Esteatopixía
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A esteatopixía é un alto grao de acumulación de graxa nas nádegas e arredor delas, que é característico dalgunhas razas humanas. A graxa pode estenderse tamén ás coxas, ata os xeonllos, se ben a parte principal estará sempre nas nádegas.
A esteatopixía é unha das características xenéticas dos khoisan, unha raza negra do sur de África, pero tamén dos pigmeos do centro do continente. Afecta particularmente as mulleres, se ben tamén, aínda que en menor medida, se ten observado nos homes. Ademais, de forma xeral en calquera das razas humanas, as mulleres teñen maior propensión á acumulación de graxa nas nádegas.
Entre os khoisan, a esteatopixía enténdese como un sinal de beleza, que comeza na infancia pero que se desenvolve sobre todo a raíz do primeiro embarazo. Adoita ir acompañada do denominado frontal hotentote, é dicir, duns labios vaxinais estremadamente longos, que se poden estender uns catro centímetros por fóra da vulva.
Historicamente, semella que a esteatopixía foi nun tempo unha característica dun amplo grupo de poboacións humanas que se estendían dende o golfo de Adén ata o Cabo de Boa Esperanza, das que os khoisan e os pigmeos son os últimos sobrevivintes. Ademais destes dous pobos, tamén pode aparecer entre os básteres e entre as mulleres dos negritos das Andamán
Pero os restos atopados das primeiras poboacións humanas poderían indicar que a esteatopixía era unha característica moito máis común, e que estaba amplamente distribuída. Así, algunhas figuras de marfil atopadas en covas do sur de Francia presentan un gran desenvolvemento das coxas e tamén unha peculiar prolongación dos labios vaxinais. Porén o tipo común de venus, é dicir, das esculturiñas con forma de muller que se teñen interpretado como invocacións á maternidade, presentan grandes nádegas, pero en ángulos maiores cós habituais das nádegas con esteatopixía (120, mentres que non se considera esteatopixia con ángulos maiores de 90º entre o cu e o lombo).
As vantaxes de adaptación da esteatopixía son dispoñer dunha maior superficie para radiar calor, co que é máis sinxelo manter a homeostase conforme o principio de Allen. Ademais, os acúmulos de graxas son moi importantes para poder manter unha vida reprodutiva constante en todos os meses, mesmo en zonas, como é o caso, onde a estación seca pode facer minguar drasticamente a posibilidade de inxirir alimentos.