Charlie Chaplin
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Charles Spencer Chaplin (Londres 1889 - Vevey (Suíza) 1977) está considerado un dos mellores e máis sonados actores da comedia muda norteamericana. Poucos saben que ademais dirixía os seus propios filmes. O seu personaxe máis coñecido foi Charlot ("The Tramp" en inglés, o vagabundo). Charlot converteuse nunha icona da cultura de masas do século XX. Un vagabundo risoño e inxel que engaiolou a varias xeracións grazas ó seu abrigo estreito, os seus pantalóns bombachos, o seu caxato, o seu bombín e o seu mostacho recto. Nunha época en que os cómicos mudos procuraban a súa fama creando personaxes atractivos para o público, Chaplin creou o máis tenro de todos: o inesquecíbel Charlot.
[editar] Biografía
[editar] Infancia e adolescencia: os anos no music-hall
Charles Spencer Chaplin naceu en Walworth (Londres, Inglaterra) o 12 de abril de 1889. Era fillo de dous artistas de music-hall: Charles Chaplin, sénior e de Hannah Harriette Hill. Non obstante, os seus proxenitores divorciáronse ben logo que Chaplin naceu e o neno quedou ao coidado da súa nai. Lamentablemente, Hannah Harriette Hill distaba moito de ser unha muller equilibrada. Ao longo da súa vida pasou por diversos sanatorios mentais. En 1896, incapaz de conseguir un traballo, tivo que deixar a Charlie e a seu medio irmán Sydney nun orfanato en Lambeth. En 1903, cando Chaplin contaba 12 anos, o seu pai morreu alcolizado, o que provocou un ataque de tolemia á súa nai. A muller tivo que ser ingresada no Cane Hill Asylum preto de Croydon, lugar onde permanecería ata 1921 cando Chaplin a trasladou a California. Hannah morrería en 1928.coco
Pero a infancia de Chaplin tamén está marcada polos escenarios. En 1894, cando só cumprira 5 anos, comezou a traballar no music-hall cando tivo que cantar unha canción para substituír a súa nai enferma. Con todo, era un neno enfermizo que tivo que gardar cama durante semanas por mor dunha doenza grave. Con oito anos, saíu de xira co musical The Eight Lancaster Lads. En 1900, con 11 anos, o seu irmán Sydney (quen logo sería o seu mánager en Hollywood) axudouno a preparar o espectáculo Giddy Ostende que se representou no Hipódromo de Londres. Pronto conseguiu o seu primeiro traballo estábel: interpretou o repartidor de xornais Billy en Sherlock Holmes ata 1906. Logo uniuse ao show de variedades do circo de Casey (Casey's Court Circus). A este traballo, seguiulle, xunto ao seu irmán Sydney, o de pallaso na Fred Karno's Fun Factory, unha compañía de slapstick coa que entrou en Estados Unidos o 2 de outubro de 1912. En principio só se trataba dunha xira máis da compañía. Pero Chaplin acabaría quedando durante anos nos Estados Unidos. Na compañía de Fred Karno, actuaba tamén Arthur Stanley Jefferson, que chegaría a ser o famoso Stan Laurel. Chaplin e Laurel compartían camarín.
[editar] O cine mudo: os inicios na Keystone
Chaplin chegou ó cine da man do produtor, director e actor Mack Sennett. Sennett fundara unha pequena produtora especializada na comedia slapstick: a Keystone Film Company. Sennett mantiña un alto nivel de produción grazas sobre todo ás "comedias de polis" e instaurara todo un estilo no eido cinematográfico. Ademais, era un cazatalentos con moi bo ollo. Cando asistiu á interpretación de Charles Chaplin contratouno inmediatamente. Era novembro de 1913. En decembro presentouse en Hollywood. En febreiro de 1914 estreaba a súa primeira curta Making a Living. Chegou a realizar 35 curtametraxes dunha bobina durante aquel ano.
