Vélaro de ouro
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O vélaro é toda a la dun carneiro ou ovella que sae xunta ao rapalos. Segundo a mitoloxía grega, Atamante, rei da cidade de Orcómeno en Beocia (unha rexión do sueste de Grecia), tomou como primeira esposa á deusa nube Néfele, con quen tivo dous fillos, Hele e Frixo. Máis tarde namorouse e casou con Ino, a filla de Cadmo. Ino tiña celos dos seus fillastros e planeou matalos. (Nalgunhas versións, persuadiu a Atamante de que sacrificar a Frixo era a única forma de acabar cunha fame negra). Néfele ou o seu espírito apareceuse aos nenos cun carneiro alado cuxa la era de ouro. Os nenos fuxiron montando o carneiro sobre o mar, pero Hele caeu e afogouse no estreito hoxe chamado no seu honor Helesponto. O carneiro levou a Frixo san e salvo ata a Cólquida, á afastada (oriental) praia do Mar Negro. Frixo sacrificou entón o carneiro e colgou a súa pel dunha árbore (ás veces un carballo) nun arboredo consagrado a Ares, onde foi gardada por un dragón. Alí permaneceu ata que Xasón se fixo con ela ao cabo da célebre viaxe dos Argonautas. O carneiro converteuse na constelación Aries.