Enrique Morente
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Enrique Morente | |
---|---|
{{{caption}}} |
|
Información | |
Orixe | Granada, Andalucía |
País | |
Período | anos 60-actualidade |
Xénero(s) | Flamenco |
Selo(s) discográfico(s) | |
Membros | |
Antigos membros | {{{antigos_membros}}} |
Web oficial | Web oficial |
Enrique Morente Cotelo, coñecido artisticamente como Enrique Morente, naceu na cidade española de Granada o 25 de decembro de 1942. É un cantaor controvertido no flamenco contemporáneo. Despois duns comezos ortodoxos derivou cara ao experimentalismo, renovando as melodías do cante e colaborando con músicos de diversos estilos sen renunciar ás súas raíces nin ó cante flamenco más tradicional[1]. Malia as críticas do sector máis purista do público e da crítica[2], é probablemente o cantante flamenco contemporáneo máis influínte, que non só innova, senón que tamén crea tradición: as súas interpretacións foron recreadas por xente como Camarón de la Isla, Mayte Martín, Carmen Linares, Miguel Poveda, Segundo Falcón ou Arcángel.
É pai da tamén cantaora Estrella Morente.
Índice |
[editar] Biografía
[editar] Comezos
Enrique Morente, nacido no barrio de Albaicín en Granada, comezou a cantar como seise (membro dun grupo de nenos que cantan, bailan e tocan as castañolas nalgúns festivais relixiosos). Sentiuse atraído polo cante flamenco xa de neno, e tivo a oportunidade de aprender nas reunións familiares e escoitando a grandes figuras de Granada como Cobitos, a familia dos "Habichuelas", ou Aurelio Sellés (Aurelio de Cádiz):
O cante empeza a nacerlle a un diso, de oír cantar os demais na súa vila, de oír cantar a xente na súa terra. Grupos de xentes que os oes reunírense nunha taberna e que empezan a cantar e que os oes ti e que empezas a cantar tamén: oes que nas festas familiares todo o mundo canta e todo o mundo bebe, todo o mundo baila e... Á parte diso, resulta que, claro, necesitas unha técnica, necesitas unha escola, necesitas aprender. Para iso, o que che cómpre... a principal axuda é a afección; e despois, o sentido para saber de quen hai que aprender e de que fontes, onde está o bo.[3]
En calquera caso, esta apreciación da cara popular do flamenco non significa que considere este xénero simplemente unha arte popular. Un artista flamenco, para el, necesita técnica e dedicación:
Somos nós, os artistas profesionais do flamenco, os que temos que facer cante flamenco, e ninguén máis. O flamenco, como calquera outra arte, é unha arte de profesionais, aínda que haxa moita xente que se fixe en nós, cunha mirada como se dixera: "Vaia criaturiñas máis interesantes!" ou "Oh! Vaia música está tocando esta xente!" E así. E a xente acostuma pensar que quizais tes que ter os dedos inchados de recoller patacas para poder tocar a guitarra con sentimento. Mira, coller patacas é tan loable como tocar a guitarra. Pero podo dicirche que un home con dedos finos e sensibles non vai ser quen de recoller patacas: e podo decirche tamén que un home cos dedos inchados de coller patacas non vai poder tocar a guitarra porque non ten a destreza manual nin a dedicación. Esta é unha profesión como outra calquera á que tés que dedicarte por completo. É unha arte de profesionais.[4]
Aínda na adolescencia, foi vivir a Madrid para facer carreira profesional como cantante. Alí puido coñecer vellos mestres como Pepe de la Matrona ou Bernardo el de los Lobitos, e aprendeu deles. Pepe de la Matrona tivo especial interese en aprenderlle ó mozo cantante: "Este interese non se debía tanto á afinación de Enrique Morente, ao seu rexistro ou á súa melismática como á súa actitude ante as cousas, ao seu respecto e á súa capacidade para aprender"[5]. En Madrid comezou a cantar nas peñas flamencas (clubes de música flamenca). En 1964 asinou un contrato co Ballet de Marienma, co que actuaría no pavillón español na Feira Internacional de Nova York e na embaixada española de Washington. Máis tarde tomou parte no festival flamenco no Alcázar dos Reis Cristiáns (Córdoba), compartindo escenario con Juan Talega, Fernanda e Bernarda de Utrera, Gaspar de Utrera, Tomás Torre ou Antonio Mairena. Durante ese ano e o seguinte, tamén actuou por Europa e Xapón con diferentes compañías de baile flamenco, e estivo empregado en varios tablaos en Madrid, como "La Cueva de Nemesio", "Zambra" ou "El Café de Chinitas".
