Alfredo Astiz
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Alfredo Ignacio Astiz (8 de novembro de 1951), coñecido como el ángel rubio e el ángel de la muerte, é un ex capitán de fragata da Armada Arxentina, que durante a ditadura do Proceso de Reorganización Nacional en Arxentina se infiltrou nas organizacións de dereitos humanos como espía. Pertenceu ao GT (Grupo de Tarefas) 332 que actuaba con base na ESMA. Entre os delitos de lesa humanidade que se lle atribúen se contan casos de gran resonancia internacional como o secuestro, tortura e desaparición de dúas monxas francesas, Alice Domon e Léonie Duquet polos cales foi condenado en ausencia en Francia a cadea perpetua, e a moza arxentino-sueca, Dagmar Hagelin.
Índice |
[editar] Biografía
Ao producirse o golpe militar do 24 de marzo de 1976 que deu orixe ao chamado Proceso de Reorganización Nacional Alfredo Astiz foi asignado á Escuela de Mecánica de la Armada (ESMA), baixo o mando do capitán de corbeta Jorge Eduardo Acosta. No marco da Guerra sucia en Arxentina na ESMA organizouse un centro clandestino de detención e un Grupo de Tarefas para realizar operacións ilegais encubertas numerado como GT 332 A este último pertenceu Alfredo Astiz.
O Grupo de Tarefas 332 realizou gran cantidade de secuestros ilegais, levando aos detidos-desparecidos á ESMA, onde se estima que foron detidos e secuestrados ao redor de 5.000 persoas, das cales menos dun 5% sobreviviron. Como foi contado en detalle por outro represor da ESMA, Adolfo Scilingo, o modo básico de facer desaparecer definitivamente aos detidos, era a través dos denominados vóos da morte, mediante os cales se sedaba aos detidos-desaparecidos e se lles tiraba vivos ao mar mediante avións militares.
[editar] O grupo da igrexa Santa Cruz
A Alfredo Astiz encomendóuselle a tarefa especial de infiltrarse nas organizacións de dereitos humanos e en especial na Asociación Nais de Praza de Maio. Para iso adoptou o nome falso de Gustavo Niño, simulando ser familiar dun detido-desaparecido. As nais solían referirse a él cariñosamente como "el rubito", por mor do ton louro do seu cabelo e os seus ollos azuis. Nese carácter Astiz desempeñouse activamente e o seu nome suposto chegou a figurar na solicitude reclamando a liberdade dunha listaxe de detidos-desaparecidos que as organizacións de dereitos humanos publicaron no xornal La Nación o 10 de decembro de 1977. Astiz, baixo o seu nome simulado de Gustavo Niño, acostumaba acompañar ás nais e a outros activistas dos dereitos humanos, nas súas reunións e actividades na igrexa Santa Cruz pertencente aos pais pasionistas, no barrio San Cristóbal de Bos Aires e xogar coas nenas e nenos que integraban a agrupación de boy scouts da parroquia.
En decembro de 1977 tomouse a decisión de facer desaparecer ao grupo de dereitos humanos que se reunía na igrexa Santa Cruz, en gran medida debido a que a exposición de Astiz fora moi alta. Entre o 8 e o 10 de decembro o Grupo de Tarefas 332 secuestrou e detivo clandestinamente ao grupo de Santa Cruz: Azucena Villaflor de Vicenti, Esther Ballestrino de Careaga, María Ponce de Bianco (as tres fundadoras de Nais de Praza de Maio), as monxas francesas Alice Domon e Léonie Duquet, e os activistas de dereitos humanos Ángela Auad, Remo Berardo, Horacio Elbert, José Julio Fondevilla, Eduardo Gabriel Horane, Raquel Bulit e Patricia Oviedo. Durante o operativo Astiz seguiu aparentando ser un familiar e foi sinalando cun abrazo no adro da igrexa a quen debían ser secuestrados. Durante varios anos considerouse que Gustavo Niño era un desaparecido e incluíse nas listaxes para reclamar pola súa vida.
