Óscar Pereiro Sío
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Óscar Pereiro Sío (nado en Petelos, Mos, o 3 de agosto de 1977) é un ciclista galego en activo, especialista en carreiras de montaña.
Índice |
[editar] Traxectoria como ciclista
[editar] Comezos
Pereiro comezou na súa mocidade pola práctica do ciclocross, deporte do que foi subcampión estatal sub-23 con 17 anos 1994 e máis tarde campión por dúas veces. En 1995 chegou a ser campión galego ao mesmo tempo de tres especialidades: afeccionado en estrada, montaña e ciclocross.
Decidiouse polo ciclismo en estrada grazas aos consellos do adestrador valenciano Paco Pla.
Pereiro fíxose profesional no ano 2000 ao entrar no equipo portugués Porta da Ravessa. En decembro de 2001 Álvaro Pino comunícalle a posibilidade de que entre a formar parte do equipo suízo Phonak, ás súas ordes, e incorpórase definitivamente a el en 2002.
Ese mesmo ano gañou unha tirada da Semana Catalá de Ciclismo e quedou no 11º posto do Giro de Italia, a súa primeira carreira de tres semanas.
En 2003 gañou unha tirada e quedou de terceiro na Volta a Suíza. Conseguiu tamén o 2º posto da Volta a Burgos 2003. En 2004, foi 10º no Tour de Francia e 17º na Volta a España , ademais de vencer a Clásica dos Alpes.
[editar] Ano 2005
Pereiro xogou un papel moi importante no Tour de Francia deste ano. Non só quedou 10º na clasificación xeral, recibindo o premio á combatibidade, senón que foi grande protagonista de dúas tiradas:
- Na 15ª tirada, nos Pireneos e con final en St-Lary-Soulan, tras subir catro portos de primeira categoría, un de segunda e un de categoría especial ó final, Pereiro quedou segundo tras George Hincapie. Un xurado composto por ex-ciclistas e xornalistas concedeulle ó premio á combatividade dese día.
- Na 16ª tirada, con final en Pau, Pereiro quedou gañador tras escaparse do pelotón xunto con outros tres ciclistas. Esta vitoria deulle un grande prestixio, xa que durante a tirada atravesárase o famoso Col d'Aubisque (de categoría especial)
Tamén gañou ese ano unha tirada da Volta a Romandía, na que quedou en 7º posto, alén de ser 6º da Volta a Euscadi.
Pereiro integrou a selección española que participou nos Mundiais de ciclismo de Madrid, o 25 de setembro de 2005, na proba de fondo en estrada. Rematou a proba na posición 50ª.
[editar] Ano 2006
No Tour de Francia deste ano, Pereiro tivo unha destacada presenza. Ó principio, e tras sufrir unha "baixada de azucre" (segundo el mesmo) na 11ª tirada, situouse a 28 minutos e 52 segundos respecto do primeiro clasificado.
Porén, dous días máis tarde, na 13ª tirada, Pereiro poñíase no primeiro lugar da clasificación xeral, vestindo a camisola do equipo Caisse d'Épargne-Illes Balears, ó chegar á meta 29 minutos e 57 segundos por diante do pelotón. Isto debeuse a que o equipo do entón líder, Floyd Landis, quería ceder a responsabilidade do liderato a outro corredor, con vistas a recuperalo nos Alpes na seguinte semana.
Así, Pereiro convertíase no primeiro galego en vestir o mailló amarelo no Tour. Porén, tres días máis tarde (na 15ª tirada, con final no Aup d'Ueis), perdía esa mesma camisola por tan só 10 segundos.
Pero un día máis tarde, na 16ª tirada, con final en La Toussouire, Pereiro recuperou o liderado do Tour ó sacarlle case dez minutos ó estadunidense Floyd Landis, que sufriu un desfalecemento durante a subida final. Despois da seguinte tirada, a que rematou dez quilómetros despois do porto de Joux-Plane, Óscar Pereiro retivo o mailló amarelo, pero coas diferencias moi exiguas: o segundo, o español Carlos Sastre, estaba a 12 segundos e o estadounidense Landis a 30 segundos.
