Ho Chi Minh
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Ho Chi Minh (vietnamita Hồ Chí Minh), de verdadeiro nome Nguyễn Sinh Cung, e coñecido como "Bác Hồ" (Tío Ho), naceu o 19 de maio de 1890 e morreu o 3 de setembro de 1969. Foi un político e revolucionario vietnamita, e Presidente (1954 - 1969) de Vietnam do Norte.
Recibiu o nome de Nguyễn Tất Thành aos 10 anos. Aos 15 anos emigrou a Europa, onde se adheriu ó comunismo durante a sua estancia en Francia (1915 - 1923). En 1919, Ho Chi Minh tentou solicitar na conferencia de Versalles igualdade de dereitos para a colonia de Indochina. Membro fundador do PCF, trasladouse a Moscova. Mais tarde foi enviado polo Komintern a Hong Kong, onde fundou o Partido Comunista de Indochina tralas revoltas de 1930 en Vietnam.
Adoptou o nome de Ho Chi Minh (o que ilumina), e voltou ó seu país en 1941, formando o Viet Minh (Viet Nam Da Lap Dong Minh Hoi, Liga para a Independencia de Vietnam) ó que se adhirieron grupos nacionalistas, quedando Vo Nguyen Giap ó mando dos grupos armados.
O 2 de setembro de 1945 declarou a independencia de Vietnam, pero ao non aceptala os franceses na conferencia de Fontainebleau, en decembro de 1946 desatuose a guerra. Trala vitoria de Dien Bien Phu (7 de maio de 1954), foi proclamado Presidente da República Democrática de Vietnam. Ao non convocarse o referéndum sobre a unificación dos dous estados, en 1959 ordeou o apoio ás guerrillas que xa actuaban dende o ano anterior en Vietnam do Sur, formando a Fronte Nacional de Liberación (FNL), o que provocou a intervención dos Estados Unidos, guerra que non vería rematada.
Durante moitos anos viviu nunha pequena casa, pese aos ofrecementos do goberno de trasladarse a un mellor domicilio.
En 1975 Saigón foi renomeada Cidade Ho Chi Minh.