Os doce membros da igrexa Santa Cruz foron torturados e asasinados ao ser arroxados ao mar nun voo da morte. En 2005 algúns dos seus corpos serían achados enterrados como NN no cemiterio de General Lavalle, cercano ás plaias ás que as correntes marinas os arroxaran en 1977.
Hasta en sus peores momentos de dolor, la Hermana Alice que estaba en "Capucha"- preguntaba por la suerte de sus compañeros y en el colmo de la ironía- en forma particular por el «muchachito rubio», que no era otro que el Teniente de Fragata Astiz... (Testemuño de Lisandro Raúl Cubas, Cartapacio N° 6974, Informe Nunca Más, CONADEP, 1985)[1]
[editar] Dagmar Hagelin
O 26 de xaneiro de 1977 o Grupo de Tarefas 332 da ESMA detivo a Norma Burgos, esposa dun alto dirixente da organización guerrilleira Montoneros. Un grupo, no que se atopaba Astiz, permaneceu na casa de Norma Burgos co fin de agardar a chegada, ao día seguinte, de María Antonia Berger, outra alta dirixente de Montoneros.
O 27 de xaneiro de 1977, ás 8:30 da mañá, unha moza de 17 anos, loura e de ollos celestes, chamada Dagmar Hagelin, amiga de Norma Burgos, chegou á súa casa a saudala. Debido ao tipo nórdico de Dagmar Hagelin, o Grupo de Tarefas pensou que era a dirixente montonera que esperaban, e en canto traspasou a porta do xardín apuntáronlle coas armas. Dagmar, que practicaba atletismo, respondeu volvendo saír á rúa para fuxir correndo. Astiz e un cabo de apelido Peralta foron tras ela. Astiz entón deulle dúas veces a orde de alto e procedeu a dispararlle, acertándolle no lado esquerdo cerca do arco superciliar esquerdo, sen causarlle unha ferida de moita gravidade. A consecuencia do disparo Dagmar caeu boca abaixo sobre a beirarrúa. As forzas de seguridade detiveron entón un taxi Chevrolet, chapa-patente C-086838, conducido por Jorge Eles, onde a moza ferida foi introducida no maleteiro. Segundo o dito polas numerosas testemuñas que presenciaron a acción Dagmar atopábase viva e consciente pois intentou frear coas súas mans a tapa do maleteiro antes de pecharse. Dagmar foi vista con vida na ESMA, perdéndose todo rastro dela logo de marzo de 1977.
[editar] Escándalo internacional
A desaparición das monxas francesas Léonie Duquet e Alice Domon e da moza arxentino-sueca Dagmar Hagelin produciu un involucramento activo e directo dos gobernos de Francia e Suecia, respectivamente, para esixir ao goberno arxentino información concreta sobre as tres mulleres desaparecidas. No caso de Dagmar Hagelin ata reclamaron enerxicamente ao presidente dos Estados Unidos James Carter e ao Papa Xoán Paulo II.
En novembro de 1979 a opinión pública mundial coñeceu por primeira vez testemuños directos dos campos de concentración na Arxentina, a través das declaracións de tres liberadas que estiveran na ESMA: Ana María Martí, Alicia Milia de Pirles y Sara Solarz de Osatinsky. A prensa sueca dixo entón que "Dagmar fue arrojada al mar", pero ningunha das tres coñecía nada sobre a sorte da moza. Con todo Pirles e Osatinsky deron a coñecer unha información decisiva: que Norma Susana Burgos tamén fora liberada e estaba en Madrid.
