Montjuïc
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A montaña de Montjuïc é un promontorio situado no sudoeste da cidade de Barcelona, desde onde se dominaba o porto e a zona antiga da cidade. Hai dúas teorías sobre a procedencia do nome:
- Monte dos xudeos en catalán medieval.
- Unha corrupción do latín Mons Jovicus (Monte de Xúpiter).
[editar] Historia
Atopáronse restos dun poboado ibérico do século III e II a.C..
Sempre foi un lugar estratéxico desde o que defender a cidade, polo que desde a antiguedade houbo fortaleza no seu cumio. En 1751 construíuse o actual castelo, obra de Juan Martín Cermeño, que durante a Guerra da Independencia Española foi ocupado polos franceses.
Ademais dun punto estratéxico para a defensa da cidade, foi importante para mantela baixo control, xunto coa fortaleza da Ciutadella no outro extremo da cidade. En 1843 bombardeouse a cidade desde o castelo para pór fin á rebelión da jamancia, destruíndo ou danando 460 edificios.
O castelo tamén foi utilizado numerosas veces como prisión para presos políticos ata os tempos da ditadura de Franco, e lugar onde posteriormente eran fusilados e enterrados no camposanto do lado sudoeste da montaña. Durante o século XIX fusiláronse varios anarquistas e en 1940 a Lluís Companys, presidente da Generalitat de Cataluña.
En 1928 foi o sitio elexido para acoller a Exposición Universal, motivo polo que se construíron os diferentes pavillóns que se alzan polas faldas da montaña e a ambos lados do paseo que o leva ata a Praza de España, no Barrio de Sants-Montjuïc, e desde onde se pode disfrutar dunhas grandes vistas.
En 1969, 1971, 1973 e 1975 disputouse o Gran premio de España de Fórmula 1 nas súas rúas, pero debido a un accidente que costou a vida de dous espectadores en 1975, a FIA decidiu que Montjuïc era un lugar perigoso para disputar un gran premio de F1. Tamén acollía a celebración das 24 Hores Motociclistes de Monjuïc.
[editar] Actualidade
Na actualidade está intimamente relacionado co deporte, debido á gran cantidade de instalacións deportivas que acolle.
Na falda deste monte encóntranse as instalacións olímpicas que acolleron os Xogos Olímpicos de Barcelona 1992, como o Estadio Olímpico Lluis Companys (estando no seu recinto o Museo da Fundació Barcelona Olímpica), o Palau Sant Jordi, deseñado polo arquitecto xaponés Arata Isozaki, a Piscina de Saltos e as Piscinas Picornell, e o antigo Pazo dos Deportes da rúa Lleida, agora reconvertido no Barcelona Teatre Musical, que acolle espectáculos teatrais e musicais. A oferta de instalacións deportivas a completan o estadio de atletismo Joan Serrahima e o das instalacións do Instituto Nacional de Educación Física de Cataluña (INEF Cataluña).
En Montjuic hai tamén lugares de interese turístico como o Poble Espanyol, un recinto que recolle rúas, prazas e lugares característicos de toda España, podéndose apreciar na súa entrada as Torres de Ávila. Ademais, está poboado con restaurantes, bares, e lugares de ocio e espectáculo.
Está tamén en Montjuic a torre de telecomunicacións deseñada por Santiago Calatrava. Antigamente acolleu o famoso Parque de Atraccións de Montjuïc, agora reconvertido no xardín público Joan Brossa.
A montaña é sede tamén de importantes institucións culturais. Ademais do mencionado Barcelona Teatre Musical, encóntranse o Teatre Lliure, o Mercat de les Flors, o Teatre Grec, o Museo Joan Miró, o Museo CaixaFòrum, o Museu Nacional d'Art de Catalunya (MNAC), o Museo etnolóxico de Barcelona/Museu etnològic de Barcelona, o museo Militar e o museo do Castelo de Montjuic, así como o Xardín Botánico Histórico, que dispón dunha colección única de cactus, e o novo Xardín Botánico de Barcelona especializado na flora das zonas mediterráneas.
Na Avenida María Cristina, entrada principal á montaña desde a Praza de España, están os pavillóns da Fira Barcelona, construídos co gallo da Exposición Universal de 1929, e que organiza algúns dos salóns, mostras e exposicións máis importantes de España. Fronte ós pavillóns da Fira están as famosas Fontes de Montjuïc, que os vernes, sábados e domingos amosan un espectáculo único no mundo de luz, música e cor.
.
É tamén un lugar ideal para o descanso e o paseo, debido ás grandes extensións de xardíns, e as espectaculares vistas que ofrece da cidade de Barcelona. Desde 2006 estanse recuperando gran parte das escaleiras ornamentais e espazos orixinais da montaña durante a Exposición de 1929. Creouse unha oficina de información pública na "Font del Gat", xunto ós museos etnolóxico e arqueolóxico. Tamén se remodelou o antigo teleférico para poder subir ata o cumio da montaña e ver desde o castelo unha das vistas máis impresionantes de Barcelona.
Ocupando unha das ladeiras da montaña sitúase o Camposanto de Montjuïc, o maior dentro do termo municipal de Barcelona.