Harold e Maude
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Harold e Maude (en inglés Harold and Maude) é un filme clásico de culto dirixido por Hal Ashby en 1971, protagonizado por Ruth Gordon e Bud Cort, e con banda sonora de Cat Stevens. O filme, un drama existencialista, con pinceladas de comedia bufa e humor negro, céntrase nas vivencias de Harold, un rapaz neurótico de gustos mórbidos que intenta liberarse da vida que a súa nai, emocionalmente fría, lle quere impoñer ó tempo que se namora da septuaxenaria Maude.
A película correspóndese co número 45 da lista dos 100 filmes máis divertidos do American Film Institute, [1] e co número 42 dos filmes máis divertidos de Bravo e da lista dos 250 mellores filmes da lista da IMDB. En 1997, foi seleccionada para ser preservada polo National Film Registry da Biblioteca do Congreso.[2]
É notable, en particular, por ter un moi amplo grupo de seguidores que a teñen como “película de culto”. Foi considerada por moitos críticos como parte integrante das creacións artísticas da contracultura americana dos setenta.
O filme foi un fracaso commercial que recibiu críticas mixtas de moi diferente signo cando foi estreada. O guión no que se baseou a longametraxe foi escrito por Colin Higgins, sendo publicado o mesmo ano da estrea como novela[3].
A rodaxe da película levouse a cabo na area da Baía de San Francisco.
Harold e Maude converteuse tamén durante algún tempo nunha obra de teatro en Broadway.
Índice |
[editar] Trama
Aviso: Esta sección pode revelar detalles da trama ou do argumento.
O filme preséntanos primeiro a Harold, un xove triste, alleado e extravagante, dunha familia rica que vive nunha mansión coa súa nai, viúva desde hai tempo e de carácter dominante e aparentemente frío. Harold parodia á perfección distintos tipos de suicidio mais as súas pesadas bromas sucédense con tanta frecuencia que a súa nai xa fai como se non a afectasen. Ata que un día fai que se suicida na bañeira e o fai con tal desorde e estropicio que súa nai o envía ó psicólogo. Como diversión, Harold ten por costume visitar funerais de xente que non coñece. Nun deles ve a Maude, unha velliña de 79 anos que trata de facerse a súa amiga con pallasadas. Maude é todo o contrario de Harold: unha señora maior, vitalista, chea de enerxía, impulsiva, e alegre. Os dous acaban por facerse amigos con consecuencias inesperadas.
[editar] Temas
Hal Ashby, o director da película, intenta representar unha parte da cultura da xuventude de San Francisco. O filme contrasta o fatalismo da xuventude co vitalismo de quen cre en algo e está disposto a preocuparse ou interesarse por algo. É, en certa maneira, o que os sobreviventes do Holocausto tiveron que facer para seguir vivindo, superar o nihilismo e atopar un propósito na vida. O pasado de Maude, aínda que é só un momento, revélase na marca que leva tatuada no brazo, o número de identificación do campo de concentración do que se supón que logrou saír con vida.
Harold forma parte dunha sociedade para a que non ten importancia ningunha, e, existencialmente, por tanto, carece de significado. Maude, porén, sobreviviu e, para ela a vida ten certo sentido. Só o feito de vivir en si é significativo. É nesta crise existencial, vista co pano de fondo da Guerra do Vietnam representada no inmenso cemiterio de lápidas brancas que chega a cubrir toda a pantalla, que é possible entrever a diferenza entre dúas formas de entender a vida e a morte. A cultura inicial de Harold é significativa de como os americanos sobrelevan unha Guerra sen sentido. A cultura de Maude, que experimentou os efectos desastrosos da Guerra e do odio, enfatiza a necesidade de agarrarse á vida e rexeitar o holocausto que conduce á negación de todo tipo de sentido.
A película deu lugar á aparición de dúas novas palabras en inglés: "Harolding" (‘frecuentar os cementerios’) descrita por Douglas Coupland en "Harolding in West Vancouver" (1996); e "Maudism" ou "Maudianism", a filosofía de vivir plenamente cada día.[4] A connotación da palabra está vinculada dalgún modo a filosofía idéntica dos mods. O inglés, Modism (‘o estilo de vida dos mods’) presenta a mesma converxencia fonética.
