Sidney - Sydney
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
- Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Sidney.
Mapa | |
---|---|
Información | |
País | Australia |
Estado | Nova Gales do Sur |
Data de establecemento: | 26 de xaneiro de 1788 |
Superficie | 12.144,6 km2 |
Poboación | 4.297.100 (est) |
Densidade | 345,7 h/km² |
www.cityofsydney.nsw.gov.au |
Sidney (en inglés: Sydney) é a capital do estado de Nova Gales do Sur e a cidade máis populosa da Australia. O concello de Sidney posúe somente unha poboación de case 165 mil habitantes mais incluíndo a súa área metropolitana ten perto de 4 millóns 300 mil repartidos por cerca 600 suburbios.
Sidney foi tamén o primeiro asentamento europeo na illa. A súa fundación tivo lugar o 26 de xaneiro de 1788 na Enseada de Sidney como colonia penal por Arthur Phillip, capitán da First Fleet, que a baptizou con este nome en honra de Thomas Townshend, Lord Sydney, por aquel entón ministro do interior británico.
Sidney está situada na costa sueste da illa da Australia entorno a fermosa Baía de Jackson, tamén coñecida aínda que incorrectamente como Baía de Sidney, e que lle dá o alcume d'A Cidade Da Baía.
Sidney é o maior centro económico do país, dedicándose especialmente á fabricación de produtos manufacturados, á prestación de servizos financeiros, ao comercio e ao turismo. Neste último aspecto, Sidney, é un dos destinos turísticos internacionais máis demandados do Pacífico, recebendo todos os anos máis de 4 millóns de turistas. Sidney é mundialmente coñecida polas súas fermosas praias, como as praias de Bondi e Manly; pola súa arquitectura contemporánea, como a Casa da Ópera e a Ponte do Porto; e, polos seus entornos naturais, como as Montañas Azuis e a Costa Central. Ten sido un pulo importante para o turismo o facto de ter acollido numerosos eventos internacionais esportivos, políticos e culturais.
Sidney é, alén, unha das cidades máis multiculturais e cosmopolitas do mundo, debido en parte a cantidade de inmigrantes vindos de todos os cantos do planeta, representando en torno de 180 países. Cerca do 30% dos moradores da cidade naceron noutros países, onde o 4,5% o fixeron no Reino Unido, o 2,3% na China, e 2,1% na Nova Celandia. Outros pobos con presenza significativa na cidade son os libaneses, gregos, italianos, coreanos, rusos, indianos, vietnamitas, indonesios, e tailandeses.
Índice |
[editar] Historia
- Ver artigo principal: Historia de Sidney.
Existen evidencias de que a rexión da cidade de Sidney tiña sido habitada polos aboríxenes australianos de maneira continuada desde facía polo menos 40 mil anos antes da chegada dos europeos. En 1788, cando asentaron os británicos, estimouse que vivían en toda a rexión da baía entre 4 mil e 8 mil aboríxenes repartidos en pequenos clans. Cada clan tiña un territorio que determinaba os recursos dispoñíbeis e falaba unha lingua dos tres grupos de linguas da rexión. O clan dos Cadigal falaba o dialecto costeiro da lingua Darug e era o morador orixinal da área do concello de Sidney. Segundo Arthur Phillip, o fundador da cidade, a poboación Cadigal tiña ao redor das 1500 persoas. Os británicos baptizáronos como os Eora pois ao perguntarlles de onde viñan, a resposta dada era sempre "eora", que significa "de aquí" ou "deste lugar". As poboacións aboríxenes foron drasticamente reducidas após unha epidemia de varíola en 1789, enfermidade traída polo europeos á illa. Os poucos que sobreviveron foron desprazados paulatinamente polos europeos para áreas periféricas, como a Baía de Botany no sur. En 1830 xa case non quedaban aboríxenes vivindo na rexión da cidade de Sidney.