Porén, Chaplin tivo inicialmente moitas dificultades para afacerse ao estilo Keystone. Ademais, era inexperto no cine. Con todo, axiña logrou adaptarse e crear o seu propio xeito. Enseguida desenvolveu o seu personaxe do vagabundo, rapidamente recoñecido e aplaudido polo público. Consecuentemente, foi gañando control creativo sobre as súas interpretacións e finalmente mesmo puido dirixir os seus filmes. Nuns anos converteuse na estrela da Keystone, claramente diferenciado do resto da produción do estudio. Xa en 1914 gañaba na Keystone a desorbitante cifra de 150 dólares semanais. En 1914 realiza a primeira longametraxe cómica da historia: Tillie's Punctured Romance.
[editar] A fama durante o período silente
Precisamente, en 1914, Chaplin decide abandonar a Keystone e entrar nun estudio acabado de fundar: Essanay Studios. O seu salario pasou a ser de 1250 dólares semanais. Ademais percibiu 10.000 dólares adicionais por asinar o contrato. Para a Essanay chegaría a facer 14 filmes de dúas bobinas.
En 1916 pasou á Mutual e comezou a gañar 10.000 dólares semanais máis os 150.000 que percibiu pola sinatura do contrato. En 1917 asinou coa First National cun salario de 1.000.000 dólarea anuais, a cantidade máis alta pagada a un actor ata daquela.
En 1919, canso de que os seus proxectos cinematográficos estivesen en mans doutros, fundou con Mary Pickford, Douglas Fairbanks e David W. Griffith, os estudios United Artists. Tal era a súa ansia de liberdade creativa que en 1923 presentou Unha muller de París (A Woman of Paris), que dirixía pero na que non actuaba (agás un breve e desapercibido cameo) en contra da opinión de todos. Por suposto, foi un fracaso nos Estados Unidos.
[editar] O cine sonoro de Chaplin durante os anos 1930
A chegada do cine sonoro en 1927 supuxo para moitos cómicos slapstick a fin das súas carreiras (por exemplo, para Buster Keaton). Chaplin, ao contrario ca outros cómicos mudos, resistiuse teimudamente ao avance do sonoro ao longo dos anos 1930. Só en 1940, con O gran ditador (The Great Dictador, 1940), unha sagaz sátira contra o fascismo cando aínda nos Estados Unidos predominaba a idea de non mesturarse na II Guerra Mundial, Chaplin realizou a súa primeira película sonora.
En 1931, Chaplin acadou o punto máximo da súa popularidade nos Estados Unidos con Luces da cidade (City Lights). Foi un momento doce. Pero Chaplin simpatizaba neses anos coa esquerda política. Tempos modernos (Modern Times, 1936) é unha crítica da explotación laboral e da pobreza. Estas filías políticas habían darlle problemas durante os anos seguintes cando o anticomunismo acampou nos EEUU.
[editar] Os escándalos da súa vida privada e a perda da súa popularidade nos EEUU
Dende mediados dos anos 1930, o público norteamericano foise desapegando de Chaplin. Aínda que Chaplin conseguira o éxito nos Estados Unidos seguía mantendo a súa nacionalidade británica. Foi unha das acusacións que empezaron a verterse na súa contra durante o maccartismo.
