Tahaa
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Tahaa (en tahitiano Taha´a) é unha das illas de Sotavento do arquipélago das illas da Sociedade, na Polinesia Francesa. Está situada a 5 km ao oeste de Raiatea.
Tahaa, máis pequena que Raiatea, atópase rodeada pola mesma coroa de arrecifes, compartindo a mesma lagoa. A superficie total é de 88 km², e a altitude máxima é de 590 m no monte Ohiri. A vila principal é Patio e a poboación era de 4.869 habitantes no censo do 2002.
A illa produce o 80% de toda a vainilla da Polinesia Francesa. Cultívase a variedade de vainilla tahitensis, creada nas illas grazas ao cruzamento da vainilla fragans e vainilla pompona, resultando unha variedade moi apreciada polo seu perfume e a riqueza do seu aceite. Debido á riqueza que proporcionou, dise que a vainilla é a perla negra de Tahaa. Hoxe en día a illa coñécese co sobrenome de «a illa vainilla».
Antigamente Tahaa chamábase Uporu, en recordo da illa Upolu nas Samoa. Debido á proximidade con Raiatea, foi fortemente dependente. Pero durante os séculos XVIII e XIX foi un lugar estratéxico no conflito de rivalidades entre Raiatea e Bora Bora.