abandonou e comezou a converterse en Carolina, a Bela Otero, unha xitana de Cádiz. Perseveraría neste papel toda a súa vida, e con el chegou a ser a estrela do Folies Bergère en París e ser a muller máis desexada de Europa.
A condición da muller no espectáculo daquela era esbaradiza, e normalmente foi considerada unha cortesana que se relacionou co máis granado da aristocracia europea: o Rei Eduardo VII de Inglaterra, o Tsar Nicolao II e Gabriele d'Annunzio.
Retirouse en 1910 e dilapidou a súa fortuna no Casino de Montecarlo para irse afundindo cada vez máis na pobreza.
Índice |
[editar] Bibliografía
- Arruíname pero no me abandones. La Bella Otero y la Belle Époque. De Marie-Helène Carbonel i Javier Figuero. Ed. Espasa Calpe, 2003.
- A Bela Otero, pioneira do cine, Miguel Anxo Fernández;
- La Belle Otero. Postais. Limiar de Luís Seoane. Edicións Xerais, 2001;
- Ficción;
- A paixón de Carolina Otero Ramón Chao, 2001. Biografia ficticia;
[editar] Filmes
- La Belle Otero, Richard Pottier, 1954. Filme francés onde a grande actriz mexicana María Félix interpreta o papel de Carolina Otero.
- A Bela Otero, Jordi Frades, 2008. Filme galego onde a actriz arxentina Natalia Verbeke interpreta o papel de Carolina Otero. Tamén participan galegos como Mabel Rivera, Belén Constenla ou Pedro Alonso e a catalana Asunción Balaguer, no papel da Carolina anciá.
[editar] Véxase tamén
[editar] Bibliografía
- Miguel Anxo Fernández (2003), A Bela Otero, pioneira do cine, Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-617-7.
- Carolina Otero (2001), As auténticas memorias da Bela Otero, Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-8302-685-6. (as memorias orixinais fóronlle ditadas a Madame Claude Valmont en 1926)