Milú
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Milú é un Fox Terrier de pelo duro e branco, compañeiro de Tintín na serie de historietas que leva o mesmo nome que o protagonista, e cuxo nome orixinal (Milou) débese á primeira noiva do autor Hergé á idade de 18 anos (Marie-Louise Van Cutsem, chamada cariñosamente Milou). Por esta razón moitos cometen o erro de que Milú era unha femia. Con todo, as actitudes da mascota e o constante uso da palabra "chien" (en francés, "can") deixan en claro que Milú era un macho. Amo e can son tan inseparables que durante moitos anos a serie sobre as aventuras do intrépido reporteiro titulouse As aventuras de Tintín e Milú.
[editar] Caracterización
Nos primeiros álbums da serie, Milú ten un papel central, xa que é o único compañeiro do seu dono. Ambos manteñen verdadeiras conversacións, onde o can ocupa por momentos o lugar de confidente e o de obxector.
A diferenza do seu dono, Milú caracterízase por ter os pés máis firmes na terra; non está obsesionado coa misión a cumprir, sendo a súa principal aspiración a tranquilidade, o cal faino desconfiar moitas veces das iniciativas do seu amo.
A pesar de ser indeciso por momentos, Milú desfaise das súas vacilacións cando se trata de rescatar a Tintín, para o que recorre ao seu enxeño e o seu valor. No entanto, por momentos permítese dubidar entre un óso atopado no camiño e o seu obxecto fundamental de protexer ao seu amo.
Entre outras figuras anecdóticas, debe resaltarse a fascinación que exerce o whisky para este can, particularmente cando se trata da (ficticia) marca Loch-Lomond, o cal ocasiónalle non poucas dores de cabeza. Neste sentido, é moi parecido ao Capitán Haddock, ata tal punto que parece ser a súa prefiguración. O can e o capitán son personaxes do mesma orde, que equilibran con alegría o que Tintín poida ter de excesivamente sabio ou virtuoso. Posiblemente é por esta razón que o papel de Milú vese sensiblemente diminuído tras a aparición de Haddock na serie.