Michael Faraday
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Michael Faraday (Newington, 22 de setembro de 1791 - Hampton Court, 25 de agosto de 1867) foi un quimico e físico inglés, descobridor da indución electromagnética.
[editar] Vida e primeiros descubrimentos
Faraday recibiu unha educación elemental e á idade de 14 anos fíxose aprendiz dun encadernador. Dende ese momento, comezouse a interesar pola física e pola química, e chegou a ler algúns libros do famoso químico Humphry Davy. Tal era a afección de Faraday pola ciencia que lle enviou a Davy algunhas notas sobre os seus traballos, conseguindo que o admitise como o seu asistente de laboratorio ós 21 anos.
Tras varios anos investigando no laboratorio xunto con Davy, chega, no ano 1821, o primeiro dos grandes descubrimentos de Michael Faraday. Recentemente ascendido a Superintendente da Institución Real, Faraday comeza a realizar experimentos que culminan co descubrimento da rotación magnética, principio básico do motor unipolar.
En 1824 Faraday xa conta coa fama e recoñecemento froito de tantos anos de estudo e experimentación. É neste ano cando é proposto como membro da Sociedade Real, ante a oposición do seu presidente, Davy, o seu antigo mestre. Malia esta oposición, Faraday ingresou na Sociedade Real e nunca lle gardou rancor a Davy.
[editar] Dez anos de investigación e final recompensa
Faraday suspendeu os seus traballos no campo da física durante 10 anos para dedicarse por enteiro ó estudo da química básica e aplicada.
No ano 1831 Faraday descubriu a indución electromagnética e con ela, os principios do transformador e o xerador eléctrico. En agradecemento polos seus descubrimentos, a unidade no S.I da capacitancia denominase faradio.
Durante os anos seguintes, Faraday segue a investigar, profundando os seus estudos na relación entre a óptica e o electromagnetismo.
En 1855 a saúde de Faraday empeora, o que lle obriga a retirarse á súa casa de Hampton Court en 1858, onde a raíña Vitoria lle regalara unha casa.
Finou o 25 de agosto de 1867 e os seus restos repousan no cemiterio Highgate de Londres.
[editar] Bibliografia e obras
Os seus descubrimentos sobre a electricidade e o magnetismo quedaron plasmados en tres volumes: Experimental Researches in Electricity (1839, 1844, 1855).
Os traballos en química foron publicados en 1858 co título: Experimental Researches in Chemistry and Physics.
Ademais escribiu algúns libros pedagóxicos como The Chemical History of a Candle, editado en 1860.