Aquarium Finisterrae
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O Aquarium Finisterrae, Acuario da Fin do Mundo ou Casa dos Peixes, é un dos "Museos Científicos Coruñeses". Contén, ademais do "gabinete do Capitán Nemo", submerxido na piscina máis grande de Europa, elementos de museos que propoñen experiencias como tocar estrelas de mar ou rodaballos e coñecer onde viven os lagostinos. Tres piscinas exteriores albergan ademais focas, polbos e outras especies das costas do Atlántico europeo. Non se exhiben peixes vistosos doutras latitudes, senón o ecosistema mariño da costa galega. Foi inaugurado o 5 de xuño de 1999.
- O Maremagnum é a sala principal de exhibición permanente. Mide uns 1.600 metros cadrados, ocupados por uns 80 módulos interactivos.
- O Nautilus é unha sala envolvida por unha piscina enorme, de 4,4 millóns de litros. Pretende mostrar unha panorámica do fondo mariño, como se se estivese dentro dun submarino.
- O Paraíso Mariño é unha piscina intermareal, aberta ao mar por unhas comportas. Durante a maré baixa está ocupada por 2,3 millóns de litros, que chegan aos 9 durante a maré alta.
- O Piscinarium é a outra grande piscina exterior. Con 7 metros de profundidade, contén 5,5 millóns de litros de auga. Ocúpanna mamíferos mariños e úsase para recuperar espécimes feridos ou mesmo para facer prácticas de mergullo.
- O Octopus' Garden ("Xardín dos Polbos", nome inspirado nunha canción de The Beatles), é unha piscina exterior fechada cun muro de metacrilato que alberga medio cento de polbos.
- O Xardín Botánico bordea o camiño que liga as tres piscinas exteriores (Paraíso Mariño, Octopus' Garden e Piscinarium), cunha representación das especies vexetais das costas galegas, especialmente de praias e dunas.
- A Terraza permite observar as aves mariñas locais e os movementos de barcos e percebeiros.
Enderezo: Paseo marítimo s/n.
Tel: 981 189 842 e 981 189 843
E-mail: aquarium@casaciencias.org