[editar] Elenco
- Ruth Gordon como Marjorie Chardin (Maude).
- Bud Cort como Harold Chasen.
- Vivian Pickles como Mrs. Chasen.
- Cyril Cusack como Glaucus.
- Charles Tyner como Tío Victor.
- Ellen Geer como Sunshine Doré.
- Eric Christmas como Crego.
- G. Wood como Psicólogo.
- Judy Engles como Candy Gulf.
- Shari Summers como Edith Phern.
- Tom Skerritt como Garda de Tráfico.
[editar] Equipo de cámara e son
- Cinematografía: John Alonzo
[editar] Música
A banda sonora é do músico, cantante e compositor Cat Stevens. Inclúe dúas cancións, "Don't Be Shy" (‘Non sexas tímido’) e "If You Want To Sing Out, Sing Out" (‘Se queres berrar, berra’), que compuxo especificamente para a película pero que non foron reproducidas en disco nin casete ata unha década máis tarde en que apareceron no compacto Footsteps in the Dark (‘Pegadas na escuridade’). A banda sonora de Harold and Maude nunca foi lanzada nos Estados Unidos pero si se chegou a producir e vender no Xapón.
A lista de cancións, seguindo a orde na que aparecen no filme é esta:
- "Don't Be Shy"
- "On The Road To Find Out"
- "I Wish, I Wish"
- "Miles From Nowhere"
- "Tea For The Tillerman"
- "I Think I See The Light"
- "Where Do The Children Play?"
- "If You Want To Sing Out, Sing Out"
- "Trouble"
[editar] Curiosidades
- Harold compra o seu coche fúnebre, un Cadillac de 1959, en San Carlos Auto Wreckers. O propietario continúa sendo un veciño da área da Baía de San Francisco que preserva o número da matrícula que ten no filme.
- Maude rouba o Mustang diante do Pazo de Xustiza do Condado de San Mateo.
- O cemiterio que aparece no filme é o Golden Gate National Cemetery de San Bruno, California.
- O polícia de tráfico faille apartar a Maude no Dumbarton Bridge.
- Harold e o seu tío atópanse con Maude nas ruínas de Sutro Baths.
- O filme My First Mister, dirixido por Christine Lahti, é tematicamente similar, con Albert Brooks e Leelee Sobieski nos papeis de Gordon e Cort.
- Unha adaptación francesa á television foi escrita por Jean-Claude Carrière e apareceu en pantalla en 1978. Foi adaptada logo para a representación teatral no Quebec con Roy Dupuis no papel protagonista.
- O filme aparece como referencia na canción "A New Friend", que se encontra no álbum de The Good Life: Album of the Year.
- En todas as tomas nas que Ruth Gordon (Maude) conduce o coche está sendo remolcado pois ela nunca aprendeu a conducir.
- Entre os fans de Harold e Maude están Bobby Farrelly e Peter Farrelly, que renderon tributo ó filme en There's Something About Mary; e Phylis Santamarina e Enrique Santamarina, exiliado a raíz da Guerra Civil Española e tío de Antón Santamarina.
- O filme menciónase na novela The Perks of Being a Wallflower de Stephen Chbosky.
- O plano conxelado do Jaguar voando na secuencia final foi o resultado dun feliz accidente. A única cámara que se utilizou na filmación non comezou a rodar ata que o coche xa saltara sobre o cantil, e posto que só se alugara un coche foi imposible volver a facer outra toma.
- Bud Cort (Harold) sofre un pequeno accidente coa pa cando Maude lle rouba a moto do policía. Nese momento golpea a cabeza con ela pero o rapaz seguiu adiante coa escena e así pasou a formar parte da película.
- A obra de teatro Harold and Maude representouse dende mediados de 1972 a xuño de 1974 no Westgate Theater de Edina, Minnesota. Coñeceu un total de 1.957 actuacións. Ruth Gordon presentouse na celebración do primeiro aniversario, e ambos, Ruth e Bud, xuntáronse para celebrar o segundo aniversario da obra. [1] O Westgate Theater pechou en 1977.