Partido Obrero de Unificación Marxista
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O Partido Obrero de Unificación Marxista (POUM) foi un partido marxista español de carácter revolucionario, influído polo trotskismo e de carácter antiestalinista, fundado en 1935.
O POUM naceu en Barcelona o 29 de setembro de 1935 resultado da unificación da Izquierda Comunista de España co Bloc Obrer i Camperol. A ICE era un partido de orixe trotskista que rompera con Trotski antes de 1935 opostos ás consignas de Trotski de realizar entrismo no PSOE para apoiar á súa facción esquerdista, fora fundado por Andreu Nin e por Juan Andrade. O BOC era un partido comunista implantado sobre todo en Cataluña. O seu máximo dirixente era Joaquín Maurín, quen fora o dirixente da Federación Comunista Catalano-Balear, unha federación territorial escindida do PCE.
Malia a diferenza numérica de militantes entre os dous partidos (uns 500 da ICE fronte a 5.000 do BOC), a fusión no POUM foi en igualdade de condicións entre ambos os dous. Nin e Maurín pasaron a ser os dous grandes líderes do POUM, que tiña grazas aos antigos militantes do BOC a súa maior implantación en Cataluña e Valencia, unha certa presenza en Madrid e unha presenza testemuñal noutras partes de España. A súa heterodoxia dentro do comunismo fíxolles quedar marxinados e inimizados cunha Komintern disciplinada no compromiso coa URSS.
Tralas xornadas de maio de 1937, no que o POUM se aliñou cos anarquistas da CNT, os comunistas esixiron a ilegalización do POUM, despois da chegada de Juan Negrín á presidencia do goberno detívose aos seus dirixentes, Nin foi secuestrado e morreu en prisión e a estrutura do partido pasou á clandestinidade e tras a vitoria do réxime de Franco ao exilio.