Xoán II Platino, Exarca
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Ioannes Platyn foi un exarca de Ravenna (687-701 ou 702).
Xoán substituíu a Teodoro II como exarca en 687. Ese mesmo ano, desempeñou un papel activo nunha disputada elección papal. Subornado polo arquidiácono Pascual, esixiu que este fose nomeado Papa. O conflito con outro candidato a Papa, Teodoro, semellaba inevitábel, pero entón Serxio I, un candidato de compromiso, foi nomeado Papa. Pascual non perdeu a esperanza, con todo: prometeulle a Xoán cen libras de ouro a cambio do Papado. Xoán foi rapidamente a Roma, pero veu que ía ser demasiado difícil ir en contra da maioría. Recoñeceu a Serxio, pero esixiulle as cen libras de ouro que Pascual lle prometera. Serxio protestou, dicindo que el non fixera tal promesa; como Xoán non cedía nas súas demandas, tomou os vasos sagrados de San Pedro, proclamando que era todo canto tiña. O pobo de Roma, cada vez máis irado co exarca, uniuse ao papa e pagou a suma requirida.
En 691 o emperador bizantino Xustiniano II enviou ao Papa Serxio unha serie de canons, con instrucións de que debía aprobalos. Como algúns deles ían contra os intereses do Papado, Serxio negouse; Xustiniano vingouse enviando a un tal Zacarías para prendelo. O resultado foi desastroso para o exarcado. Os exércitos imperiais en Ravenna e Roma negáronse a cooperaren; o exército de Ravenna marchou a Roma para defender a Serxio, e uníronselle soldados da Pentápole. Os soldados chegaron a Roma, rodearon a residencia papal, e solicitaron ver ao papa. Cóntase que Zacarías se escondeu baixo o leito do Papa ata que o mesmo Serxio lle permitiu fuxir; en todo caso, o Papa quedou a salvo. Este asunto foi un estorbo para a autoridade de Bizancio en Italia, e socavou o poder de Xoán.
Xoán foi sucedido por Teofilacto sobre 702.
Exarcado de Ravenna | ||
---|---|---|
Segue a: {{{ANTES}}} |
Xoán II Platino, Exarca | Precede a: Teofilacto, Exarca |
-
ANTES=Teodoro II, Exarca |