Escultura paleolítica
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Na escultura paleolítica destacan as figuras femininas, talladas en vulto redondo ou en relevos moi expresivos, que deberon de ser ídolos da fecundidade ou venus paleolíticas, nas cales se esaxeran os trazos femininos (esteatopixía): seos, cadeiras, glúteos, e ventre moi remarcado, en tanto que o rostro apenas está esbozado. Son numerosos os lugares europeos en que apareceron estas figuras, encontrándose sobre todo en Francia. As máis destacadas son a Venus de Willendorf (Viena) moi probablemente pertencente ós períodos Auriñaciense e ó Solutrense a Venus de Laussel (Francia).
Esta Venus de Laussel é unha das obras básicas para comprender a prehistoria. Foi descuberta no ano 1911 polo doutor Lalanne na rexión da Dordoña francesa. Hoxe áchase no Museo de Saint Germain en Laye (Francia). O seu descubridor describe así á muller do corno: "É unha estatuíña tallada nun bloque de pedra calcaria dura; representa a unha muller espida, que na súa man dereita sostén un corno de bisonte. A figura mide 46 cm de altura. A cabeza, inda que en gran parte separada do fondo, non presenta indicios de rostro. A pesar diso, obsérvase que foi tallada de perfil ..... O pescozo é alongado e está claramente definido. Do peito agroman elegantemente dous seos longos e colgantes, de forma oval. O ventre é algo pronunciado, pero ben proporcionado e lixeiramente caído ... O brazo dereito cae con naturalidade xunto ó tronco, pero o antebrazo se alza ata a altura do ombreiro, onde a man sostén un corno de bisonte. Todo o corpo está pulido, agás a cabeza ...."
Nas súas orixes a estatua, pintada de vermello, formaba parte dun bloque de pedra, cuxa curvatura natural foi aproveitada para dotar á figura esculpida dun lixeiro avultamento que lle dá un grande realismo. O bloque de pedra era o centro dun santuario, posiblemente reservado a rituais relacionados coa fecundidade.
Xunto a estas esculturas son importantes os relevos e gravados en utensilios feitos de marfil, óso e hastas de reno, que representan a animais tallados cun gran realismo nas súas formas e actitudes.
[editar] Véxase tamén
- Arte paleolítica
- Arte rupestre
- Pintura rupestre
- Arte Mobiliar