Por outra banda, Chaplin viu exposta duramente á luz pública a súa vida privada e a súa preferencia por mulleres moito máis novas, case adolescentes. O 23 de outubro de 1918 casara con Mildred Harris. El tiña 28 anos; ela 16. Tiveron un fillo que morreu e unha vida matrimonial desastrosa. Divorciáronse en 1920. Máis tarde, o 26 de novembro de 1924 volveu casar con Lita Grey, moza á que coñecera durante a preparación de A quimeira do ouro (The Golden Rush, 1924). El tiña entón 35 anos; ela 16 e estaba embarazada. Tiveron dous fillos pero o matrimonio foi un inferno para Chaplin. O divorcio en 1926 foi un grande escándalo. Lita acusou a Chaplin de adulterio e de perversidade sexual. O tribunal asañouse co artista, quen acabou pagando 825.000 dólares á súa ex-muller. Cando o xuízo rematou, os cabelos de Chaplin volvéranse canos. A publicación nos xornais das actas xudiciais, que incluían moitos detalles, supostos ou reais, da súa vida íntima con Lita, provocaron unha campaña aberta en contra de Chaplin. Non obstante, en xuño de 1936 Chaplin volveu casar en segredo cunha moza máis nova. El tiña 47; a noiva, Paulette Godderd. Foi un matrimonio feliz aínda que acabaron divorciándose en 1942. Chaplin comezou a verse coa actriz de 22 anos, Joan Barry. Unha vez rematada a relación, a actriz acusouno publicamente de ser o pai do fillo que esperaba. Era maio de 1943 e inicouse un terrible xuízo. Durante as audiencias, as probas sanguíneas demostraron fidedignamente que Chaplin non era o pai da criatura. Con todo foi condenado a pagarlle unha pensión de 75 dólares semanais ao rapaz ata que cumprise 21 anos. Máis adiante, Chaplin relacionouse coa filla do dramaturgo Eugene O'Neill, Oona O'Neill. Casaron o 16 de xuño de 1943. El tiña 54 anos, Oona 17. Pero foi un matrimonio feliz e longo. Trouxeron oito fillos ao mundo.
[editar] Chaplin nos anos 1940 e 1950: o exilio dos Estados Unidos
Esa azarosa vida amorosa non lle atraeu o fervor público. Máis aínda, as súas inclinacións políticas, o feito de insistir na súa nacionalide británica, o acoso feroz dos xornais... espertaron a xenreira dos antigos admiradores. A estrea da incomprendida Monsieur Verdoux en 1947, a partir dunha idea orixinal de Orson Welles, afastouno definitivamente do público.
Cando en 1952 Chaplin saíu dos Estados Unidos cara Inglaterra, presuntamente para unha estandía breve, sospeitábase que estaba a piques de ser chamado polo Comité de Actividades Antiamericanas. Ademais, presuntamente, o xefe do FBI, Edgar Hoover, ordenara elaborar un informe contra Chaplin. Tamén o fisco andaba á procura do inglés. Así que o cómico decidiu permanecer indefinidamente en Europa e instalouse en Suíza. Só regresaría fugazmente en abril de 1972 para recoller un Oscar honorífico.
Con todo, en 1952 aínda puido estrear Candilexas (Limelight), unha amarga historia sobre cómicos vidos a menos.
Fóra dos Estados Unidos aínda logrou realizar dous filmes máis. Un rei en Nova York (A King in New York, 1957) era unha atrevida sátira sobre o maccartismo e sobre os Estados Unidos que ninguén aprezou no seu momento. Tardaría 20 anos en coñecer unha estrea nos Estados Unidos. A condesa de Hong Kong (A Countess from Hong Kong, 1967) pechou a súa filmografía. Trátábase da segunda película que dirixía sen interpretala. Pero Chaplin perdera o toque. Era unha boa película pero completamente fóra da época en que foi realizada. O empeño saldouse cun rotundo fracaso en recadación. Era igual. Chaplin, con fracasos e escándalos ás costas, xa era unha figura consagrada.
[editar] Os últimos anos da vida de Charles Chaplin
O 4 de marzo de 1975, despois de moitos anos, regresou a Inglaterra para ser nomeado sir pola raíña Isabel II. O 25 de decembro de 1977, mentres agardaba o nadal en Vevey (Suíza), Charles Chaplin morreu. A morte chegoulle durante o sono, dun infarto. Máis tarde, o 3 de marzo de 1978, descubriuse que o seu corpo fora roubado do cemiterio nun intento de chantaxear os seus familiares. A policía desbaratou o plan e conseguiu recuperar os ósos de Chaplin e devolvelos á súa sepultura.
[editar] Chaplin e os óscares
Chaplin gañou dous Óscar de honra. O 16 de maio de 1929 entregáronse os primeiros óscares (daquela aínda non se chamaban así). Chaplin estaba nominado como Mellor Actor e Mellor Director de Comedia por O circo (The Circus) pero non conseguiu ningún premio. En consecuencia, a Academia decidiu entregarlle un premio especial. Máis tarde en 1972 foille concedido un pola súa achega ás artes cinematográficas.
