Fakarava
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
.
Fakarava é un atol das Tuamotu, na Polinesia Francesa. Está situado no centro e ao oeste do arquipélago, a 488 km ao nordés de Tahití.
[editar] Xeografía
Fakarava é un atol rectangular de 60 km de longo e 25 km de ancho. É o segundo atol máis grande das Tuamotu, logo de Rangiroa, cunha superficie de 380 km²; e unha lagoa de máis de 1.000 km²;. O atol dispón de dous pasos ao interior, un ao norte e outro no sur. O paso do norte de Garuae é o máis grande da Polinesia Francesa. É moi rico en fauna mariña, con raias, mantas, barracudas, meros, tartarugas e golfiños. É un centro importante do mergullo deportivo.
A vila principal é Rotoava, situada ao nordés cerca do paso de Garuae. No paso sur está a vila de Tetamanu, antiga capital da illa e residencia do administrador das Tuamotu durante o século XIX. A poboación total era de 467 habitantes no censo de 1996. O desenvolvemento do turismo, coa construción dun hotel, incrementou a poboación nos últimos anos. Ademais do turismo ao redor do mergullo, a economía baséase na explotación da copra e o cultivo de nácar e perlas.
O atol conta cun aeroporto ao norte, e un porto.
[editar] Historia
Antigamente era coñecido como Havaiki ou Havai'i, e Farea. O nome sacro Havaiki atópase noutros luigares como Savai'i, Raiatea e Hawaii. Outro nome colonial era Wittgenstein. O atol foi descuberto por Bellinghausen en 1820. Foi evanxelizado polo católico Laval en 1849, e construíuse a primeira igrexa en 1850, en Rotoava. Ao final do século XIX foi o centro administrativo das Tuamotu.
[editar] Comuna de Fakarava
Fakarava é a capital dunha comuna que inclúe as comunas asociadas de Kauehi e Niau, e os atois dependentes de Raraka, Toau e Aratika, máis Taiaro que depende de Kauehi. O atol de Taiaro está declarado como reserva da biosfera pola UNESCO. Actualmente está en proceso de revisión cunha proposta para estender a reserva a todos os atois da comuna de Fakarava.
Illas | Habitantes (censo 1996) | Superficie (km²;) |
---|---|---|
Fakarava | 467 | 380 |
Niau | 160 | 20 |
Kauehi | 699 | 28 |
Raraka | 0 | 8 |
Aratika | 0 | 10 |
Toau | 0 | 9 |
Taiaro | 0 | 6 |
TOTAL | 1.326 | 461 |