See also ebooksgratis.com: no banners, no cookies, totally FREE.

CLASSICISTRANIERI HOME PAGE - YOUTUBE CHANNEL
Privacy Policy Cookie Policy Terms and Conditions
Hong Kong - 香港 - Wikipedia

Hong Kong - 香港

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

中華人民共和國香港特別行政區

Chinese-Hong Kong-full name.ogg 
Hong Kong Special Administrative Region of the People's Republic of China
Rexión Administrativa Especial de Hong Kong da República Popular Chinesa

Bandeira de Hong Kong - 香港 Escudo de Hong Kong - 香港
Bandeira Escudo
 
 
Capital
 • Poboación
n/d
n/d
Linguas oficiais Chinés (Cantonés)

Inglés

Forma de goberno Rexión administrativa especial
Xefe de Estado
Xefe Executivo
Hu Jintao
Donald Tsang
Dependencia
De China

1 de xullo de 1997

Superficie
 • Total
 • % auga
Fronteiras
Costas
Posto 185º
1.092 km2
4,6
n/d km
733 km
Poboación
 • Total
 • Densidade
Posto xº
6.940.432 (2006)
6.356 hab/km2
PIB (nominal)
 • Total (2006)
 • PIB per cápita
Posto 36º
US$ 189.538 millóns1
US$ 27.466 (2006)
PIB (PPA)
 • Total (2006)
 • PIB per cápita
Posto 39º
US$ 263.105 millóns
US$ 38.127 (2006)
IDH (2006) 0,927 (22º) – Alto
Moeda Dólar de Hong Kong (HKD)
Xentilicio n/d
Fuso horario
 • en verán
UTC+8
non aplica
Dominio de Internet .hk
Prefixo telefónico +852
Prefixo radiofónico non ten
Código ISO 344 / HKG / HK
Membro de: APEC

1 Banco Mundial (PIB nominal 2006)

Tódolos países do mundo
División administrativa de Hong Kong
División administrativa de Hong Kong

A Rexión Administrativa Especial de Hong Kong da República Popular China é unha rexión chinesa formada por unha península e varias illas, entre elas a illa de Hong Kong, no Mar da China Meridional, no delta do Río das Perlas, xunto á provincia de Guangdong. Ata 1997 foi colonia do Reino Unido.

O nome da illa de Hong Kong (chinés: 香港, pinyin: Xiānggǎng)) significa literalmente "porto fragrante". A transcrición "Hong Kong" está baseada na pronuncia cantonesa.

Hong Kong é unha das dúas "rexións administrativas especiais" de China. A outra é a antiga colonia portuguesa de Macau. Nestas dúas rexións administrativas especiais aplícase o modelo administrativo coñecido como un país, dous sistemas (一國兩制, yì guó liang zhì). Este sistema, cuxo ideólogo foi Deng Xiaoping, que pretendía que se aplicase a unha eventual reunificación con Taiwán, consiste no mantemento dun sistema económico capitalista baixo a soberanía dun país de ideoloxía oficial comunista. Ademais do sistema económico, estas dúas rexións manteñen un sistema administrativo e xudicial independente, e ata o seu propio sistema de aduanas e fronteiras externas.

[editar] Historia

Aínda que estivo ocupado desde a era neolítica, durante a maior parte da súa historia o territorio do actual Hong Kong permaneceu á marxe dos principais acontecementos ocorridos na China imperial. Non se convertería nun centro de atención mundial ata o século XIX.

Ocupada polo Reino Unido ao final da Primeira Guerra do Opio en 1841, a illa de Hong Kong foi cedida formalmente por China o ano seguinte polo tratado de Nanjing. Parte da adxacente península de Kowloon (ao sur da actual Boundary Street) e a illa de Stonecutters foron cedidas á Gran Bretaña en 1860 pola Convención de Pequín trala Segunda Guerra do Opio. A superficie da colonia aumentou de xeito significativo coa incorporación á mesma dos novos Territorios (incluídos New Kowloon e a illa de Lantau), arrendados á Gran Bretaña por 99 anos desde o 1 de xullo de 1898 ata o 30 de xuño de 1997.