[editar] Primeiras gravacións
Morente gravou o seu primeiro álbum, Cante flamenco, en 1967 co guitarrista Félix de Utrera, que recibiu unha mención especial da Cátedra de Flamencología de Xerez. Foi seguido de Cantes antiguos del flamenco (1969), co guitarrista Niño Ricardo. As súas primeiras gravacións foron estritamente ortodoxas e amosaban un profundo coñecemento do flamenco tradicional, unha cualidade rara nos cantantes da súa xeración. Durante este período tamén fixo o seu primeiro contacto co guitarrista Manolo Sanlúcar, co que colaboraría no futuro en bastantes ocasións. Sanlúcar acompañouno no seu concerto no Ateneo de Madrid, a primeira ocasión en que un cantante flamenco actuaba nesa prestixiosa institución cultural.
A súa seguinte gravación sería Homenaje flamenco a Miguel Hernández (1971), iniciando así o seu frecuente uso de letras de poetas destacados. Posteriormente gravaría cancións con letras de Federico García Lorca, Juan de la Cruz, Lope de Vega, Al-Mutamid, Antonio e Manuel Machado ou Jorge Guillén. Pouco despois, unha gravación ilegal en vivo sería publicada nos Países Baixos.
O que máis chama a atención nas primeiras producións é o coidado que lles dedica ás letras dos cantes. Este é probablemente o primeiro paso na súa futura traxectoria como innovador no flamenco. Os poemas de Miguel Hernández, por exemplo, fanse inmortais na súa impresionante Nana de la Cebolla ou en El Niño Yuntero. A posición que con estes versos tomaba fronte ao réxime franquista, converteuno no cantaor favorito da oposición de esquerdas no país, ademais dun dos primeiros innovadores. [6]
En 1971 e 1972 fixo unha xira por México co guitarrista Parrilla de Jerez e a bailaora Ana Parrilla, unha xira que incluía a súa presentación no Auditorio da Universidade das Américas, e actuacións no Centro Lincoln (ó que regresaría en 1973) e ó Instituto Español de Nova York. En 1972 foi galardonado co Premio Nacional de Cante pola Cátedra de Flamencología.
[editar] Alternando tradición e innovación
En 1977 regresa ó cante flamenco ortodoxo co disco Homenaje a Don Antonio Chacón, co que obtén o Premio Nacional ao mellor álbum de disco folc, concedido polo Ministerio de Cultura. Neste disco reivindica a figura do cantaor Antonio Chacón, creador da granaína, e figura fundamental do flamenco nas primeiras décadas do século XX, que fora porén refugado pola visión dos flamencólogos entre os anos 50 e 70 que consideraban impuro o flamenco non-xitano. En calquera caso, alternando entre a tradición e a innovación, a esta gravación axiña se seguiu en 1978 Despegando, cunha declaración de intencións no propio título que non deixa lugar a dúbidas.
En 1981 realizou unha xira cun novo espectáculo, Andalucía hoy, que o levaría posteriormente á Sala Olympia de París. En 1982 varias das súas gravacións foron elixidas polo flamencólogo José Blas Vega para formar parte da antoloxía flamenca Magna Antología del Cante (unha colección completa dos estilos tradicionais do cante) para ilustrar cancións como as tarantas de Almería, varios tipos de cartaxeneiras, os fandangos de Frasquito Yerbabuena e tódalas malagueñas e granaínas creadas por Antonio Chacón.
