Sven Hassel
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Sven Hassel (nado en 1917) escritor dinamarqués famoso polas súas novelas pseudo-autobiográficas baseadas nas súas experiencias durante a Segunda Guerra Mundial.
Non hai acordo sobre a verdadeira biografía de Sven. El afirma ter nacido como Sven Pedersen en Frederiksborg, aínda que acabou adoptando o apelido da súa nai. Aos 14 anos uniuse á tripulación dun barco mercante e traballou nel ata que tivo que cumprir co servizo militar no seu país en 1936. Ao ano seguinte, ao non atopar traballo en Dinamarca, trasladouse a Alemaña para entrar no exército, aínda que só despois de adoptar a nacionalidade alemá puido entrar no Sétimo Rexemento de Cabalería e posteriormente na segunda división de Panzer estacionada en Eisenach. En 1939 participou como condutor de tanques na invasión de Polonia. En 1940 tentou desertar da súa unidade e foi trasferido a unha unidade de castigo (sonderabteilung).
Serviu no 2º Rexemento de Cabalería e máis tarde no 11º e 27º Rexemento de Panzer en todas as frontes, agás África do norte, e resultou ferido varias veces. Chegou ao grao de tenente e obtivo a Cruz de Ferro de 1º e 2º clase. Rendeuse ás tropas soviéticas en Berlín en 1945 e pasou varios anos en campos de internamento. Alí comezou a escribir o seu primeiro libro, Lexión dos damnificados (De Fordometes Legio).
Liberado en 1949, estaba pensando en entrar na Lexión estranxeira francesa cando coñeceu a Dorthe Jensen, con quen casou en 1951. Nesa época traballaba nunha fábrica de automóbiles para gañar a vida, pero a súa muller convenceuno de que publicase os seus escritos. En 1957 Sven Hassel sofreu un ataque de febre caucasiana, contraída durante a guerra, e estivo paralizado durante dous anos. En 1964 trasladouse a Barcelona, onde ainda vive. En total escribiu 14 novelas que se traduciron a 18 linguas. Do seu libro Døden på Larvefødder realizouse o filme The Misfit Brigade en 1987.
Nas súas novelas, Hassel dá unha visión brutal da guerra na que os soldados loitan só para sobrevivir; a convención de Xenebra é un letra morta para os dous bandos. A xente morre ao chou ou por razóns nimias. Con frecuencia, acontecementos agradábeis e reunións pacíficas resultan truncadas violentamente. Os oficiais prusianos, pouco comprensivos, ameazan constantemente aos seus homes cun consello de guerra e execútannos á menor provocación. Os soldados descontentos asasinas ás veces aos seus oficiais para se liberaren deles.
Erik Haaest, un xornalista dinamarqués, pasou moitos anos tentanto rebater as afirmacións de Hassel. Haaest afirma que Sven Hassel é en realidade Børge Villy Redsted Pedersen, un nazi dinamarqués que nunca serviu na fronte rusa e que, de feito, estivo a maior parte da Segunda Guerra Mundial na Dinamarca ocupada; o seu coñecemento das accións veulle de veteráns das SS dinamarquesas que coñeceu despois da da guerra. Haaest tamén afirma que a primeira novela de Hassel non a escribiu el e cando se converteu nun éxito foi a súa muller a que escribiu o resto das súas obras. Aínda que esas afirmacións non son xeralmente aceptadas, as incongruencias na biografía relatada polo propio Hassel fan dubidar da súa verosemellanza.