Segundo o acordo asinado pola República Popular China e o Reino Unido o 19 de decembro de 1984, a Declaración Conxunta británico-chinesa, o territorio completo de Hong Kong baixo goberno colonial británico converteuse na Rexión Administrativa Especial de Hong Kong da República Popular China o 1 de xullo de 1997.

Na Declaración Conxunta, China prometeu que baixo a política "un país, dous sistemas" proposta por Deng Xiaoping, o sistema económico socialista en China non se aplicaría en Hong Kong, que mantería o seu sistema e estilo de vida capitalistas durante 50 anos (ata 2047). A Lei Básica de Hong Kong acordada na Declaración Conxunta deixa a Hong Kong un alto grao de autonomía en tódalas materias, a excepción das relacións exteriores e a defensa.

O último gobernador británico de Hong Kong, Chris Patten, levou a cabo unha certa democratización das institucións de Hong Kong nos últimos anos de soberanía británica. Isto provocou bastante tensión entre o goberno da República Popular China e o Reino Unido. Trala retrocesión a China, o empresario navieiro Tung Chee-hwa converteuse no xefe executivo da Rexión Administrativa Especial de Hong Kong.

No 2003, a preocupación por un proxecto de lei anti-subversión que, segundo moitos habitantes de Hong Kong, erosionaría a liberdade de prensa, de relixión e de asociación consagradas no artigo 23 da Lei Básica, levou á rúa a medio millón de persoas nunha manifestación celebrada o 1 de xullo, a protesta máis grande dirixida contra o goberno na historia de Hong Kong. A impopularidade do goberno de Hong Kong e a crise económica foron tamén factores de descontento entre a poboación.

O 10 de marzo de 2005, Tung Chee-hwa presentou a súa dimisión como xefe executivo. Tung abandonou o posto dous días despois, o 12 de marzo de 2005. Foi substituído por Donald Tsang, o secretario xefe de administración de Hong Kong, que ocupou o cargo de xeito interino ata o 25 de maio, momento en que foi brevemente substituído por outro xefe interino durante a breve campaña electoral. Trala votación restrinxida a 800 electores, Donald Tsang foi confirmado como xefe executivo, cunha ampla maioría de votos ao seu favor. O seu mandato durará ata o verán de 2007.

[editar] Goberno e política

Durante a época colonial británica, o máximo dirixente político era o Gobernador de Hong Kong, nomeado polo Goberno británico.

Vista do distrito central de Hong Kong, desde o Cume Vitoria
Vista do distrito central de Hong Kong, desde o Cume Vitoria

Desde a retrocesión a China, ese papel pasou ao Xefe Executivo, posto que na actualidade ocupa Donald Tsang, elixido en xuño de 2005 para un mandato de só dous anos. A elección do xefe executivo produciuse mediante unha votación de sufraxio restrinxido a 800 representantes de sectores económicos e sociais. Esta elección dun novo Xefe Executivo foi motivada pola dimisión, en marzo de 2005, de Tung Chee-hwa, que ocupara o cargo desde a fundación da Rexión Administrativa Especial. A Tung correspondíanlle aínda dous anos máis de mandato, polo que as autoridades chinesas, nunha interpretación controvertida da Lei Básica, decidiron que o mandato do próximo Xefe Executivo estaría limitado aos dous anos que lle quedaban a Tung Chee-hwa. Esta decisión de Pequín, moi criticada en Hong Kong, foi interpretada por moitos críticos do réxime comunista chinés como unha mostra da falta de confianza do Goberno chinés cara a Donald Tsang, funcionario de formación británica que no pasado expresou simpatías cara aos sectores que defenden un sistema plenamente democrático para Hong Kong.

O parlamento de Hong Kong é o Consello Lexislativo, que consta de 60 membros. Destes 60, a metade son elixidos por sufraxio universal en circunscricións xeográficas, mentres que os outros 30 son elixidos por grupos de representantes de diferentes sectores económicos e sociais. A Lei Básica de Hong Kong contempla a posibilidade de que as eleccións para o Consello Lexislativo cheguen a basearse no sufraxio universal. Con todo, o Goberno chinés reiterou a súa oposición a calquera avance nese sentido, o cal provocou protestas en Hong Kong. As últimas eleccións ao Consello Lexislativo celebráronse no ano 2004. Nestas, os partidos defensores dunha maior democracia conseguiron a maioría dos 30 escanos asignados por sufraxio universal, mentres que os outros 30 foron na súa maioría para políticos considerados afíns ás autoridades chinesas.

