Grupo Niuas
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O grupo Niuas é o arquipélago máis setentrional e afastado de Tonga. Consta tan só de tres illas volcánicas: Niuatoputapu, Niuafo´ou e Tafahi. Administrativamente é unha das cinco divisións de Tonga, con capital en Hihifo da illa Niuatoputapu, pero gobernada desde Nuku'alofa, a capital en Tongatapu.
O nome «niua» significa 'folla de palma' e indica a gran cantidade de cocos. É un nome moi utilizado en diferentes lugares da Polinesia, significativamente na illa e estado de Niue.
As Niuas quedan moi illadas, cuns enlaces aéreos e marítimos irregulares. Non existe turismo e mantivéronse as tradicións tonganas. Os datos básicos das illas do grupo son:
Illa | Poboación (1996) | Área (km²) | Densidade | Coordenadas |
---|---|---|---|---|
Niuafo´ou | 735 | 50,27 | 14,6 | 15º36'S 175º38'O |
Niuatoputapu | 1.161 | 18,00 | 64,5 | 16º00'S 173º47'O |
Tafahi | 122 | 3,42 | 35,7 | 15º51'S 173º44'O |
TOTAL | 2.018 | 71,69 | 28,1 |
Ademais, a 38 km ao norte de Tafahi, atópase o arrecife Curacoa dividido en dúas partes separadas 90 m. A 6 km ao suroeste do arrecife atópase o volcán submarino de Curacoa, e a 10 km máis ao sur atópase o banco Curacoa de 18 m de profundidade.
As Niuas foron descubertas polos holandeses Jacob Le Maire e Willem Schouten en 1616, no camiño deste a oeste entre Rangiroa, nas Tuamotu, e as illas Hoorn, en Wallis e Futuna. A primeira illa bautizárona como Cocos. É Tafahi, precisamente a única das tres Niuas que non leva o prefixo niua. Mentres estaban negociando chegaron os veciños de Niautoputapu e atacáronlles por sorpresa. Bautizaron esta illa como Verraders Eylandt, illa dos Traidores. Seguindo a súa ruta ao oeste atoparon a terceira illa, Niuafo'ou, onde esperaban atopar auga e víveres e denominárona Goede Hoop, Boa Esperanza, de forma precipitada xa que non atoparon onde fondear.