Ion Antonescu
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Ion Victor Antonescu (15 de xuño de 1882, Pitesti — 1 de xuño de 1946, Jilava), primeiro ministro e conducător de Romanía do 4 de setembro de 1940 ó 23 de agosto de 1944.
Na Primeira Guerra Mundial foi o axudante do xefe do exército rumano Constantin Preza, e foi o arquitecto da defensa de Moldavia fronte ós alemáns que xa conquistaran o resto do país. Recibiu condecoracións militares durante esta guerra e durante a Segunda Guerra dos Balcáns, onde gañou o alcume Câinele roşu (can vermello).
De 1922 a 1926, foi o agregado militar en Francia e Reino Unido de Romanía. Ó seu regreso, dirixiu a Şcoala Superioară de Război (Escola Superior de Guerra), foi Xefe do Estado Maior entre 1933 e 1934 e ministro de defensa entre 1937 e 1938. En 1940, o rei Carol II o nomea Primeiro Ministro, ós dous días obrigou ó rei a traspasarlle os poderes da xefatura do estado e nomeóuse conducator (líder). Máis tarde, a URSS conquista Besarabia e o norte de Bucovina. O 30 de agosto de 1940, Hungría anexionábase a parte norte de Transilvania.
Para recupera-los territorios tomados polos soviéticos, Antonescu fixo un pacto con Alemaña. Tamén, aproximouse ó partido fascista rumano (a Garda de Aceiro) e ofrecuelles carteiras ministeriais (15 de setembro de 1940). Antonescu quixo logo ter baixo o seu mando á Garda de Aceiro, cuxas actividades antisemitas e paramilitares danaban a autoridade do estado. Ese periodo foi chamado Estado Nacional-Lexionario (Statul naţional-legionar), pero as exixencias dos fascistas ían a máis e finalmente a Garda sublevouse o 21 de xaneiro de 1941. Antonescu aplastou a rebelión, ilegalizou ó partido fascista e meteu presos ós seus dirixentes.
Romanía participou xunto con Alemaña, Bulgaria e Hungría na operación Barbarroxa. Recuperou os territorios roubados ola URSS e seguiu avanzando en territorio ruso. Capturou Odessa (onde tivo lugar a masacre de Odessa baixo orde de Antonescu). Pero o revés da guerra rematou por elevar as voces disidentes e os partidos tradicionais propuxeron un novo líder (o fillo do rei Carol) e arrestaron a Antonescu.
En maio de 1946, o Tribunal Popular de Bucarest, xa en máns soviéticas, atopouno culpable de crimes contra a paz por colaborar cos nazis. Foi executado o 1 de xuño de 1946.
[editar] Holocausto
Entre 280.000 e 380.000 xudeus rumanos foron asasinados en campos de concentración, asasinatos públicos, fame, enfermidades co coñecemento da autoridade executiva dirixida por Ion Antonescu. Outras minorías como os ciganos tamén foron represaliadas igual que se fora territorio ocupado polas SS.