[editar] Xeografía

Mapa de Hong Kong
Mapa de Hong Kong

A Rexión Administrativa Especial de Hong Kong está situada no lado nordeste do delta do Río das Perlas, e ten unha extensión de 1102 km², repartida entre unha parte continental e máis de duascentas illas e illotes. O 75% desta superficie está formado por reservas naturais, mentres que os seus sete millóns de habitantes residen no 25% restante.

O territorio de Hong Kong pódese dividir en tres partes ben diferenciadas:

  • A illa de Hong Kong (adquirida polo Reino Unido en 1842)
  • A parte continental de Kowloon ao sur de Boundary Street (adquirida polo Reino Unido en 1860, xunto coa antiga illa de Stonecutters, hoxe unida ao continente).
  • Os Novos Territorios, incluída a illa de Lantau (arrendados por un período de 99 anos en 1899).

Durante a maior parte do século XX, os Novos Territorios, moi montañosos, permaneceron moi pouco habitados, en parte debido á incerteza que se albiscaba sobre o seu status futuro. Unha vez que se soubo que o Reino Unido ía devolver a China todo o territorio de Hong Kong, e non só a parte arrendada á que estaba obrigado, comezou a crecer a poboación nos Novos Territorios. Actualmente un pouco máis do 50% da poboación total de Hong Kong reside nos Novos Territorios.

[editar] Economía

Hong Kong é unha das grandes cidades comerciais de Asia.
Hong Kong é unha das grandes cidades comerciais de Asia.

Hong Kong é un dos grandes centros financeiros de Asia, e a súa economía é moi dependente do comercio internacional e moi en especial do comercio entre China e o resto do mundo.

Hong Kong está considerado un dos lugares con maior liberdade económica do mundo. Isto quere dicir que existe unha gran facilidade para establecer empresas no territorio e para mover diñeiro de Hong Kong ao exterior. Estas facilidades económicas, unidas á existencia dun sistema legal de orixe británica moi escrupuloso no respecto da propiedade privada, contrastan coas dificultades burocráticas e a inseguridade xurídica á que se enfrontan as empresas internacionais na China continental, e é a razón principal pola que Hong Kong segue sendo o principal centro financeiro de China. Ademais, as restricións ás comunicacións directas entre Taiwán e a República Popular China fan de Hong Kong o principal punto de contacto entre os dous réximes chineses enfrontados desde 1949.

Two International Finance Centre, Hong Kong
Two International Finance Centre, Hong Kong

A economía baséase fundamentalmente no sector de servizos, que representa máis do 80% da actividade económica en Hong Kong. Os servizos financeiros son unha das áreas principais de actividade económica no Hong Kong actual. A bolsa de Hong Kong é o segundo maior mercado de valores de Asia, só por detrás da bolsa de Toquio. A pesar do seu pequeno tamaño, Hong Kong ocupa o lugar undécimo no mundo en volume de operacións bancarias.

A economía de Hong Kong viuse moi afectada, a diferenza da da China continental, pola crise asiática de 1998. Tras varios anos de debilidade económica, a economía volveu a crecer a un ritmo altísimo, dun 8,2%. Esta recuperación económica baseouse no forte crecemento da demanda interna e nun factor novo: O crecemento do turismo chinés. As restricións á entrada de chineses do continente suavizáronse nos últimos anos, e isto fixo aumentar as súas visitas. Ata hai uns anos, éralles enormemente difícil entrar de forma legal.

O produto interior bruto de Hong Kong no ano 2003 alcanzou os 213.000 millóns de dólares estadounidenses. Esta cifra tan alta tradúcese nunha das rendas per cápita máis altas do mundo, superando ata á maioría dos países de Europa Occidental.