O capitán James Cook foi o primeiro europeo en alcanzar a rexión de Sidney. Fíxoo o 29 de abril de 1770 ancorando o seu navío, o Endeavour, na Baía de Botany. O interese europeo por colonizar á Australia xurdíu cando o goberno británico procuraba un lugar para onde enviar condenados. Sir Joseph Banks, o botánico a bordo do Endeavour, recomendou entón a Baía de Botany. Asín, baixo instrucións do goberno británico, enviouse a Arthur Phillip e aos once navíos que compuñan a First Fleet para tal propósito. Chegaron á baía o 18 de xaneiro de 1788 mais non había boas fontes de auga doce e tampouco un lugar no que poder aportar de maneira segura. Isto levouno a navegar cara o norte até a Baía de Jackson onde encontrou as condicións ideais na Enseada de Sidney. Así o 26 de xaneiro dese mesmo ano fundou, realizando unha pequena cerimonia, a colonia penal que a baptizou con ese nome en honra de Thomas Townshend, Lord Sydney, polo papel xogado na sua autorización para estabelecer a colonia. Esta data é hoxe celebrada como o Día de Australia.
Desde o principio as relacións entre os aboríxenes australianos e os colonos ingleses foron tensas. Houbo unha resistencia violenta ao asentamento británico por parte dos aboríxenes australianos, que estaban liderados polo guerreiro Pemulwuy. Isto levou ao entón gobernador de Nova Gales do Sur, Lachlan Macquarie, a tomar medidas en 1820 para 'civilizalos, cristianizalos e educalos'.
O desenvolvemento do asentamento iniciouse a partir do ano 1810 coa ocupación por Macquarie do posto de gobernador de Nova Gales do Sur. Os condenados para alá enviados construíron rúas, pontes, embarcadoiros e edificios públicos, e asín a finais do seu mandato no ano 1822, o asentamento xa posuía bancos, mercados, policía e vías públicas ben estabelecidas. Os anos 30 e 40 dese século foron períodos de desenvolvemento urbano, incluíndo a aparición dos primeiros suburbios. Este rápido crecemento debeuse a chegada desde o Reino Unido e Irlanda de inmigrantes en busca dunha vida mellor nas novas terras. O 20 de xullo de 1842, Sidney foi declarada unha cidade, a primeira da Australia, sendo Charles H. Chambers o seu primeiro alcalde. A febre do ouro de 1851 trouxo tamén a outros moitos inmigrantes a Australia en xeral e a Sidney en particular, pois para a maioría deles foi o seu primeiro punto de chegada e tamén de estabelecemento. Xa a finais do século a Revolución Industrial significou a industrialización da cidade e máis inmigrantes tamén. Coa industrialización Sidney expandeuse rapidamente e para principios do século XX xa pasaba do millón de habitantes.
O século XX foi o século da transformación de Sidney na cidade que hoxe coñecemos. A súa imaxe mudou coa finalización das obras da Ponte do Porto en 1932 e da Casa da Ópera en 1973, os dous símbolos da cidade. Alén, converteuse nunha cidade cosmopolita e multicultural coa chegada de inmigrantes de todas as partes do mundo e co acollimento de multiples eventos nacionais e internacionais do mundo do esporte, a política e a cultural. Neste senso destaca especialmente ter sido a sede no ano 2000 dos Xogos Olímpicos.
[editar] Orixe etimolóxica
A cidade foi fundada en 1788 bautizándoa en honra de Thomas Townshend, Lord Sydney, daquela ministro interior británico, de quen recibe o seu nome.
[editar] Outros datos de interese
A cidade ten aproximadamente catro millóns de habitantes. A maioría é de orixe británica ou irlandesa. Moitos asiáticos viven tamén nesta cidade, en particular no barrio chinés. Sidney non é a capital de Australia, pero é a capital de Nova Gales do Sur.
A baía de Botany (en Sidney) foi o lugar onde aportaron os primeiros barcos europeos en 1788. Antigamente era unha colonia penitenciaria británica.
Sydney ten a Ópera de Sidney, que é unha das obras máis famosas da arquitectura contemporánea. A ponte do porto é moi coñecida tamén; ten un só arco de 500 metros de longo.
Cada verán repítense os incendios forestais nos parques nacionais que están cerca da cidade.