As autoridades suecas tomaron entón contacto con Norma Burgos, quen prestou un testemuño decisivo o 13 de decembro de 1979. Contou que mentres estaba detida na ESMA, viu e falou con Dagmar Hagelin en tres oportunidades, o mesmo 27 de xaneiro en que a moza foi secuestrada e novamente, dous ou tres días despois e ao finalizar a primeira semana de febreiro. Nas dúas primeiras ocasións Dagmar atopábase consciente nunha padiola na enfermería do soto. Presentaba unha ferida un pouco máis arriba do arco superciliar esquerdo, un derrame avermellado baixo os seus ollos e non podía controlar esfínteres. Chegou a preguntarlle como estaba e Dagmar contestou algo equivalente a "a pesar de todo me siento bien". A última vez que a viu foi no terceiro piso, levantándose a capucha por uns poucos segundos: Dagmar estaba nunha habitación soa, de pé e cun camisón ou bata floreada. Aproximadamente o 10 de febreiro, Burgos viu que a habitación na que se atopaba Dagmar estaba baleira e logrou que un custodio lle informase que fora trasladada individualmente. Burgos declarou tamén que:
...a diferencia de otros casos que solían ser referidos en los diálogos entre los captores y entre estos y sus prisioneros, nunca nadie más hizo mención a la suerte corrida por Dagmar Ingrid Hagelin.[2]
Norma Burgos ata, tiña a blusa que Dagmar tiña posta cando foi secuestrada e levada á ESMA, e entregoulla ao pai.
No seu testemuño Burgos brindou outro dato fundamental, ao individualizar á persoa que disparou contra Dagmar e que conducía ao grupo que a secuestrou: Alfredo Astiz.
O 11 de abril de 1980 logo de anos de intentar que o goberno arxentino colaborase para establecer o que sucedera coa moza, o goberno sueco deu a coñecer publicamente o testemuño de Norma Susana Burgos e entregou á prensa europea unha foto de Astíz dicindo:
Este es el secuestrador.[3]
[editar] A súa participación na Guerra das Malvinas
Pouco tempo despois, o 2 de abril de 1982 a Arxentina ocupou militarmente as Illas Malvinas dando orixe á Guerra das Malvinas. Astiz nesa situación foi destinado ás Illas Georgias do Sur para dirixir un grupo comando chamado Los Lagartos. O 25 de abril as tropas británicas desembarcaron nas illas. Poucas horas despois Astiz, ante tropas non moi superiores e ao disparo do primeiro mísil blow pipe británico, rendeu incondicionalmente o pavillón arxentino. Unha histórica fotografía mostra o momento no que Astiz, de barba asina a rendición ante os capitáns Pentreath e Barker das forzas armadas británicas(ver foto aquí).
Astiz quedou entón detido como prisioneiro de guerra. Francia e Suecia reclamaron entón a súa extradición para xulgalo. Pero Gran Bretaña, gobernada entón por Margaret Thatcher, invocou a Convención de Xenebra, para negar a extradición e devolveuno á Arxentina ao finalizar a guerra[4].
[editar] A vida de Astiz unha vez finalizada a ditadura
Máis aló das contraditorias consecuencias que para a súa liberdade tiveron os diferentes xuízos por delitos de lesa humanidade que se lle seguiron, unha vez terminada a ditadura Alfredo Astiz simbolizou paradigmáticamente as aberracións cometidas durante a guerra sucia en Arxentina e adoita sufrir agresións de diverso tipo as poucas veces que aparece en lugares públicos.
A xornalista arxentina Gabriela Cerruti realizoulle unha histórica reportaxe na que dixo, entre outras cousas:
Yo digo que a mí la Armada me enseñó a destruir. No me enseñaron a construir, me enseñaron a destruir. Sé poner minas y bombas, sé infiltrarme, sé desarmar una organización, sé matar. Todo eso lo sé hacer bien. Yo digo siempre: soy bruto, pero tuve un solo acto de lucidez en mi vida, que fue meterme en la Armada.[5].
[editar] Xuízos
A causa penal contra Astiz pola desaparición de Dagmar Hagelin foi pechada en 1986 por considerar que a causa había prescripto.