Estas diferenzas non abondaron na contrarreloxo do día seguinte, na que Landis rematou un minuto e 29 segundos por diante de Pereiro, converténdose así no gañador da edición do Tour de Francia dese ano. Malia todo, na clasificación xeral, Pereiro rematou sendo segundo, 57 segundos por detrás de Landis. Porén, uns días despois, fíxose pública a dopaxe de Floyd Landis por testosterona. Ao confirmarse o positivo, Pereiro converteuse de facto en vencedor do Tour 2006, o primeiro galego en facelo. Porén, o Tour non recoñeceu a súa vitoria durante meses, de xeito que a edición de 2006 non recolleu ningún vencedor. O 18 de febreiro de 2006, o xornal francés Le Monde publicaba unha noticia onde se acusaba a Pereiro de tomar substancias dopantes. O produto, salbutamol, é un medicamento contra a asma, para o que Pereiro estaba autorizado e consumido nunha proporción menor[1] á tolerada polos regulamentos antidopaxe. O 25 de febreiro, a Axencia Antidopaxe Francesa arquivaba esta acusación.
[editar] Ano 2007
Óscar Pereiro comezaba o Tour de Francia 2007 sen que lle recoñecesen a vitoria da edición anterior. Así, sairía de último na tirada prólogo, que arrincaba en Londres, pero no canto de levar o dorsal número 1 levaría o 11. Tampouco figuraba como o líder do seu equipo, o Caisse d'Epargne, onde traballou para mellorar a clasificación do líder do conxunto, o español Alejandro Valverde. Finalmente, rematou en décima posición, co que sumaba tres edicións consecutivas da rolda gala entre os dez mellores.
[editar] No Tour de Francia
Tirada | Data | Cidades | km | Resultado de Óscar Pereiro | Posición na xeral |
Prólogo | 7 de xullo | Londres-Londres | 8 contrarreloxo | 21º, a 37" de Fabian Cancellara | 21º, a 37" de F. Cancellara |
1ª tirada | 8 de xullo | Londres-Canterbury | 203 | 73º, co mesmo tempo ca Robbie McEwen | 22º, a 37" de F. Cancellara |
2ª tirada | 9 de xullo | Dunkerque-Gante | 167 | 129º, co mesmo tempo ca Gert Steegmans | 25º, a 37" de F. Cancellara |
3ª | 10 de xullo | Waregem-Compiègne | 236 | 18º, co mesmo tempo ca F. Cancellara | 25º, a 57" de F. Cancellara |
4ª | 11 de xullo | Villers-Cotterêts-Joigny | 190 | 57º, co mesmo tempo ca Thor Hushovd | 25º, a 57" de F. Cancellara |
5ª | 12 de xullo | Chablis-Autun | 184 | 39º, co mesmo tempo ca Filippo Pozzato | 18º, a 57" de F. Cancellara |
6ª | 13 de xullo | Semur-en-Auxois-Bôrg | 200 | 101º, co mesmo tempo ca Tom Boonen | 19º, a 57" de F. Cancellara |
7ª | 14 de xullo | Bôrg-Le Grand-Bornand | 197 | 11º, a 3'38" de Linus Gerdemann | 15º, a 4'03" de L. Gerdemann |
8ª | 15 de xullo | Le Grand-Bornand-Tignes | 165 | 15º, a 4'03" de Michael Rasmussen | 14º, a 3'54" de M. Rasmussen |
9ª | 17 de xullo | Lavâl-Briançon | 161 | 16º, a 3'24" de Mauricio Soler | 15º, a 6' 36" de M. Rasmussen |
10ª | 18 de xullo | Talard-Marsella | 229 | 18º, a 10'36" de Cédric Vasseur | 14º, a 6' 36" de M. Rasmussen |
11ª | 19 de xullo | Marsella-Montpellier | 180 | 26º co mesmo tempo ca Robert Hunter | 13º, a 6'36" de M. Rasmussen |
12ª | 20 de xullo | Montpellier-Castres | 179 | 50º co mesmo tempo ca Tom Boonen | 13º, a 6'36" de M. Rasmussen |
13ª | 21 de xullo | Albi-Albi | 54 contrarreloxo | 19º, a 3'23" de Alexander Vinocurov | 14º, a 7'04" de M. Rasmussen |
