Probo
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Marcus Aurelius Probus, nace no 237 no seo dunha humilde familia en Sirmium (Panonnia). Era un prestixioso xeneral, cando morre Tácito e as lexións de Siria non aceptan o nomeamento de Floriano como emperador.
Elixen a Probo coma emperador. Este, dende moi novo xa amosara o seu valor, xa que fora elixido tribuno militar por Valeriano. Cos emperadores Claudio II, Aureliano e Tácito participou en diversas campañas, e era Prefecto de oriente cando morre Tácito.
Enfróntase a Floriano, que quedara loitando contra os bárbaros en Occidente. A táctica deste era deixar pasar o tempo, pero moitos lexionarios pásanse ó bando de Probo, e Floriano morre asasinado polas súas tropas. O Senado apresúrase a aceptalo e nomealo emperador no 276.
Probo enfróntase con éxito a tódalas invasións dos godos, os vándalos, os francos e os burgundios, pobos de orixe escandinava que pasaran á Xermania e agora facían incursións na Galia. Así a todo, pactou con algúns grupos para que se establecesen nos limes do imperio, a cambio de que loitasen contra as invasións doutros pobos.
Negocia a paz con Persia, vence os sármatas no norte e os isauros no leste e, unha vez conseguida a estabilidade e a paz, dedícase a proxectar e construír numerosas obras públicas. Remata en Roma a muralla de Adriano e dispón dalgunhas reformas que en tempos de Diocleciano darían o seu froito.
Pon o exército a facer labores civís. Os lexionarios empezan por limpar canles de rego nas terras de labranza para abastacer o imperio do necesario gran. Pero, este labor non esta moi ben vista por moitos destes, que consideraban un traballo aldraxante para un soldado. E preto de Sirmiun, a cidade natal do emperador, nunha mañá en que estaba a pasear o emperador, un grupo de soldados dálle morte. Con el morre un dos mellores emperadores do século III, sendo tamén moi apreciado polo pobo de Roma e o Senado. Estamos no 282 e o elixido para sustituílo foi Marco Aurelio Caro
Imperio Romano | ||
---|---|---|
Segue a: Tácito |
Probo | Precede a: Caro |
Emperadores Ilirios |