Pouco despois, as presións militares levaron a sancionar as leis de Punto Final e Obediencia Debida que cancelaron a maioría dos xuízos por crimes de lesa humanidade acontecidos durante a guerra sucia en Arxentina.
Ante a impunidade establecida na Arxentina para xulgar a Astiz, Francia xulgouno en ausencia en 1990 condenándoo a prisión perpetua, polo secuestro e o asasinato de Alice Domon e Léonie Duquet. A partir dese momento Astiz nunca máis puido saír da Arxentina pois podía ser inmediatamente detido e enviado a Francia para cumprir a súa condena.
En 1998 foi expulsado da Mariña e perdeu o seu rango.
En 2003 o Congreso Nacional anulou as leis de Punto Final e Obediencia Debida permitindo a reapertura de varias causas coas que estaba vinculado, dispoñéndose por tal motivo a súa prisión preventiva na mega-causa ESMA.
En maio de 2006 foi procesado con prisión preventiva pola desaparición do grupo da Igrexa Santa Cruz e outros seis casos de secuestros e torturas[6]. En Francia foi condenado a cadea perpetua.
Pouco despois, o 18 de agosto de 2006 a Cámara de Casación Penal, admitiu a trámite a petición de reapertura da investigación do ocorrido con Dagmar Hagelin por considerala delito de lesa humanidade e como tal imprescriptible[7].
Por outra banda en 1997 o xuíz español Baltasar Garzón solicitou a detención e extradición de 45 militares arxentinos e un civil a quen procesou por xenocidio, terrorismo de Estado e someter a torturas a presos políticos durante o réxime de facto que gobernou en Arxentina entre 1976 e 1983. Entre eles atópase Alfredo Astiz[8]. A petición foi rexeitada varias veces polo goberno arxentino alegando o principio de territorialidade.
O 27 de xullo de 2003 o presidente Néstor Kirchner mediante o Decreto 420/03 modificou o criterio de rexeitamento das extradicións sustentado ata ese momento ordenando "obrigatoriedade do trámite xudicial" solicitado pola Xustiza española, e abrindo así o camiño á extradición efectiva dos militares requiridos[9].
Simultaneamente, en agosto de 2003, o entón presidente de España José María Aznar ordenou non continuar co proceso de extradición das solicitudes por crimes durante o goberno de facto en Arxentina. Pero en 2005 esta decisión foi anulada pola Corte Suprema de España[10], ordenando continuar adiante coas extradicións solicitadas por Garzón.
Actualmente, o errado militar e exitoso represor Alfredo Astiz padece dun cancro de páncreas.
[editar] Notas
- ↑ Informe Nunca Más, Capítulo II, Víctimas, E. Religiosos, Informe Nunca Más, CONADEP, 1985
- ↑ Testemuño de Norma Susana Burgos ante o goberno de Suecia, 13 de decembro de 1979
- ↑ Dagmar Ingrid Hagelin, Desaparecidos
- ↑ Malvinas, 20 años después, por Ricardo Herren, El Mundo, Madrid, 2002
- ↑ El asesino está entre nosotros; Gabriela Cerrutti, Revista Trespuntos (Director: Héctor Timerman), Bos Aires, 14 de xaneiro de 1998
- ↑ Otro cerrojo para Astiz y la patota de la ESMA, Páxina 12, 11 de maio de 2006
- ↑ El caso Hagelin, Páxina 12, 28 de agosto de 2006
- ↑ Auto de procesamento de militares arxentinos, Juzgado Central de Instrución Nº 5 de España, 29 de decembro de 1997
- ↑ Argentina al rojo vivo tras la decisión del presidente Kirchner de habilitar la extradición de militares acusados de violaciones a los derechos humanos, El Espectador, 27 de xullo de 2003
- ↑ Corte Suprema española ordenó pedir extradición de militares argentinos, 22 de xullo de 2005
[editar] Véxase tamén
[editar] Bibliografía
- Verbitsky, Horacio (1996), El vuelo, Buenos Aires: Planeta. ISBN 950-742-608-6.