Masacre de My Lai
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
My Lai (pronuncia en galego: Mi-Lai) é o nome da aldea vietnamita onde, o 16 de marzo de 1968, centenas de civís, na maioría mulleres e nenos, foron executados por soldados do exército norteamericano, no maior masacre de civís ocorrido durante a Guerra do Vietnam.
Na véspera da operación, integrantes da Compañía Charlíe, da 11ª Brigada de Infantaría, mandados á rexión por denuncias de que a área estaría servindo de refuxio para guerrilleiros norvietnamitas, polo comando norteamericano informounos de que os habitantes de My Lai e das aldeas veciñas saían para o mercado da rexión ás sete da mañá para a compra de comida e que, consecuentemente, aqueles que ficasen na área serían guerrilleiros do vietcong ou simpatizantes.
Como consecuencia, integrantes dun dos pelotóns da compañía, comandados polo tenente William Calley, sospeitando que os habitantes atopados fosen guerrilleiros e considerándoos a todos como unha ameaza, abriron lume indiscriminadamente contra os habitantes da aldea, matando vellos, mulleres, nenos e recén nacidos en case a súa totalidade, nun total entre 357 e 504 civís mortos, segundo a fonte, norteamericana ou vietnamita. No lugar hoxe, hai un memorial en que lista o nome de 504 vítimas.
O masacre que incluíu varias horas de caza aos sobreviventes, só foi interrompido por iniciativa dun piloto de helicóptero, Hugh Thompson, Xr., que vendo do alto a matanza e o asasinato de civís feridos, pousou o aparello e ameazou disparar coas metralladoras da súa propia nave contra soldados americanos.
O crime só veu a luz pública un ano despois, debido a denuncias saídas de dentro do exército, por soldados que testemuñaron ou ouviron os detalles do caso – e un deles escribiu a diversos integrantes do goberno americano, inclusive ao Presidente Nixon – e chegaron a xornais e ás televisións. Xornalistas independentes conseguiron fotos dos asasinatos e as estamparon nos medios mundiais, axudando a aumentar o horror e os esforzos dos pacifistas na presión ao goberno Nixon a se retirar do Vietnam.
En marzo de 1970, 25 soldados foron acusados polo exército dos Estados Unidos de crime de guerra e ocultación de feitos e probas no caso de My Lai. Foi comparado por algúns medios de esquerda cos xenocidios de Oradour-sur-Glane e Lídice durante a II Guerra Mundial, que causou a condena e execución de varios oficiais nazis despois da guerra, só o tenente William Calley, comandante do pelotón responsábel das mortes foi acusado e xulgado.
Condenado á cadea perpetua, Calley foi perdoado dous días despois da divulgación da sentenza polo Presidente Richard Nixon, cumprindo unha pena alternativa de tres anos e medio en prisión domiciliaria na base militar de Fort Benning, en Xeorxia.