Jerome David Salinger
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Jerome David Salinger (Nova York, 1 de xaneiro de 1919) é un escritor norteamericano.
De pai xudeu e nai católica irlandesa. Estudou na Academia Militar de Valley Forge, e posteriormente nas Universidades de Nova York e Columbia, mobilizado durante a Segunda Guerra Mundial serviu na mariña, e entrou en combate coa 4ª División de Infanteria, a participación nalgunhas das campañas máis feroces da guerra afectoulle emocionalmente, contou as súas experiencias da guerra en moitos relatos como For Esmé with Love and Squalor.
Comezou a escribir relatos para revistas locais logo de licenciarse do exército en 1945, que foron ben recibidas. A Perfect Day for Bananafish (1949) é o relato máis popular desa época, tamén publicou dous episodios que posterioremente incluíra en The Catcher in the Rye: I'm Crazy e Slight Rebellion. En 1951 publicou The Catcher in the Rye (O vixía no centeo, tradución galega de 1990) a súa primeira e máis famosa novela, orixinalmente foi mal recibida pola crítica e non tivo éxito de vendas, pero máis tarde gañou a aceptación de pública e crítica. Moito da trama da novela ten caracter autobiográfico: presenta a un adolescente, Holden Caulfield, con episodios de paranoia, que escapa da academia onde estuda para voltar a Nova York. A novela escrita cun estilo e linguaxe propio dos adolescentes converteuse nun clásico.
Posteriormente Salinger publicou as colecións de relatos Nove contos en 1953 (tradución galega de 1996); Franny e Zooey, en 1961; e Erguede, carpinteiros, a viga do tellado e Seymour: unha introdución, que apareceron xuntos en 1963, estes últimos protagonizados pola disfuncional familia Glass.
Despois de conseguir fama e notoriedade con O vixía no centeo, Salinger converteuse nun eremita, apartándose do mundo e protexendo ao máximo a súa privacidade. Mudouse de Nova York a Cornish (New Hampshire), onde continuou escribindo historias que nunca publicou.