[editar] Demografía

Vista dunha rúa comercial de Kowloon. O territorio de Hong Kong ten unha altísima densidade de poboación.
Vista dunha rúa comercial de Kowloon. O territorio de Hong Kong ten unha altísima densidade de poboación.

No ano 2005, a poboación de Hong Kong supera os sete millóns de habitantes, o cal convértea na cuarta maior área metropolitana da República Popular China. A súa densidade de poboación alcanza os 6.200 habitantes por km².

Kowloon ostenta historicamente o demérito de ser o núcleo urbano coa maior densidade de poboación do Planeta, alcanzando en 1991 a cifra de 1.900.000 hab/km².

Hong Kong ten unha taxa de fertilidade de 0,94 fillos por muller, unha das máis baixas no mundo, e moi inferior aos 2,1 nenos por muller que se requiren para manter o nivel de poboación. A pesar disto, a poboación continúa aumentando debido á inmigración procedente da China continental.

A pesar desta alta densidade de poboación, dise de Hong Kong que é unha das cidades con máis espazos verdes en Asia. A maior parte dos seus habitantes reside en edificios altos de apartamentos, o cal concentra á poboación nas zonas urbanizadas, mentres a maior parte do territorio consiste en parques e bosques. A cantidade de illas e as costas sinuosas dotan ao territorio de moitísimas baías e praias pouco accesibles. A pesar disto, Hong Kong é unha das cidades máis contaminadas do mundo.

Rúa do distrito de Wan Chai.
Rúa do distrito de Wan Chai.

O cantonés é o dialecto chinés máis estendido entre a poboación chinesa de Hong Kong. A lingua falada na contorna familiar é cantonés vernáculo máis ou menos puro, mentres que en situacións formais, tales como discursos políticos ou programas de televisión e radio, utilízase un híbrido de mandarín e cantonés, no que o vocabulario e a gramática propias do mandarín pronúncianse coa lectura cantonesa dos caracteres. A linguaxe escrita é practicamente sempre mandarín, aínda que tamén se utiliza na literatura popular o cantonés escrito. O inglés é tamén oficial e é falado pola comunidade de orixe estranxeira, e tamén como segunda lingua pola maior parte da poboación chinesa.

En Hong Kong practícanse tódalas relixións tradicionais chinesas. O culto aos devanceiros é predominante debido á forte influencia confuciana, mentres que o cristianismo é practicado por un 10% da poboación. A comunidade cristiá divídese en partes aproximadamente iguais entre católicos e protestantes. Estímase que hai tamén ao redor de 70.000 musulmáns en Hong Kong, e entre 2.000 e 3.000 xudeus.

Ao redor do 95% dos habitantes de Hong Kong teñen ascendencia chinesa Han. A poboación de orixe europea supón ao redor do 1,5% do total. Tamén hai unha comunidade importante de orixe indios, que se estableceu no territorio durante a época colonial británica, e unha gran comunidade filipina, formada sobre todo por mulleres novas que traballan como empregadas domésticas.

[editar] Arquitectura

Torre do Banco de China
Torre do Banco de China

Debido á construción creativa e endémica de Hong Kong durante os últimos 50 anos, actualmente permanecen poucos edificios históricos. A cidade converteuse nun centro para a arquitectura moderna, especialmente ao redor do distrito central. Os rañaceos no medio da área comercial moi densos entre o distrito central e a calzada da baía alíñanse na costa do porto de Vitoria. Son unha das atraccións turísticas máis famosas de Hong-Kong e crean unha das mais belas liñas de horizonte do mundo. Catro dos 15 rañaceos máis altos do mundo están en Hong Kong. En Kowloon, houbo un asentamento anarquista, coñecido como a cidade de Kowloon Walled. As restricións severas da altura nas estruturas estiveron en vigor ata 1998, data do peche do vello Aeroporto de Kai Tak e de apertura da nova terminal aérea (o Aeroporto Internacional de Hong Kong) lonxe da zona dos rañaceos; entón as edificacións deixaron de ter restricións, e actualmente estanse a erguer varios rañaceos novos en Kowloon, incluíndo o International Commerce Centre que, cando se termine no 2010, converterase no cuarto edificio máis alto do mundo.