Anteriormente, Chaplin tamén estivo nominado nas categorías de Mellor Película, Mellor Actor, Mellor Guión Orixinal por O gran ditador e por Mellor Guión Orixinal por Monsieur Verdoux (1947). En ningunha das ocasións conseguiu o galardón.
Non obstante, en 1973 recibiu un Oscar pola Mellor Música Orixinal por Candilexas (Limelight, 1952). Por mor das súas dificultades con McCarthy e con Edgar Hoover, o filme non puido ser estreado nos Ánxeles en 1952. Acabou sendo presentado en 1972.
Por outra banda, Charles Chaplin ten a súa estreliña no Paseo da Fama de Hollywood ("Hollywood Walk of Fame", en inglés).
[editar] Filmografía
A listaxe de películas pode ser incompleto. Algunhas películas, especialmente as curtametraxes do período silente, poden aparecer con títulos distintos aos aquí presentados, debido a distintas vacilacións e ás distintas versións presentadas internacionalmente en países de lingua inglesa.
[editar] Curtametraxes mudas
[editar] 1914
- Between Showers
- A Busy Day
- Caught in a Cabaret
- Caught in the Rain
- Cruel, Cruel Love
- Dough and Dynamite
- The Face on the Barroom Floor
- The Fatal Mallet
- A Film Johnnie
- Gentlemen of Nerve
- Getting Acquainted
- Her Friend the Bandit
- His Favorite Pastime
- His Musical Career
- His New Profession
- His Prehistoric Past
- His Trysting Place
- Kid Auto Races at Venice
- The Knockour
- Laughing Gas
- Mabel at the Wheel
- Mabel's Busy Day
- Mabel's Married Life
- Mabel's Strange Predicament
- Making a Living
- The Masquerader
- The New Janitor
- The Property Man
- Recreation
- The Rounders
- The Star Boarder
- Tango Tangles
- Those Love Pangs
- Twenty Minutes of Love
[editar] 1915
- The Bank
- Charlie Chaplin's Burlesque on Carmen
- By the Sea
- The Champion
- His New Job
- His Regeneration
- In the Park
- A Jitney Elopement
- Mixed Up
- A Night Out
- A Night in the Show
- Shanghaied
- The Tramp
- A Woman
- Work
[editar] 1916
- Behind the Screen
- The Count
- The Fireman
- The Floorwalker
- One A.M.
- The Pawnshop
- Police!
- The Rink
- The Vagabond
[editar] 1917
- The Adventurer
- The Cure
- Easy Street
- The Immigrant
[editar] 1918
- The Bond
- Chase Me Charlie
- A Dog's Life
- Triple Trouble
[editar] 1919
- A Day's Pleasure
- Sunnyside
[editar] 1921
- The Idle Class
[editar] 1922
- Pay Day (Día de paga)
[editar] 1923
- The Pilgrim
[editar] Longametraxes
(Como actor e director, agás que se indique o contrario)
- Tillie's Punctured Romance (1914) (actor)
- Shoulder Arms (1918)
- The Kid (O cativo, 1921)
- The Nut (1921) (cameo)
- Souls For Sale (1923) (cameo)
- A Woman of Paris (Unha muller de París, 1923) (director e cameo)
- The Gold Rush (A quimeira do ouro, 1925)
- A Woman of the Sea (1926) (produtor)
- The Circus (O circo, 1928)
- Show People (1928) (cameo)
- City Lights (Luces da cidade, 1931)
- Modern Times (Tempos modernos, 1936)
- The Great Dictator (O gran ditador, 1940)
- Monsieur Verdoux (1947)
- Limelight (Candilejas, 1952)
- A King in New York (Un rei en Nova York, 1957)
- A Countess From Hong Kong (A condesa de Hong Kong, 1967) (director e cameo)
[editar] Outras informacións
En 1992 rodouse o filme Chaplin sobre a súa vida, dirixido por Richard Attenborough. Robert Downey Jr encarnou a Chaplin e a súa propia filla, Geraldine, tamén actriz, participou no elenco.