Santo Graal
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O Santo Graal, segundo un conxunto de lendas e mitos cristiáns, é o cáliz onde Xesucristo serviu o viño na Derradeira Cea. Isto deu lugar a unha materia (temática) específica na literatura medieval, dentro da cal os heroes artúricos (os cabaleiros da Mesa Redonda) debían ir buscar o Graal polo mundo, pois este obxecto tería enormes poderes. A tradición conta que foi Perceval o que o atopou, mentres que trala cristianización do mito sería Galaaz quen o fixo. Unha das lendas que chegaron ata os nosos días conta que está localizada no Cebreiro.
[editar] A lenda do Cáliz Sagrado
Segundo a lenda, Xosé de Arimatea tería recollido no cáliz, empregado na Última Cea, o sangue que brotou de Cristo cando el recibeu o golpe de misericordia, dado polo soldado romano Longinus, usando unha lanza, despois da crucifición.
Noutra versión da lenda, tería sido a propia María Magdalena, segundo a Biblia a única muller alén de María (a nai de Xesús) presente na crucifixión de Xesús, quen tería ficado coa custodia do cáliz e o tería levado a Francia, onde pasou o resto de súa vida.
A lenda tornouse popular en Europa nos séculos XII e XIII por medio dos romances de Chrétien de Troyes, particularmente a través do libro "Le Conte du Graal" publicado arredor de 1190, e que conta a busca de Sir Percival polo cáliz.
Máis tarde, o poeta francés Robert de Boron publicou Roman de L'Estoire du Graal, escrito entre 1200 e 1210, e que se tornou a versión máis popular da historia, e xa contén todos os elementos da lenda que hoxe coñecemos.
Na literatura medieval, a procura do Graal representaba a tentativa por parte do cabaleiro de alcanzar a perfección. En torno del creouse un complexo conxunto de historias relacionadas co reinado de Artur en Inglaterra, e da busca que os cabaleiros da Táboa Redonda fixeron para obtelo e devolver a paz ao reino. Nas historias mestúranse elementos cristiáns e pagáns relacionados coa cultura celta.
A presenza do Graal en Inglaterra está xustificada por ter sido Xosé de Arimatea o fundador da Igrexa inglesa, para onde foi ao saír de Palestina.
Segundo algunhas historias, o Santo Graal tería ficado baixo a tutela da Orde do Templo, tamén coñecida como Orde dos Pobres Cabaleiros de Cristo e do Templo de Salomón, institución militar-relixiosa creada para defender as conquistas nas Cruzadas e os peregrinos en Terra Santa. Algúns asocian aos templarios a irmandade que Wolfram cita en "Parsifal".
Noutra versión, o cáliz tería sido levado de Constantinopla para Troyes, en Francia, onde desapareceu durante a Revolución francesa.