14ª | 22 de xullo | Masamet-Plateau de Beille | 197 | 13º, a 3'45" de Alberto Contador | 11º, a 11'01" de M. Rasmussen |
15ª | 23 de xullo | Fois-Loudenvielle - Le Louron | 196 | 28º, a 9'00" de Alexander Vinocurov | 13º, a 14'30" de M. Rasmussen |
16ª | 25 de xullo | Ortès-Goreta Porto de Aubisca | 218 | 9º a 2'27" de M. Rasmussen | 12º, a 17'17" de M. Rasmussen |
17ª | 26 de xullo | Pau-Los Sarrasins | 188 | 92, a 9'39" de Daniele Bennati | 11º, a 14'07" de A. Contador |
18ª | 27 de xullo | Cahors-Angoulême | 210 | 17º, a 8'37" de Sandy Casar | 11º, a 14'07" de A. Contador |
19ª | 28 de xullo | Cognac-Angoulême | 55 contrarreloxo | 8º, a 2'36" de Levi Leipheimer | 10º, a 14'25" de A. Contador |
20ª | 29 de xullo | Marcoussis-París Campos Elíseos | 130 | 46, a 5" de Daniele Bennati | 10º, a 14'25" de A. Contador |
[editar] Na Vuelta a España
Entre o Tour e a Vuelta a España Pereiro seguiu a dúa preparación co Tour do Lemosín, onde quedou segundo da xeral. Na Vuelta, que comezou o 1 de setembro en Vigo, Pereiro foi líder do seu conxunto, logo de que Valverde decidise non participar para preparar o Mundial de ciclismo.
[editar] Palmarés
- 2001. Unha tirada no Grande Prémio RLVT.
- 2002.
- Unha tirada na Semana Catalá de Ciclismo
- 11º na clasificación xeral do Giro de Italia 2002
- 2003.
- Unha tirada da Volta a Suíza (3º da clasificación xeral)
- 2º na Volta a Burgos
- 2004.
- Clásica dos Alpes
- 10º na clasificación xeral do Tour de Francia 2004
- 2005.
- Unha tirada da Volta de Romandía (7º da clasificación xeral)
- Unha tirada do Tour de Francia 2005, con final en Pau
- 10º na clasificación xeral do Tour de Francia 2005
- 2006
- Mailló amarelo no Tour de Francia 2006 durante as tiradas 14ª, 15ª, 17ª, 18ª e 19ª.
- 1º na clasificación xeral do Tour de Francia 2006.
- 2007
- 10º na clasificación xeral do Tour de Francia 2007
- 2º no Tour do Lemosín
[editar] Outros premios
- En 2004 recibiu a medalla de ouro do Concello de Mos.
- En 2006 concedéronlle a medalla de prata da Deputación de Pontevedra.
- En 2008 concedéronlle a medalla de ouro ao mérito deportivo de España.
[editar] Outros datos persoais
Mide 1.77 m.
Está casado e cun fillo nacido en decembro de 2005. De neno tíñánlle por alcume Estilike (coma o xogador de fútbol alemán Uli Stielike) e Cascarilla.
Participou en 2006 nunha campaña publicitaria da Xunta de Galicia para promover o reparto de tarefas no fogar e noutra, despois de gañar o Tour, para mellorar a condución nas estradas e evitar os accidentes de tráfico.
O 17 de xuño de 2006 inaugurábase nas Pozas (Mos), o polideportivo que leva o seu nome. Ao acto asistiron o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, o director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez Olveira, e mais a alcaldesa de Mos, María Xesús Escudero.
Á súa volta a Galiza logo de participar no Tour de Francia 2006, e durante un acto co presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, Óscar Pereiro levaba unha camisola verde coa lenda "Please refrain from throwing missiles", ou sexa: "Por favor, abstéñase de guindar mísiles". Coincidía no tempo con intensos bombardeos de Israel sobre o sur do Líbano.
En 2006, participou xunto a outros ciclistas profesionais galegos no día da bici na Coruña. Nese día amosou o seu apoio as reivindicacións dos ciclousuarios da cidade.