Alex Kidd in Miracle World
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Alex Kidd in Miracle World é un xogo de plataformas para a consola de 8-bit Sega Master System. Foi lanzado por primeira vez no Xapón o día 1 de novembro de 1986.
Como Super Mario Bros., ten un scroll uni-direccional, o que significa que nos niveis non se poden revisitar áreas que xa se deixaron atrás, aínda que algúns niveis ofrecen ao xogador a posibilidade de exploralos libremente.
Alex Kidd in Miracle World estivo inicialmente dispoñible en formato cartucho. A partir de 1990, foi incluído dentro dalgúns modelos do hardware da Master System, incluíndo algunhas versións europeas e estadounidenses da Master System 2, e versións europeas da Master System 1.
Esta nova versión e lixeiramente distinta da orixinal en cartucho. Isto é claramente visible entre nivel e nivel. Na versión orixinal, Alex come unha bóla de arroz. Na incluída interna na consola, Alex come unha hamburguesa.
Existen falsos rumores dunha versión na que Alex aparece bebendo unha cervexa. É posible que este mito proceda de persoas que non están familiarizadas coas bólas de arroz xaponesas, e que confundiron a bóla de arroz cunha cervexa.
Un aspecto distintivo deste xogo son as loitas de "pedra-papel-tesoiras" para vencer a determinados inimigos en lugar de empregar solucións violentas. Isto significa que unha vez atopado un xefe, hai unha posibilidade entre tres de morrer, e o éxito sería obtido de xeito aleatorio. Porén, poden memorizarse facilmente (pedra, papel ou tesoiras), posto que sempre son repetidas as mesmas opcións.