Terceiro Mundo
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Os termos Primeiro Mundo, Segundo Mundo e Terceiro Mundo, aínda que subxectivos, utilízanse para dividir as nacións en tres categorías. O termo Terceiro Mundo foi cuñado polo economista francés Alfred Sauvy en 1952, nun artigo da revista L'Observateur, mostrando un paralelismo co termo francés tercer estat (tiers état), para designar os países que durante o período da Guerra Fría, non pertencían nin ao bloque occidental (Estados Unidos Europa Occidental, Australia, etc.), nin ao bloque comunista (Unión Soviética, China, Europa Oriental, etc.). Estes países serían tamén coñecidos como o bloque dos non aliñados.
Non obstante, na actualidade, este termo utilízase para diferenciar os países segundo o seu Índice de Desenvolvemento Humano (estabelecido polas Nacións Unidas), independentmente do seu estatus político. Os estados do terceiro mundo non son estados industrializados nin avanzados tecnoloxicamente en comparación cos estados membros da OCDE; polo tanto, a miúdo se utiliza como sinónimo o termo países en vías de desenvolvemento ou países subdesenvolvidos. Algúns estados son caracterizados así pola súa alta taxa de analfabetismo e as súas deficiencias económicas e políticas. As características comúns dos países do Terceiro Mundo adoitan ser unha base económica agrícola, unha economía endebedada cos países economicamente máis poderosos e unha escasa infraestrutura.
Dado que o termo Terceiro Mundo adquiríu un carácter derrogatorio, as Nacións Unidas e outras institucións internacionais, preferen outros termos como Sur Global, países en vías de desenvolvemento e países menos desenvolvidos.