En 1990 noutro regreso á ortodoxia, gravou Morente-Sabicas, co guitarrista Sabicas, que contaba xa con 80 anos. Ó ano seguinte, creou e gravou un coro flamenco, un tipo de composición que xa contaba con precedentes, como unha gravación de Antonio Mairena, Luis Caballero, e Naranjito de Triana en 1968. Pero os coros flamencos de Morente son totalmente diferentes a calquera exemplo anterior. Mentras os outros basicamente intentaban adaptar o flamenco tradicional á liturxia, Morente carece desta intención, e mestura o flamenco con outros xéneros coma o canto gregoriano. Sobre estes coros, nun dos seus toques de humor, dixo:
Nun momento dado pensei en dedicarlla ao papa Clemente, o do Palmar de Troya, pero logo lembrei que o tío canonizara a Franco e a Primo de Rivera e a Carrero Blanco e a todos estes, e aínda que por unha parte me facía aínda máis graza, por outra pensei que podía interpretarse a broma dunha forma estraña e xa non o fixen, aínda que estiven a piques. Pero o disco estaba feito cunha sinceridade e cunha intención de verdade, independentemente do que logo fosen os resultados, e parecíame estropealo un pouco pola broma… e érache boa!"[7]
[editar] Últimos traballos
En 1995 aparece cantando unha siguiriya na película "Flamenco" de Carlos Saura, e gravou o seu disco máis controvertido, Omega, coa banda de rock Lagartija Nick e coa participación de guitarristas como Tomatito, Vicente Amigo, Juan Manuel Cañizares ou Miguel Ángel Cortés e do percusionista Tino di Geraldo. Flamenco e punk-rock xúntanse en versións de cancións de Leonard Cohen, e musicacións de poemas do libro Poeta en Nueva York de Federico García Lorca, así como en cantigas populares.
No 2001, tras moito tempo intentándoo, consegue publicar o disco Enrique Morente en la Casa Museo de García Lorca de Fuentevaqueros, un grupo de cancións baseadas na poesía de García Lorca. A gravación fixérase nun estudio de Madrid en 1990, producida pola deputación de Granada. Só se editaran un número limitado de vinilos, e as copias mandáranse como agasallos a persoas particulares. No mercado de segunda man estas copias acadan prezos de 150 euros[8]
Outra interesante obra de Morente, El Pequeño Reloj, ve a luz no 2003. Mentras a segunda metade do disco é unha compilación máis ou menos aleatoria de temas, a primeira contén unha sorprendente serie de pezas divididas cada unha delas en dúas partes: na primeira, a voz de Morente decorre por riba de antigas gravacións a 78 revolucións por minuto de mestres da guitarra flamenca como Ramón Montoya, Sabicas ou Manolo de Huelva mentres na segunda fai un desenvolvemento moderno do mesmo palo coa guitarra do Niño Josele.
Aínda que non sabe solfexo compuxo música para obras de teatro, películas e televisión, como Las Arrecogidas del Beaterio de Santa María Egipcíaca, a música da representación de Edipo Rei dirixida por José Luis Gómez.