[editar] Cultura

A presenza británica en Hong Kong marcou a cultura local, que aínda que fundamentalmente chinesa, estivo sometida a unha influencia occidental moito maior que o resto do país. Paradoxalmente, en paralelo a esta influencia occidental, en Hong Kong mantivéronse moitos costumes e tradicións culturais chinesas que no resto do continente sufriron o acoso das políticas revolucionarias da época de Mao Zedong. É o caso dos ritos relixiosos tradicionais chineses, ou da linguaxe. Mentres que no resto do continente chinés, a República Popular promoveu o uso do mandarín e dos caracteres simplificados como lingua oficial, en Hong Kong mantense o uso do cantonés falado, ata en circunstancias formais, e a linguaxe escrita utiliza exclusivamente os caracteres tradicionais.

Outra consecuencia da separación de Hong Kong do resto de China durante os anos posteriores ao establecemento do réxime comunista na China continental foi o desenvolvemento da cultura popular de Hong Kong, manifestada na enorme produción cinematográfica, musical e de novelas de entretemento. Mentres na época maoísta a política revolucionaria oficial esixía que todas as manifestacións artísticas estivesen ao servizo da causa comunista, en Hong Kong continuou o desenvolvemento do cine e da música popular que tivera a Xangai como foco ata 1949. Ata despois do final do maoísmo, Hong Kong continuou sendo un dos principais centros de produción de cine, música e literatura popular en Asia.

[editar] Universidades

Wan Chai
Wan Chai
  • Universidade chinesa de Hong Kong
  • Universidade da cidade de Hong Kong
  • Universidade baptista de Hong Kong
  • Instituto de Educación de Hong Kong- Dedicado exclusivamente ao ensino do profesorado.
  • Universidade politécnica de Hong Kong
  • Universidade de ciencia e tecnoloxía de Hong Kong
  • Universidade Lingnan, Hong Kong
  • Universidade aberta de Hong Kong
  • Universidade de Hong Kong

[editar] Ligazóns externas

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre:



aa - ab - af - ak - als - am - an - ang - ar - arc - as - ast - av - ay - az - ba - bar - bat_smg - bcl - be - be_x_old - bg - bh - bi - bm - bn - bo - bpy - br - bs - bug - bxr - ca - cbk_zam - cdo - ce - ceb - ch - cho - chr - chy - co - cr - crh - cs - csb - cu - cv - cy - da - de - diq - dsb - dv - dz - ee - el - eml - en - eo - es - et - eu - ext - fa - ff - fi - fiu_vro - fj - fo - fr - frp - fur - fy - ga - gan - gd - gl - glk - gn - got - gu - gv - ha - hak - haw - he - hi - hif - ho - hr - hsb - ht - hu - hy - hz - ia - id - ie - ig - ii - ik - ilo - io - is - it - iu - ja - jbo - jv - ka - kaa - kab - kg - ki - kj - kk - kl - km - kn - ko - kr - ks - ksh - ku - kv - kw - ky - la - lad - lb - lbe - lg - li - lij - lmo - ln - lo - lt - lv - map_bms - mdf - mg - mh - mi - mk - ml - mn - mo - mr - mt - mus - my - myv - mzn - na - nah - nap - nds - nds_nl - ne - new - ng - nl - nn - no - nov - nrm - nv - ny - oc - om - or - os - pa - pag - pam - pap - pdc - pi - pih - pl - pms - ps - pt - qu - quality - rm - rmy - rn - ro - roa_rup - roa_tara - ru - rw - sa - sah - sc - scn - sco - sd - se - sg - sh - si - simple - sk - sl - sm - sn - so - sr - srn - ss - st - stq - su - sv - sw - szl - ta - te - tet - tg - th - ti - tk - tl - tlh - tn - to - tpi - tr - ts - tt - tum - tw - ty - udm - ug - uk - ur - uz - ve - vec - vi - vls - vo - wa - war - wo - wuu - xal - xh - yi - yo - za - zea - zh - zh_classical - zh_min_nan - zh_yue - zu -