Intentou mesturar o flamenco coa música clásica en traballos como Fantasía de cante jondo para voz y orquesta (1986), canda o pianista Antonio Robledo, o guitarrista Juan Habichuela e Gerardo Núñez e a Orquesta Sinfónica de Madrid, dirixida por Luis Izquierdo, ou co Allegro Soleá, que presentou na Bienal de Flamenco de Sevilla en 1990. Seguindo na liña da fusión do flamenco con outros estilos, colaborou no espectáculo Macama Jonda de José Heredia Maya, xunto coa Orquesta Andalusí de Tetuán e Abdessadeq Cheqara. Tamén colaborou co coro búlgaro Angelite. No espectáculo África-Cuba-Cai mestura o flamenco con música do Senegal e Cuba (Cai é Cádiz). O espectáculo tamén recalca as relacións históricas entre as músicas cubanas e flamencas: "iso tívoo de toda a vida o flamenco, iso de toda a vida, porque estaban os barcos en Cádiz que ían para Cuba, algúns voltaban e outros quedaban alí"[9]. É difícil pensar nun tipo de música polo que non se interese Morente: logo dun dos seus concertos coa Orquesta Andalusí de Tetuán, declarou: "se tivese que publicar un CD por cada cultura coa que fixen mesturas, tería que estar publicando uns sete ou oito pot ano. Non estaría mal. Se a compañía me pagase por cada un deles acabaría por facerme unha casa"[10].
[editar] Crítica
Debido á súa traxectoria innovadora, foi criticado polos sectores máis tradicionalistas da crítica e do público flamencos: "Todo isto custoulle a Morente, non hai que dicilo, un verdadeiro calvario, pois o flamenco é aínda un mundo moi pechado onde calquera leve conato de novidade se toma como pecado mortal de herexía." [11].
Despois do recital, afeccionados vitalicios rañaban cadansúa cabeza discutindo que formas interpretara Morente, se o fixera con algunha. “Lembras antes cando as formas se recoñecían ao instante?[12]
A perspectiva étnica é a miúdo común a esas críticas. Un bo número de teóricos, pero tamén de afeccionados, chegaron ao flamenco no tempo da "revitalización" que lideraron cantantes como Antonio Mairena e críticos como González Climent ou Ricardo Molina, e para eles o flamenco puro era patrimonio dos xitanos, que os paios poderían unicamente imitar en van sen chegar nunca á súa esencia.
E ao que presencies o cante xitano de calidade, a erudición dun artista como Morente esváese como a luz dunha candeíña ao lado dun edificio ardendo.[13]
Estas opinións sobre Morente, aínda que moi comúns nos setenta e nos oitenta, agora xa foron desaparecendo. A polémica entre a tradición e a innovación, os cantantes xitanos e os paios, e outros temas semellantes, tan habituais hai vinte anos, están agora confinados a unha pequena leiriña de afeccionados, mentres que a maior parte do público e da crítica lle recoñece a Morente a súa fonda intelixencia artística e o seu compromiso:
Isto dío un home que nunca canta dúas veces do mesmo xeito, que procura incansabelmente unha nova inflexión, esa nota nunca escoitada, o troco dun acorde que faga coincidir as intencións co desexo nun momento dado. O fácil sería o outro. Para facer o que fai Enrique cómpren grandísimas habilidades intelectuais e un grandísimo compromiso emocional. Recolle os axeitados alicerces comúns conforme os define a tradición, e constrúe sobre eles todo o potencial concibible do flamenco[14].
[editar] Premios
- Primeiro premio no concurso Málaga Cantaora (1967)
- Premio Nacional de Cante, outorgado pola Cátedra de Flamencología y Estudios Folklóricos Andaluces de Xerez de la Frontera (1972)
- Premio Nacional á mellor gravación folk, otorgado polo Ministerio de Cultura (1978)
- Socio de Honra do Club de Música e Jazz San Juan Evangelista, de Madrid (1989)
- Premio Nacional de Música, otorgado polo Ministerio de Cultura (concedido por primeira vez a un cantaor flamenco) (1994)
- Medalla de Ouro da Cátedra de Flamencoloxía de Xerez da Fronteira (1995)
- Premio Compás del Cante (1995)
- Galardón de Honra dos Premios da Música do Ministerio de Cultura (1998)
- Premio Pastora Pavón ("Niña de los Peines"), concedido pola Junta de Andalucía (2004)
- Medalla de Andalucía, concedida pola Junta de Andalucía (2005)
- Premio Nacional da Crítica 2006 ó mellor DVD e mellor disco de cante flamenco por Morente sueña la Alhambra
- Premio Nacional de Música 2006 ó mellor disco flamenco por Morente sueña la Alhambra
- Premio Morato de Oro, concedido pola Peña El Morato (2006)
- Premio ó Mellor disco flamenco, concedido por Deflamenco.com (2006)
[editar] Cinema
- Flamenco. Dirixida por Carlos Saura (1995)
- Morente sueña La Alhambra. Dirixida por José Sánchez-Montes (2005)
- Iberia. Dirixida por Carlos Saura (2005)
[editar] Gravacións
- Cante Flamenco (1967)
- Cantes Antiguos del Flamenco (1969)
- Homenaje Flamenco a Miguel Hernández (1971)
- Se Hace Camino al Andar (1975)
- Homenaje a Don Antonio Chacón (1977)
- Despegando (1977)
- Sacromonte (1982)
- Cruz y Luna (1983)
- Enrique Morente en la Casa Museo de Federico García Lorca de Fuentevaqueros (1990)
- Esencias Flamencas (1988)
- Morente - Sabicas (1990)
- Misa Flamenca (1991)
- Negra, si Tú Supieras (1992)
- Allegro Soleá y Fantasía del Cante Jondo (1995)
- Omega (1995)
- Morente – Lorca (1998)
- El Pequeño Reloj (2003)
- Morente Sueña la Alhambra (2005)
[editar] Referencias
- ↑ [http://www.flamenco-world.com/artists/morente/morente09062006.htm A desire and a quest for everything. Flamenco-World.com. Àlex d’Averc. Xuño de 2006
- ↑ Ángel Álvarez Caballero: "Enrique Morente", La discografía ideal del flamenco, Planeta, Barcelona, 1995. Non foi doado. Ao primeiro chegaron as acusacións de corromper a música, de traizoar e desfigurar o que xa estaba perfectamente codificado. Cando os discos e as probas categóricas de que manexaba ben as formas clásicas deixaron ver o malicioso deses comentarios, os ataques fixéronse máis retorcidos. Entón dixeron que se esvaía o ritmo de compás (collan un metrónomo e compróbeno vostedes mesmos), que non facía sentir de verdade (e hai moitos verdadeiros afeccionados a quen se lle puxo a pel de pita ao escoitar temas como ‘Eso no lo manda la ley’, ‘La aurora de Nueva York’ ou ‘Generalife’, por citar tres exemplos moi diferentes) e ese tipo de cousas."
- ↑ Web oficial. Biografía. Su infancia
- ↑ Enrique Morente. Biography. World Music Central
- ↑ Web oficial. Biografía. Madrid
- ↑ Dimensión simbólica y significado musical latente en las últimas obras de Enrique Morente Gerhard Steingress. DeFlamenco.com
- ↑ Ángel Álvarez Caballero: "Misa flamenca", La discografía ideal del flamenco, Planeta, Barcelona, 1995
- ↑ El disco perdido de Enrique Morente Diego Manrique. Flamenco Pasión.
- ↑ Enrique Morente. Entrevista. "Queremos conservar el pasado y el pasado nos conserva a nosotros". Sonia Martínez Pariente. DeFlamenco.com
- ↑ Enrique Morente. Interview. Daniel Muñoz. Flamenco World, 2000
- ↑ Ángel Álvarez Caballero: "Enrique Morente", La discografía ideal del flamenco, Planeta, Barcelona, 1995
- ↑ Una curiosa frialdad. Mona Molarsky. 2005
- ↑ Una curiosa frialdad. Mona Molarsky. 2005
- ↑ [http://www.flamenco-world.com/artists/morente/morente09062006.htm A desire and a quest for everything. Flamenco-World.com. Àlex d’Averc. Xuño de 2006
[editar] Véxase tamén
[editar] Ligazóns externas
[editar] Bibliografía
- Enrique Morente. La voz libre (Balbino Gutiérrez, 2006)